Blog | O Cabaret Voltaire

Un parto asistido por Rita María

O debate era sobre a estirpe. Eu xogaba con cartas marcadas. Non nacín en Ribadeo, pero botei o farol da linaxe igualmente. Lourenzo e Fabián presumían de proceder de parroquias fondísimas no tempo, anteriores á Vilavella. Andrés calaba ao fondo. Lanzou un póker de ases: "Pois eu nacín das Catro Calles. Parto asistido por Rita María".
Farruco

ANDRÉS deixounos xeados. Dificilmente pode un ser máis ribadense ca el como dificilmente alguén pode ser máis compostelán que Xosé Luís Bernal, Farruco, santiagués dende 1942; ben, talvez o seu irmán Diego.

O humorista vén de publicar ‘Eles e mais eu. Compostelaneando’ (Galaxia). Eu collín a obra como biografía de Farruco e lina como crónica dun tempo en Santiago. O autor define a cidade que coñeceu pola parada o Castromil: "Unha praza chea de vida e de bulicio: estudantes que chegan e marchan nos coches de liña, cregos das aldeas barrigudos e colorados, doentes que veñen ao médico —daquela a panacea da medicina galega—, soldados despedíndose con recato da rapazas do servizo doméstico, maleteiros, limpabotas, ruído de maletas de madeira, de cestas, caldeiretas de aceite..."

Cú de Galiña andaba voceando os xornais: La Nooooche, ABC, El Correoooo!
Marcelino, o limpabotas, á contra:

—Cú de Galiña, pecha o pico! Que toleas a Dios!

—Cala ti, Marcelino, que bebes ata a tinta de lustrar os zapatos!

Marcelino fora asistente de Muñoz Grandes na División Azul. "En Rusia ía un frío de carallo. Díxome un rapaz que estivo de sarxento na fronte de Teruel que, alí morrían de frío á intemperie. Pois en Rusia non tiñamos nin intemperie".

O limpabotas lembraba de continuo a Muñoz Grandes. Era un xeneral de división de valía, tanta que Hitler mandouno chamar para coñecelo. Pensara nel como sustituto de Franco. Consideraba incapaz o ferrolán. Informado o dictador, nomeu xefe da Casa Militar a Muñoz Grandes —para telo perto— e concedeulle a Gran Cruz da Orde Imperial das Frechas Vermellas —para anulalo politicamente—.

Farruco logo entendeu que non se podía desafiar ao militar nacido no "Ferrol de su Excelencia", que lle dicía Urbano Lugrís a Franco cando lle decoraba o Azor. O pequeno xeneralísimo non asumía as bromas, pero percibía a Lugrís como un borrachuzo inofensivo.

Hortas, o taberneiro de Conxo que rebentara a cabeza da muller "cun perdigón para matar lobos". Hortas apiadouse daquel rapaz.

Unha noite de 1964 a Brigada Político Social foi buscar a Farruco á casa. Levárono á Falcona, o cárcere que estaba nos baixos de Raxoi. Cadroulle na cela con Hortas, o taberneiro de Conxo que rebentara a cabeza da muller "cun perdigón para matar lobos". Hortas apiadouse daquel rapaz.

"—Eu estou aquí por matar a muller. E ti, Farruco? —díxome pasándome unha man por riba do lombo.

—E que contei un chiste de Franco —contesteille tatexando.

—Ti si que estás fodido!"

O chiste era bastante inane. Un galego vai a París. Pide un café. Ao pagar, tende unha moeda de cinco pesetas coa efixie do xeneral superlativo.

—Ce n’est pas possible pagar con pesetas, Debe pagar con francos.

—E logo este quen é? Cantinflas?

Os policías era máis franquistas que Franco. A pureza é subxectiva, excepto no debate sobre ser ribadense. Nada máis puro que Rita María aliviando as dores de parto da túa nai. Colocaba unha almofada con pluma acolchada con pluma de ganso de Grenoble baixo a cabeza da parturenta. Rita María era o rexistro civil máis válido. Nada garantía tanto como sentila cantando mentres asomabas ao mundo. "Parto, parto, parto/ ma tu ben mio,/ meco ritorna in pace;/ saro qual piu ti piace;/ quel che vorrai fato". Corresponde á aira de La clemenza di Tito.

Farruco era rojo dende o parto. Naceu un 14 de abril. A familia foi convidada a deixar pasar o día para inscribilo no rexistro. Eles deixaron. Sabían o que lle acontecera a un republicano, o pai de Germancito. O rapaz era "tenebroso e raquítico, con voz de paxariño". Germancito axudou a quitar o pai da casa para pasealo e aínda tivo a crueldade de cantarlle o Cara ao sol ao pé da foxa común onde o abandonaron.

A morte era daquela un tropezo no medio da vida. Había quen a encaraba con elegancia

A morte era daquela un tropezo no medio da vida. Había quen a encaraba con elegancia. Farruco lembra a El Caballero, un home alto e fraco que "vestía de negro e só falaba galego cando se cabreaba". "Tivo un bar no Pombal, El Caribeño, con cuartos de alterne no piso de arriba", precisa o autor. "Xa entrado en canas casou con Mamalola, unha madama gorda, pequena e carrancholas que mesmo gozaba dunha marcha militar composta por un fato de estudantes: Mamalola ten dous departamentos/ un para soldados e outro para sarxentos".

El Caballero tomaba o café á hora do ánxelus no Arufe. Unha mañá pasou pola cafetería: "Discúlpenme, caballeros, pero hoy no puedo departir con ustedes. Una cuestión perentoria me aguarda en el hogar: tengo a mi señora de cuerpo presente".

Ás veces, o negocio dáballe problemas. Montilla era famoso por cruzar Santiago vestindo un gabán longo como unha condea e rezando o rosario. Mater amábilis, ora promobis. Domus áurea, ora pro nobis,... Unha tarde de verán a panda de Arguindey decidiu que, con 40 anos, era tempo de que perdese a flor. Contratou a Manolita, que exercía en El Caribeño. O santurrón non sabía onde o levaban. Atopouse nunha habitación cunha muller espida que se lle rendía en aloumiños e contorneos. Horrorizado, botouse de xeonllos no chan. Quitou un rosario do peto para agarralo con forza. "San José Casto, ayúdame. San José Casto, protégeme. San José Casto, váleme". Manolita saiu correndo, histérica.

El Caballero puxo un cartel na porta. No se desvirga a mayores de 40 años. Un cliente advertiulle:

—España non é Francia. Vas perder moita clientela.

Os Tres Tenores adoitaban marchar da vila o 9 de setembro, ao día seguinte da Patroa. Subían no Alsa para ir a Oviedo, coa fin de asistir á tempada de ópera

Lendo esta historia acordei dos Tres Tenores. Non eran Carreras, Domingo e Pavarotti; senón tres solteiros vocacionais e irredentos. Paseaban o Campo de San Francisco coas mans tras das costas falando de Monteverdi o Puccini. Eran herdeiros, ocupación habitual no Ribadeo dos 60. Os Tres Tenores adoitaban marchar da vila o 9 de setembro, ao día seguinte da Patroa. Subían no Alsa para ir a Oviedo, coa fin de asistir á tempada de ópera. Volvían tres meses despois, para acompañar a familia nas festas de Nadal. Sempre se dixo que non collían hotel nin pensión.

Eulalio era o máis baixiño. A súa cabeza redonda parecía un globo vermello. Convenceu a Rita María de que tiña "voz de soprano sfogato por volume, extensión e cor".

—Se pecho os ollos vexo a Giuditta Pasta.

O seu humor era de xogar con palabras. Foi el quen lle aprendeu a cantar "Parto, parto, parto"; que, evidentemente, nada tiña que ver con axudar nunha nacencia.

Bretón durmía no manicomio de Conxo. Unha vez foi á Coruña. Na rúa atopou un coche coas chaves postas. O alcalde, Alfonso Molina, parara tomar un viño en La Bombilla. Bretón machou co autómovil. Tratou de saír da cidade. Logo se decatou de que o buscaba a Policía. Completou o C da mátrícula coruñesa ata facer un O cun tubo de betún que atopara no coche. Unha parella da Garda Civil parouno nas intrincadas curvas de Herves, en Carral. Os axentes sabían que Asturias non chegara a un número de matrícula tan alto.

O libro de Farruco non é un libro sobre Farruco. Fala dos cromos do seu álbum compostelán do século pasado. Botei en falta a Maximino Castiñeiras, O Poeta da Amahía, que improvisaba pareados pola rúa. Unha vez entrou no Derby. Uxío Novoneyra tomaba café. Achegouse a el.

—Novoneyra do Courel, non hai parvo coma el.

—Maximino Castiñeiras García: parvo en Compostela, parvo na Amahía.

Maximino quedou pensando ata que recoñeceu:

—Carallo, Uxío! Gañaches!

Comentarios