miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

A primavera e as margaridas en Reixa

Os Patinadores Austríacos teñen tanto de verdade como de mentira. Son patinadores porque son rapaces que xogan ao hockey sobre un lago xeado, pero é improbable que sexan austríacos porque hai unha camioneta dos anos 40 estacionada xunto ao lago, coas rodas medio cubertas de neve, que carga caixas de Coca Cola.
Antón Reixa. ELISEO TRIGO (AEP)
Antón Reixa. ELISEO TRIGO (AEP)

A PESAR DE QUE o inverno volveuse un outono postizo, montamos un ano máis a escena do lago que, na linguaxe doméstica, chamamos Os Patinadores Austríacos. Colocámola xunto á arbore, que é de auténtico plástico verde para non perturbar á Natureza. O venres tocounos recoller o Nadal, así que o piñeiro artificial e a escena falsamente centroeuropea acabaron de volta nas caixas. O día no que rematan as festas da transición entre un ano e outro, o día en que despedimos as saturnais nesta vella capital do Imperio Romano, síntome coma un iogur ao que non podes rañar máis o corazón branco coa culler.

Falei con Antón Reixa para desexarlle un ano coma o anterior. Nin tan mal o 21.
—É a primeira vez na miña vida en que son 100 por 100 artista, Jaure.
—Sempre che gustou a parte empresarial. Non a botas en falta?
—En absoluto. Teño coartada para non enfrentarme a iso.

A última vez que falara con el, hai un par de anos, estaba a bordo dunha bicicleta estática tratando de recuperar as pernas, esmagadas nun accidente de coche en 2016. Das voltas de campá co coche quedoulle un bastón como animal de compañía, pero saíu o magnífico Michigan,  acaso Michigan (Xerais), que ten pasaxes sobrecolledoras sobre a decadencia do ser humano pola hipoteca da vellez e sobre a pobreza enérxética, ese eufemismo para ocultar que as administracións públicas non auxilien a quen non se pode pagar a calefacción. Como funcionario docente en excedencia incorporouse á Filmoteca da Coruña durante ano e medio, pero aquilo acabou como acaban todas as cousas.

Os finais son malos sempre. O peor é sobrevivir a un final. Allen Ginsberg sobreviviu á morte da nai nun psiquiátrico, así que se encerrou no apartamento de Nova York, encheu a cabeza de anfetas e morfina, e escribiu Kaddish. "Faise raro pensar en ti agora, lonxe sen corsé nin ollos, mentres camiño polo solleiro asfalto de Greenwich Village/ o centro de Manhattan, luminoso mediodía de inverno, e botei a noite toda falando, falando, lendo o Kaddish en voz alta, escoitando os blues de Ray Charles que berran cegos dende o tocadiscos".

Fálame de Juan Tallón, fálame con entusiamo, fálame de Obra maestra, un libro que vai publicar o día 3 do mes que vén en Anagrama

Hai algunha persoa no Ministerio de Cultura que lembraba Rompente, a vangarda poética de Reixa, Manolo Romón e Alberto Avendaño; alguén que traballa de oito a tres calculou que Rompente cumpría 40 anos e os levou a Frankfurt. Esa persoa, tal vez outra, lembrou o talento de diversas expresións de Antón Reixa e o nomeou para a Medalla de las Artes y las Letras, que lle foi concedida no Consello de Ministros do 28 de decembro.
—Como era o Día dos Inocentes pensei que era unha broma. Chamoume o ministro para comunicarmo, pero eran as dez da noite, demasiado tarde. Ao día seguinte chamáronme de Onda Cero para felicitarme. Daquela entrei na páxina do ministerio e comprobei que era certo.

O plural no nome da condecoración vaille acaído no caso de Reixa. Aínda aos seus 65 anos atende en varios mostradores: poesía con Rompente e en solitario, música cos Resentidos, monólogos con Malencolía,... Sempre está atento á xente nova. Fálame de Juan Tallón, fálame con entusiamo, fálame de Obra maestra, un libro que vai publicar o día 3 do mes que vén en Anagrama, fálame de que novela a desaparición de 380 toneladas de ferro dunha escultura de Richard Serra. Penso nunha moza que tiven, era filla do Rei da Chatarra na Coruña. Anoto a lectura de Tallón.
Na espera leo Eternity (Galaxia) de Xosé Monteagudo. Falo con Monteagudo, pero el prefire non falarmos porque anda apurado. Chamárao cando lle deron o Repsol por esa novela.
—Foi unha entrevista flash —observa.

Ben, estaba no medio dun waterloo laboral, non podía pararme. Pídolle dez minutos, en dez minutos podo chegar ao tuétano da novela e poñer barcos de xoguete a navegar. Prefire que o chame outro día.
Lois Pérez cóntame sobre El año del mono, o novo libro de Patty Smith.
—Fala dun amigo que está morrendo, de soños e de Bolaño, fala moito de Bolaño.
—Bolaño déixame frío, Lois. Pásame como con Borges, que é un mecano no que todo encaixa e nada emociona. Cando menos Borges tiña de positivo que non parecía suramericano cando escribía.

Eternity vai dunha empresa que publica páxinas de finados anónimos. Un socio de Eternity explica o nicho de mercado: "Imos facer que a vida de calquera persoa anónima poida gozar das mesmas vantaxes ca a dun famoso e se conserve no tempo para quen queira coñecela". O cemiterio virtual da páxina web, onde convive a memoria desas persoas que se atopaba un na rúa, ten algo dos meus Patinadores Austríacos no sentido de que reproduce "un parque inmenso con árbores en cuxa sombra se estende un cemiterio de tumbas" inspirado polo camposanto Père Lachaise de París.
Toda novela ten o seu enganche. Ese cemiterio é o meu porque me lembra Kaddish (Anagrama), o poemario de Allen Gingsberg. "Visitei Père Lachaise para buscar os restos de Apollinaire". Eu téñome prometido viaxar a París e desprazarme a ese cemiterio. Estiven dúas veces a unha ducia de quilómetros, pero non hai matrimonio que soporte un vou visitar a tumba de Apollinaire.

Unha vez lin un texto sobre arte de Apollinaire no que contaba que o retrato moderno fóra inventado por Gilbert Stuart, o pintor de George Washington. Un patinador londinense encargoulle un cadro. Foron ao lago Serpentine, en Hyde Park. A tona de auga parecía vidro. O cliente aburría de posar quieto, así que se adiantou unha perna e se lanzou a esvarar coas coitelas polo xeo. Stuart decidiu pintalo con esa viveza. A forza da poesía de Gingsberg faime preferila ás outras do seu tempo. "Peter Orlovsky e máis eu camiñamos suavemente por Père Lachaise os dous sabiamos que íamos morrer/ e termamos cariñosamente das nosas mans temporais nunha eternidade semellante a unha cidade".

Apollinaire dixo en novembro de 1918 que se alegrada de contraer "a gripe española, a doenza de vangarda". Pouco lle durou o chiste


Falo con Antón Reixa por teléfono. Cústame entender cando lle pregunto polos lugares do corpo que lle doen, pola torpeza para andar, polo lenta que se volve a cabeza para xirarse a mirar algo que te chama a atención pola rúa. Non quere falar deses asuntos, así que se recompón e empeza a contarme a produción de Organización Nautilus, de que unicamente quedan Javier Soto e máis el da banda orixinal –"os rapaces que tocan con nós son boísimos"–.
—O disco soa moi ben, Antón.
—Está tocado con perfección. A produción fíxoa Segundo Grandío, unha produción clásica; xa sabes como é de bo. Pero quero saber cómo fan C Tangana e Rosalía, eles fan un montón de cousas que eu non sei facer e que quero facer. Son cousas de autotune... produción de son chámanlle.

A súa voz flúe con beleza e vigor cando me comenta que está investigando neses sons para un monólogo de poesía. Vai revisitar o seu traballo lírico dende As ladillas do travesti (1979), vai recitar cunha alfombra de música, vai facer spoken word., vai incorporarse de novo á estrada. Botar unha semana nun hospital pola enfermidade máis actual deulle tempo para imaxinar e planificar. Apollinaire dixo en novembro de 1918 que se alegrada de contraer "a gripe española, a doenza de vangarda". Pouco lle durou o chiste. Jean Cocteau e Blaise Cendrans agarraban as súas mans aquel día 19 ás seis da tarde. Picasso fíxose o retrato máis triste da súa vida, a crónica de quen estrea unha orfandade. Breton, Soupault, Tzara e o propio Cocteau logo se lanzaron a sentar no trono de ouro, incenso e mirra de Apollinaire. Ningún nacera co seu sentido da oportunidade para provocar. Eu tampouco vexo un sucesor a Reixa, esa campo quedara libre para as margaridas e a primavera.

A primavera e as margaridas en Reixa
Comentarios