El tiempo
miércoles. 06.07.2022
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Marta Pazos no Campo de Figos

Hai unha exposición Galicia Futura, que anda polo país. Marta Pazos fixo a obra Campo de Figos. É un cuarto púrpura con figos plantados nas paredes dunha habitación. Ao entrar na instalación pensei en que podería ser unha ilustración en tres dimensións polas cores e polo tamaño dos froitos.
Marta Pazos
Marta Pazos

MARTA PAZOS está sempre en escena. Agora con Ás oito de tarde, a hora na que morren as nais e Othello, despois estará en Mérida con Safo e máis tarde, no Liceo coa ópera Alina B. Dialogar con ela provócame tensión porque pode desmontarme calquera pregunta a base de sagacidade e coñecemento. Concedeume media hora. Eu miraba o reloxo correr como se fose estalar unha bomba. Temía facerlle perder ese tempo que valora tanto, pero aínda demos conversado sobre tres temas que percorren a súa carreira: o amor, a morte e a muller.

Falamos da versión de Othello que desenvolve a súa compañía, Voadora. Fernando Epelde escribiu a versión a partir da obra que Shakespeare subiu a un teatro arredor de 1603. Recordarán que Othello é un xeneral otomano que, tras gañar varias batallas para o imperio de Venecia, é nomeado gobernador de Chipre. Marcha para a illa canda Desdémona, unha muller caucásica, e canda outros militares: o tenente Casio, e o alferez Iago. Iago odia a pel, o amor e o escalafón de Othello. Convénceo de que Desdémona lle foi infiel con Casio. O ataque de ira do xeneral veneciano empúxao a matala para logo darse de conta do engano e suicidarse.

Chamoume a atención que Marta Pazos infiltre comedia neste drama, por moito que estea afeito a que enfoque as montaxes dende tonalidades opostas. Ela explica que percibe "esta obra como unha pulsión entre binomios: a mentira e a verdade, a delicadeza e a forza bruta, a luz e a escuridade, o público e o íntimo, o amor e o odio". Seguindo esa "lóxica de contrarios" chega a biselar drama e comedia.

Indícolle que Shakespeare solventa que Othello quebre a tráquea da súa muller cunha frase, a maiores cunha frase breve: "Non hai tempo. É demasiado tarde"

Baixando esa escaleira argumental atopamos que Shakespeare escribe Desdémona coma unha nota á marxe, coma vítima dunha tirapuxa de celos e soberbias con resultado mortal de necesidade.

—A obra sempre se conta dende o punto de vista de Otelho e Iago. Nós escollemos que Desdémona volva coma unha fantasma, coma un espírito. A personaxe orixinal está escrita como que ela non percibe a súa morte, como que é unha sorpresa para ela. Na nosa versión pode ver dende fóra o que lle está pasando e o que lle vai pasar.

Eu leo Desdémona coma un símbolo de pureza que é ameazada e, ao cabo, destruída pola desconfianza brutal de Othelo. Marta Pazos discrepa: 

—Eu non a vexo así. En obras anteriores de Shakespeare, hai personaxes femininas que  podían ser dese xeito, como Hermia do Soño dunha noite de verán, que debe escapar para poder casar. Pero Desdémona ou Emilia, —muller de Iago— están posicionadas para a súa época. Desdémona casa con Othello ao principio da obra pese a oposición do seu pai, que non o consinte. É unha decisión que tomara antes de iniciarse a trama. E tamén vai a Chipre á guerra coa oposición do pai.

Indícolle que Shakespeare solventa que Othello quebre a tráquea da súa muller cunha frase, a maiores cunha frase breve: "Non hai tempo. É demasiado tarde".

—É moi breve. O punto de xiro máis grande da obra é unha acotación. Nós buscamos darlle unha perspectiva. A nosa versión é posterior ao 8 de Marzo. O teatro ten que ser un reflexo da sociedade, debemos revisar o que nos achegan os clásicos. É interesante contar a historia dende o punto de vista dos personaxes non privilexiados.

Marta Pazos prolonga o razoamento para subliñar que "é tamen interesante o monólogo final de Emilia, é moi 8M".
Emilia, sigo rememorándolles, recolle un pano que Othello lle regalou a Desdémona e dállo ao seu esposo, Iago. O alferez vai usalo como proba testemuñal da infidelidade. Cando Desdémona, exasperada, lle pregunta onde está  o pano, Emilia cala. O silencio, ese ocultarlle a trama de Iago, cataliza a traxedia.

Despois de falar coa dramaturga de Pontevedra, volvín ler unha pasaxe da obra na que Emilia non cala, senón que arenga á feminidade. "As mulleres temos fígado e fel; e aínda que preferimos a paz e a graza, temos sede de vinganza. Que se decaten os maridos, que as súas mulleres teñen sentidos como os seus; que vemos, que cheiramos e que temos padais para o doce e o amargo. Por que os homes cámbiannos por outras? Por diversión? Penso que si. É por fraxilidade que se equivocan? Tamén é. E seica nós carecemos dos afectos, os desexos de diversión e a fraxilidade que teñen os homes?".

Pazos explícame que a súa escenografía de Othello "ten un pantone de pel, porque falamos da pel, é unha pel caucásica"

O seguinte proxecto da directora é unha obra sobre Safo que vai estrear no Festival de Teatro Clásico de Mérida. Paréceme audaz que estea montando un espectáculo sobre unha poeta grega que viviu entre os séculos VII e VI anteriores ao alumeamento de Cristo da que se conservan unicamente seiscentos dos dez mil versos que se estima que compuxo.

—Este espectaculo trata de revelar a figura de Safo ao longo da historia e despois dela. É unha poeta importantísima.

Platón enxalzouna como "a décima musa". Dionisio de Halicarnaso nomeouna como "a máis exquisita voz lírica". Máis tarde, en Roma, os poetas latinos Catulo y Horacio inspiráronse nos seus versos. Marta Pazos achega outra visión:

—Non a tratamos coma musa, senón como xenio, queremos divulgala porque foi invisibilizada. Ela escribía, sobre todo, para vodas; é ludica.

Hai teóricos que afirman que Shakespeare suavizou o racismo ao escribir A traxedia de Othello, o moro de Venecia. Pazos explícame que a súa escenografía de Othello "ten un pantone de pel, porque falamos da pel, é unha pel caucásica en contraposición co negro do exército veneciano e do negro do reflexo dos canais de Venecia pola noite. Hai tamén un tratamento dos doseis das camas. Hai un velo e un revelado; a mentira é algo revelado, así é como se constrúe a mentira de Iago.

A dramaturga relaciona a plástica co teatro dun xeito ben suxestivo. Falamos doutras cousas, dos seus estudos de Belas Artes, da formación en pintura; do que lle atraen a ilustración francesa e o surrealismo, "hai unha vontade de relación co mundo fantástico, con Moebius". Tiven un póster cun debuxo de Moebius colgado na habitación. Era unha infantaría do futuro avanzando, dacabalo duns animais primitivos, por un deserto de rochas suavizadas pola brisa. Entre os centos de soldados había un autorretrato do debuxante francés. "O interesante é levar a tres dimensións con eses referentes da ilustración", conclúe.

O actor que fai de xefe militar veneciano, Chuma Mata, axudoulles a percibir a inconveniencia deses comentarios despectivos

A literatura inglesa da época de Shakespeare é racista. Penso que, por iso, o dramaturgo non incide no racismo contra Othello. A dramaturga volve ter unha visión distinta. Eu son consciente que a súa opinión está máis fundamentada ca miña, así que calo.

—Iago paréceme totalmente islamofóbico. Búrlase de Othello por ser otomano e porque non fala ben. "As miñas roupas e o meu rango dan proba do meu estatus", replica o xeneral. Ten a inferioridade da pel. A pesar que nesa época había moito fascinio polo oriental. Métense con el durante a obra, pregúntanse se ten o sangue quente, cómo será como amante.

Utilizo ese eixo para preguntarlle por un asunto que confesara a propia Pazos. As bromas despectivas durante a lectura dos textos desta versión de Othello. O actor que fai de xefe militar veneciano, Chuma Mata, axudoulles a percibir a inconveniencia deses comentarios.

—Tratase de poñer na palestra o que está instaurado na nosa educación. Son bromas que nos pasaban desapercibidas. Agora temos outra visión do discurso da pel. Estamos atentas. Cando eramos nenos cantabamos a canción do Cola Cao —"Yo soy aquel negrito/ del África tropical"— e comiamos Conguitos. Xa non se fai. Non rimos de certas cousas. Temos que ser autocríticos.

Marta Pazos no Campo de Figos
Comentarios