Blog | O Cabaret Voltaire

Un nadador en vermello

SAÍN PASEAR CEDO. O camión municipal pasou estendendo as rúas de Lugo. Cruceime con Jorge Espiral á altura  das tendas dos Martínez.

Jorge é galerista. Levaba as mans recén sacadas do conxelador. Cargaba unha obra de arte co tamaño dun televisor.


Stalin tiña unha pantalla grande na que vía películas de vaqueiros e de Charlot. Cada noite elexía uns dirixentes para que o acompañasen. Stalin sentaba ao fondo da sala. En realidade non estaba atento ás películas, senon aos subordinados. Contemplaba as súas reaccións. As películas de vaqueiros medían os sobresaltos; as cómicas, as risas. Polos sobresaltos coñecía a valentía; pola risa, a intelixencia. Os elixidos non podían asustarse ou dar unha gargallada sen un motivo. O xogo era perverso.


A empresaria Paloma Cuevas publicou no Instagram unha foto dunha xuntanza de amigos hai dous anos. O seu exmarido Enrique Ponce sucumbiu hai meses ao que os franceses chaman le retour d’âge, a ilusión de regresar aos vinte anos namorando dunha rapaza. Ela decretou a morte civil do toureiro mediante a amputación con tesouras. Era o xeito no que Stalin indicaba que algún dirixente comunista deixara de serlle simpático. Tal vez non rira no momento preciso con Charlot. O chavismo logrou ser maioría no parlamento venezolano. Os congresistas decretaron a conquista civil da institución amosando fotografias de Simón Bolívar e Hugo Chávez na toma de posesión.


Jorge Espiral levaba unha fotografía de Vari Caramés. Era unha imaxe do verán tomada en picado na que se vía un nadador con traxe de baño vermello nunha piscina. O frío quedou vivir en Lugo, pero esa foto é unha ventana que  asoma a ese verán no que seremos felices por volver ser quen eramos. Sinxelamente.