El tiempo
viernes. 27.01.2023
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

Músicas confidenciais na beira do río vello

Van emerxendo tribos ocultas das augas escuras do río, que dicían os Radio Futura. Terrae son un dúo formado nalgún lugar fluvial do país antigo, pero Galicia é o país dos mil ríos, segundo a contabilidade detallada que nace da topografía de Cunqueiro.
Terrae
Terrae. EP

A proposta de Terrae é mesturar música de raíz e electrónica, unha fórmula tan activa  tan forte e viva en Galicia como vemos con Baiuca, que lidera as listas de Spotify, coa diferenza de que os Terrae marchan a Colombia para entrar na fraga densa da tradición e practican cumbia con pantallas animalísticas de Laza.
—Chamamos a uns colegas meus de cando eu estivera en Tucumán.

Un terrae fálame dende a cova do anonimato, é un Gorxa Fonda, que me pasa  información nun garaxe, entre coches norteamericanos, coma se estivese implicado nun watergate da escena musical. Dime que debutaron o ano pasado con Semen, "que se chama así por ser unha semente". Botaron a semente durante a pandemia. Cando todos dispuxemos de toneladas de tempo pesadísimo para desesperar eles optaron por compoñer cada un na súa casa dos ordenadores postos en hora.

Despois daqueles cinco temas que procedían da selva máis azulescura do centro de África, volven con Madre Tierra. Serán dez temas nun selo francés, Cosmovisión Records. A música de Terrae pode irse comprendendo como temas de african house e deep house, pero tamén  como encontros de electrónica e tradicional, ou como tema de música tradicional xaponesa ou hindú, así como poñela en relación coa música dos indios americanos, pero tamén co son cubano e o  fado. "Temos un Alberto Mbundi angoleño". Arranca cun tema co mesmo nome do álbum na que cantan  os rapeiros colombianos.

—O meu compañeiro non estaba convencido de que fixésemos cumbia, el é de música electrónica e non o vía. Por outra banda, leva moitos anos vinculado profesionalmente coa música tradicional. Foi cousa miña. A cumbia é un ritmo que gusta a todo o mundo, dende un neno punkie a un vello rockeiro. A cumbia é unha música alegre e divertida moi popular en Arxentina e Colombia. Entre eses países hai discusión sobre quen inventou a cumbia. En Latinoamérica hai unha explosión  de cumbia, a cumbia electrónica é seguida por milleiros de persoas. 

O poemario de Lúa Mosquetera garda outras dores; pero, sobre todo, é un túmulo funerario á nai

Familia Caamagno tamén se esconde, pero a cara a descuberta; cada músico da banda de Sigüeiro leva un traxe igual o do seu comparñeiro. O interese do grupo polo colectivo é constante. Manuele Caamagno escríbeme para contarme que o martes publican o disco O mundo está derrotado, do que adiantaron dous singles que aúnan persoas: unha versión na que a canción lixeira de Juan Pardo Xuntos se acerca máis a producida por Pete Thownshend para The Who e un tema chamado Romper Espagna, no que se adiantaron á rutura do sececionismo catalán explicando que eles non van romper Espagna, pero tampouco van facer nada para que deixe de romperse porque teñen abondo con namorar e bailar. Supoño que, tras o acalmamento vasco e do guirigai catalán, a alguén se lle podería ter ocorrido mirar cara a Galicia. Ana Pontón deixou claro que o Bloque comprendeu que o único xeito de gobernar o país é ir ocupando os espazos de poder. Ramón Piñeiro explicóunolo hai setenta anos, nun momento en que o poder estaba concentrado no pequeno corpo do dictador e empuxaba violentamente fóra a todo quen tratase de adentrarse. A líder do Bloque marcou cun xiz as costuras que quere para Galicia. Non vai dar o rodeo das outras nacionalidades históricas para chegar a conclusión de que o asunto non vai tanto de independendizarse como de executar o cambio de elites políticas que se deu xa na sociedade catalá e se vai dar na vasca a non moito tardar.

Esta semana de outono vai de máscaras, de máscaras de Antroido postas a destempo; en outuro, nas antípodas de febreiro. As máscaras de Terrae perderon o Enterro da Sardiña no seu calendario. Lúa Mosquetera e Marcos Lorenzo inauguran a colección Heterodoxos, con poesía para Galaxia. A poeta Mosquetera, que xa apreciabamos en castelán, entra na ampla chousa do galego con Espiderman. O poemario garda outras dores; pero, sobre todo, é un túmulo funerario á nai. Xa lles adiante que neses versos non hai mercenariado da tristeza nin sequera van atopar unha criptomoeda  de impostura esquecida nun peto do abrigo. Cada palabra é diáfana.

"Miña nai morreu no Entroido. E naquela balbordo de silencios e de caras longas non fun quen de deixar de pensar: o Enterro da Sardiña". A escritora ten claro que, aínda que alguén queixo facerlle crer que "aquilo era un funeral, era comparsa". Sabía que "levabamos na caixa un meco todo cheo de palla e algodón".
Lúa Mosquetera é consciente de que a dor durme na habitación do lado durante a cuarentena da perda. Unha vez, e vou aliviar o texto –saberán desculpar–, un dos cinco mozos da poeta de Miño que se chamaron Pablo deixouna. Estaban nun bar e el explicoulle que a quixera sen hipotecas, nun pago único en man a fondo perdido, pero que todo se acaba na vida, coma os cartos que tes para saír unha noite. O camareiro achegouse preguntarlles se querían unha tapa de callos, e non era o momento de pedir callos e Lúa pediu callos porque era todo o escudo de bronce que podería salvala de morrer a causa da amarga decepción do amor.

A nai aprendéralle códigos para chorar.
—Fágome fotos cando choro. A miña nai tiña esa teima de facérnolas a miña irmá e a min cando tiñamos perrenchas. Cando chorabamos os meus pais facían burla se o motivo era banal para que nos désemos conta.

Así que Lúa dá por entendido que a palabra "'mañá’ é só unha falacia inventada polos académicos da lingua"

Aprendeulle tamén a camuflar a tristeza indo de compras, Nos meses da despedida asinaba ás filas permisos para faltar a clase e ir de compras nuns salvocondutos cargados dunha sinceridade innecesaria porque ben podería alegar calquera outra mentira piadosa e sanitaria. Tivera leucemia con 34 e superouna, con 36 perdeu iso que a xente chama, heraldicamente, "a batalla", como se un non se enfrontase atado de mans no campo de batalla dacabalo dunha montura de ciencia e coa lanza da medicina; como se a forza de vontade puidese ferir de morte as células que se converteron en asasinas en serie doutras.

Así que Lúa dá por entendido que a palabra "mañá é só unha falacia inventada polos académicos da lingua". Para Sylvia Plath, non hai unha cerimonia de palabras que poida reparar o estrago que compón os átomos da vida. A poeta norteamericana sabía que as palabras quedan baleiras de significado se "o tempo perdía o senso unha hora podía durar días e un mes, case nin dez minutos". Pero, a cabo, tanto ten o pulso que lle botes á morte porque todo vai ir "morrendo de soidades ao compás de tusidos secos e o hit do momento en Europa FM". E, na véspera do adeus, na hora anterior no aire, debuxarás coa espada de San Xurxo a dúbida de se o esforzo non foi abondo, de se houbo unha posibilidade de, tan sequera, riscar a pel escamosa do dragón.

Lúa está escribindo unha novela baseada nos diarios que mantivo a nai entre 1986 e 2002, eu nacín en 1988.
—Ela escribía, non pensaba en ser lida. Falaba de drogas, de sexo. Era unha rapaza da 19 anos nos anos 80.
A ese horror se refire Sylvia Plath cando afirma que "os mortos teñen os ollos grandes". Pensei niso lendo estes días Dime mi nombre, a recomplilación da súa poesía que traduciu gloriosamente  Xoán Abeleira, galego de Maracaibo, para Navona na primavera que nos marchou nas antípodas do ano.

Sylvia Plath preferiu non seguir adiante nun inverno salvaxe como este que nos ameaza. Non deu aguantado o peso de que o seu home, Ted Hughes, prometese un amor sen xuros a outra muller, a unha cercana amiga dela. Sylvia puxo a salvo os fillos, uns bebés  e marchou. Antes, nun poema, lembrara o pai cando deixara de estar. "Aínda conservo as voces que deixou nos meus oídos, nos meus ollos, a imaxe desas ondas azuis nunca vistas".

Músicas confidenciais na beira do río vello
Comentarios