Blog | O Cabaret Voltaire

Saúdenme sempre

A actividadade que me ocupa máis tempo ao día é pasmar. Pasmar é barato e require un silencio nada molesto para a comunidade.

Polas mañás vou á parte traseira da miña casa, onda o Archivo Provincial, que garda a nosa historia en follas voandeiras, para pasmar. Os veciños de Ramón Ferreiro non gustan dos estorniños. De cando en vez soa un petardazo para disolver a súa algarabía, o seu defecar sen puntería. Cando vivía Cacharro, que me dicían que vivía por alí, engadían que eses estouridos foran decretados por el. Censuraba ser molestado no soño de pixama enloitado con botonadura carmesí no que tramaba favores e cadarsos. Don Francisco era cardenalicio na vixilia e na gobernanza.


Confesáballes que pasmo no delirio que estrutura as bandadas de estorniños, que voan agrupadas en divisións azuis. Ás veces entrecrúzanse, pero nunca chocan. Francisco Cacharro saudábate a nada que te coñecese. Tiña o instinto de ser amable e educado porque resta moitos inimigos nas contas para o Xuízo Final. Lembro a Orozco, cando reinaba na cidade romana. Non esquezo o seu xeito de levantar o índice dereito e de mirar aos ollos da eternidade para preguntarche polo teu tío Juan. Compartiran carnet do PSP corenta anos atrás. O meu tío Juan levaba moito tempo morto, de feito vivía por inercia dende que volvera do horror azul que padecera na fronte de Rusia; pero resucitaba cando o lembraba o alcalde.


Este ano non recibín tarxetas de felicitación en papel. Supoño que Adela Figueroa se alegrará de que non gastemos papel, pero a industria papeleira e máis eu lamentamos que os partidos perdesen ese primor da etiqueta. Os políticos móvense en bandadas que non chocan. Reciben educación en carpetas corporativas e a estratexia apréndenlla en cursos de verán en Covas. Co pouco que custa dicir: «Bos días».