El tiempo
martes. 05.07.2022
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

O aceiro oxidado das alcachofas

Irene Olarte empezou a pintar alcachofas. Son máis complexas que os limóns. Os limóns son ovalados e lisos. As alcachofas teñen follas, que implica distintas superficies, rugosidades e sombras. Non é tan fácil, supoño; eu debuxo con frescura: igual que aos 5 anos. Por iso pregunto por Irene a Xermán Refojo, para saber cómo nace un artista.
Juan Tallón. LAURA ORTEGA
Juan Tallón. LAURA ORTEGA

ÁNXEL FOLE TAMÉN foi neno. Teño na casa unha foto que lle fixo Pepe Tejero. A cabeza está ladeada, a mirada descende, o xesto é triste. O escritor fuma un cigarro torpemente leado. Ten as puntas dos dedos amarelecidas, coma as afundira en curry. Fáiseme traballoso imaxinalo de rapaciño porque o pelo está xa branco na imaxe, pero é curto e crespo; esa é a arqueoloxía da infancia.

Xermán Refojo é artista en Lugo. Vai camiñando por detrás da casa consistorial. Cruzámonos diante da estatua de Fole. Ese Fole é sereno, desafiante. Non o coñecín, pero a vella garda do xornal contaba que era melancólico, temeroso, desleixado e retranqueiro. Xermán vai comprar as alcachofas para que as interprete Irene ao lápis. Ela ten 13 anos. Tampouco a dou imaxinado porque a última vez que a vin tiña 5 ou 6. Era esperta e estaba armada cunha resposta concreta para cada pregunta que lle facía. Xermán está ilusionado co seu talento. A cativa pasa ás veces polo estudio que teñen el e máis Honorio.

Richard Serra pinta dende neno, aínda que é coñecido polas súas esculturas en aceiro oxidado. Son sólidas, sinxelas, audaces e lixeiras. Juan Tallón conta en Obra maestra (Anagrama) que estudou Lingua e Literatura inglesas porque se sentía culpable de que lle gustase a arte e se lle dese ben. O primeiro verán da adolescencia, con 13 anos, ocupouno nunha acería da Norteamérica industrial e repetiu os seguintes.

Ángel Macarrón entrou de cativo traballar nunha droguería. Un cliente afeccionado á pintura convenceuno para montar en 1895 unha tenda para vender material de arte. Instaláronse no centro do triángulo isósceles que forman o Museo do Prado, o Círculo de Bellas Artes e a Academia de San Fernando. Macarrón aprendeu a lavar terras para lograr as ocres que ten o curry, zumegar o aceite das noces e despachar pinturas en vexigas como agora se venden en tubos de dentífrico. Os pinceis facíanse de pelo de gato montés e de marta, de pelo da cola ou do lombo. Xermán sabe montar a tramoia dos lenzos e elaborar cores. En Salamanca aprendíalles primeiro a ser artesáns e despois, artistas.

Os anos trazáronlle ángulos na cara. Busco o novelista actual na fotografía: tenaz, disciplinado, ambicioso, rigoroso, audaz, minucioso

Juan Tallón naceu en Ourense. Non lembro agora o ano, pero sei que lle levo dez anos, así que debe de ter 46. Tamén foi neno. Hai unha foto na que leva un gorro de listados brancos e vermellos, e corre en pantalón curto. Os anos trazáronlle ángulos na cara. Busco o novelista actual na fotografía: tenaz, disciplinado, ambicioso, rigoroso, audaz, minucioso. Podería escribir o mesmo sobre Richard Serra, pero o artista estadounidense é iracundo a maiores. Juan nunca permite que o desconcerten o enfado nin o azar. Podería mentir, pero non dou establecido unha liña entre aquel Juan da foto e este Juan. O Juan menor carga cun xesto dramático, asustado ante o mundo. O Juan maior defínese coma "fatalista", pero sabe que, se lanzas unha botella de auga ao aire, hai probabilidades de que caia de pé por poucas que sexan.

Xa lles teño contado que cada vez que vou a Bilbao visito o Guggenheim. Primeiro fágolle o perímetro porque me encanta o dinamismo que imprime Frank Gehry na arquitectura. Entro tan fascinado no edificio que sinto a tentación de compralo, pero logo mira cara a arriba, cara aos altísimos teitos, e calculo o gasto en calefacción; contemplo as elefánticas ventás e sumo o orzamento para limpeza.

O museo reservou unha sala ás esculturas de Serra. Son pranchas de aceiro oxidado chantadas, delgadas e verticais ata os cinco metros que forman labirintos inclinados e corredores rectos. A obra de Serra non é para ver, é para pasear. O escultor ordéache camiñar entre as pranchas para que sintas o espazo, o baleiro, o movemento e o silencio. Saíndo do dédalo bilbaíno unha vez atopei a Tallón. Saudámonos cunha aperta porque daquela os virus eran domésticos e tradicionais, e, como moito, podías contaxiarte unha gripe rabuda. Non lle preguntei polo motivo de estar en Bilbao porque xa me falara de que quería escribir unha novela sobre a evaporación dunha obra de Richard Serra que pesaba 38 toneladas. Contáramo hai unha década, unha vez que xantáramos na praza inclinada de Ourense.

—Xa tiña a idea desta novela cando publiquei Fin de poema, Salvaje Oeste e Libros peligrosos. Eran plans B porque me preguntaba como se sostén unha novela de 300 páxinas coa desaparición dunha escultura de 38 toneladas. Era unha historia tan poderosa que estaba deslumbrado.

Juan Tallón traballou durante tres anos na sección de Sucesos dun xornal. Sabe da importancia de que o arquivo teña un candado para poder abrilo e exprimir datos

Antes de comezar a escribir Obra maestra botou anos preparándoa.

—Estiven facendo hemeroteca sobre Serra, recopilando material sobre a súa vida e entrevistas con el; eu tamén fixen moitas entrevistas. Esperaba a que se pechase a causa xudicial.
Juan Tallón traballou durante tres anos na sección de Sucesos dun xornal. Sabe da importancia de que o arquivo teña un candado para poder abrilo e exprimir datos. Tamén aprendeu que, para coñecer un crime en toda a súa dimensión, tes que falar coa policía, pero tamén coas testemuñas. Cantas máis alcances, mellor.
—Non hai un narrador, non hai unha voz. Os 78 capítulos están contados por 73 voces de persoas. Hai testemuños reais, outros ficcionados e outros inventados. Non son personaxes. Son voces de persoas que nada teñen que ver entre si nin en formación, nin en orixe, nin en estatus social. Dou a mesma importancia a un ministro de Cultura que a una taxista de Bilbao ou a un chatarreiro.

Tallón pensaba en que o seu problema era cómo contar algo que pasou "sendo imposible que pasase". No mundo da lóxica é imposible que ninguén saiba onde está unha escultura que pesa case 40 toneladas, pero na España dos 80 todo era posible. España era un Escorial, un estado católico, ríxido, baleiro, triste e solitario, que trataba de sacudirse o atraso cultural e social da ditadura a saltos de investimentos millonarios.

Xermán dime:

—Irene pinta en pequeño porque pinta en cadernos escolares. Honorio e máis eu queremos solte con bosquexos grandes.

Juan explícame que "se exhibe entre un 15% e un 20% da arte contemporánea que está museos espanois"

A obra inaugurara o Centro de Arte Reína Sofía, de Madrid. Richard Serra e a comisaria, Carmen Giménez, insistiron en fundila.

—Ao dispoñer do modelo era máis barato reproducila que gardala nun almacén, pero o Ministerio de Cultura empeñouse en comprala. Custoulles 37 millones de pesetas en 1987. Era a España do quero e non podo.

Juan explícame que "se exhibe entre un 15% e un 20% da arte contemporánea que está museos espanois".

A empresa encargada do traslado e custodia foi Macarrón, S.A. que pertencía á familia do dependente da droguería. Os Macarrón puxeron a salvo os Goya e Velázquez do Museo do Prado en 1936 e ocupáronse de recuperarlos en 1939. Cincuenta anos despois pousaron a inmensa escultura Igual/paralelo: Guernica/Bengasi no exterior da súa nave de Arganda del Rey. En 2006 soubose que se ignoraba onde estaba. A firma quebrou no seu centenario por unhas débedas co Estado que non puido afrontar porque o Estado non lle pagaba. O Ministerio de Cultura facíalle encargas para montar exposicións dos principais centros de arte de España. Eran os mellores entre os especialistas.

Xermán dime:

—Irene quere pintar pés e mans, pero imos primeiro coas follas das alcachofas.

Eu tiña unha amiga en Oviedo que era modelo de mans para publicidade. Hai moitos anos que non a vexo. Eran tan bonitas que sería incapaz de retratarlle a cara.

O aceiro oxidado das alcachofas
Comentarios