sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

So che importa a unidade de España

Pepa é unha muller sensata. Por iso confío nela a maior das miñas responsabilidades familiares: comprar o pan.

Rafael Sánchez Ferlosio. ARQUIVO
Rafael Sánchez Ferlosio. ARQUIVO

VEÑO DA PANADARÍA, de que Pepa me venda un pan exacto, como o silencio. Non podo confiar noutra persoa para buscar unha difícil concordia arredor dunha torta de fariña, agua, levadura e sal. Na casa somos catro opinións. Cada xantar comeza cun debate sobre o pan noso de cada día. A aritmética parlamentaria non é fácil, non sempre leveda a gusto de todos. Hai un consenso aceptable sobre a torta alta, esponxosa e cocida con mesura. A miña filla está botando o ano fóra da casa, nun país do baloncesto, as hamburguesas e a democracia que toleou. Cando Sara está na casa a "xeometría variable dos pactos" —cito ao eurodeputado José Blanco— perde toda a probabilidade. Gústalle o pan como a nós, pero fundido a negro pola base.

Pepa adoita contarme cousas que le no periódico; que me le no periódico, ás veces. Como consecuencia, mañá poderame a vergoña cando ela me fale desta páxina. Falta a páxina que teña escrito e da que non me teña arrepintido, pero o apuro non o pasarei agora, senón dentro de 24 horas.

—Lin o que escribiches sobre Ferlosio —díxome o martes—. Ese home era un xenio, pero debía de ter problemas mentais, ou?

Supuxen, en voz alta, que equilibrado —o que se di equilibrado— non estaba. Pero admíroo dende que o escoitei falar nun programa de Dragó e descubrín a súa cabeza de director da Biblioteca de Alexandría, a súa intelixencia ptolomeica.


Ben de todo non podía estar. Carmen Martín Gaite debeu de sentirse como a coidadora dun zoo durante os 17 anos que soportou estar casada con Rafael Sánchez Ferlosio. Morreu o luns como saben Pepa e vostedes. Martín Gaite deixaba tres veces ao día unha bandexa con comida ao pé submiso da porta tras a que vivía o seu home. O gramático irredento botaba días e noites pechado no que chamaba El Submarino comungando anfetaminas mentres lía e escribía sobre palabras.
—Moito aguantou esa muller! —observaba Pepa.
—Moito! —non puiden máis que asentir.


O meu pai era o ser máis pousado e feliz que coñecín. Soamente o vía perder o dominio sobre si mesmo nos días no que lle faltaba o pan. Daquela os domingos eran tan santos que non se cocía e non existían as baguetes conxeladas. Saía furioso a percorrer bares; non para beber e esquecer abrazado polpo amable ribeiro —unicamente era bebedor social, na casa tomaba auga—. Facía un percorrido salvaxe por Ribadeo para conseguir unha barra ou varios cachos que tivesen apariencia frankenstein de barra.

Sánchez Ferlosio era dous anos maior que el. Ignoro se se coñeceron. O meu pai era amigo do seu irmán menor, Chicho, o cantautor.

O meu pai Estudou Físicas en Madrid durante cinco anos e regalouse outro mentindo  cun anuncio de que suspendera e tiña que repetir


O meu avó viñera dende Biscaia para facer portos por Galicia e asentou a familia en Santiago. O meu pai empezou a estudar Químicas, pero, coñecidos todos os bares cantos había na Compostela cincuentona, decidiu escapar a Madrid. Cadrou que se veu liberado da autoridade paterna por deceso, polo que buscou unha carreira que non se impartise na USC. Estudou Físicas durante cinco anos e regalouse outro mentindo cun anuncio de que suspendera e tiña que repetir. "Madrid, nos anos 50, era un poblachón manchego", téñolle escoitado a Ferrín, pero o meu pai descubrir un océano de diversión antes de marchar ao exacto centro do deserto de Libia para buscar gas para unha compañía inglesa.

Aínda cinco anos despois do seu pasamento souben que escribira letras con Chicho Sánchez Ferlosio. "Picantonas", aseguroume un amigo común cun sorriso inclinado do lado da retranca. Contoume que lle ensinaron as letras a Rafael por se eran súas. El atribuínas ao irmán pequeño e lamentou non lembrar a aquel Francisco Jaureguizar coasinante.


Posteriormente, Chicho derivou cara á denuncia política e o meu proxenitor, a cantarnos fados na casa. Non sei como sería a colaboración entre ambos os dous porque o meu pai tocaba a guitarra de oído e era liberal. Estaba afastado do leninismo maoísta do camarada cantautor, aínda que os unía unha víscera que supuraba unha fragancia antifranquista.

Rafael Sánchez Ferlosio tampouco foi falanxista, pese a que era fillo de Rafael Sánchez Mazas, un falanxista dos que amaneceron cara ao sol. Mazas estaba presente onda Dionisio Ridruejo, Agustín de Foxá ou Pedro Mourlane Michelena no bar madrileño Or Kompon cando decidiron regalar ao fascismo dunha banda sonora. Había unha música que o vascorro Tellería compuxera para a súa vila natal, Amanecer en Cegama. José Antonio presentouna aos seus camaradas ignorando que mirar o sol dana os ollos. Sánchez Mazas arrimou dous versos do Cara al sol —"Volverán banderas victoriosas/ al paso alegre de la paz"— e un comentario ácido contra Michelena: "Con el trabajo que le ha costado a usted fingir una cultura que no tiene podría haberse hecho una cultura de verdad".


Isto que veño de contar ten a súa fonte nunha conversa con Sés, na que ela me contou que lera unha biografía de José Antonio e que comprara outra de Pilar Primo de Rivera, e mesmo que se fixera na españolísima Toledo cun cancioneiro popular recompilado pola Falanxe grazas a un libreiro que non pretendía facerse rico co seu negocio de obras de segunda man. Nin Sés nin eu temos a menor traza de joseantonianonismo nos nosos respectivos e distintos corpos ideolóxicos, pero compartimos a curiosidade urbi e orbe.

O cancioneiro que me divirte estes días é o do composteláns Novedades Carminha cando cantan Obsesionada: "Ya no me miras a los ojos/ solo te importa la unidad de España".

'Altos estudos eclesiásticos' era o rodeo eufemístico que daba a Igrexa cando expulsara da vida pública algunha ovella que ennegrecera


Supoño que a Rafael lle daba o mesmo que tanto lle daba España, pero viviu obsesionado coa unidade e a corrección da súa lingua. Mergullábase no submarino para combatir a barbarie, a incorrección e a insoportable deturpación dos anglicismos. Lembro de Altos estudios eclesiáticos (Debate) o seu furor contra a expresión el día después. Pepa non ignora, porque o escribín o martes, que altos estudos eclesiásticos era o rodeo eufemístico que daba a Igrexa cando expulsara da vida pública algunha ovella que ennegrecera.


O Nobel Patrick Modiano conta en varias das súas novela parisinas —todas as novelas de Modiano son parisinas ou non son novelas de Modiano— que ás veces, nos anos 50, collía o teléfono e descubría persoas falando ocultadamente. Naquela posguerra pirateábanse as liñas dadas de baixa para falarse e quererse gratuítamente. Adoito imaxinar a Rafael Sánchez Ferlosio falando con outros filólogos clandestinos sobre a pena de morte para algún periodista torpe cun adverbio. Sei que é improbable porque chegou a arrincar o cable do teléfono nun verán caloroso polo temor a ser interrompido nos estudos seculares.

Sorpréndeme que un intelectual con amor enfermizo pola palabra escapase de utilizala para comunicarse con outros seres humanos.Tal vez Pepa non vai tan errada.

Na miña casa a palabra era sagrada por honra ao meu tío Juan Jaureguizar. El acabara a Guerra Civil como tenente nun cuartel de Madrid. Era carlista de Deus, Patria e Lei Vella; aínda que acabou militando na socialdemocracia de Tierno Galván porque o PSP era un partido abondo intelectual.

Pero volvo atrás. No 1939, vencido y desarmado el ejército rojo, foi convocado ao patio polo seu superior xunto a outros trinta mandos. Por encarga da División Azul, o xeneral mandounos formar ombro con ombro. Largoulles unha arenga sobre a necesidade de recuperar o ouro de Moscova e de combatir o ateísmo rampante na URSS na busca de voluntarios. Juan deu o paso á fronte con total convencemento. Mirou á dereita: ninguén se ofrecera. Mirou á esquerda: fora o único disposto a combatir o sendeus marxista.

O coronel chamouno ao despacho.

—Tenente. Acabamos salir de una guerra en la que todos lo pasamos mal. Agradezco su patriotismo, pero esto puede quedar entre nosotros. En Rusia solamente va a pasar usted hambre y frío.

—Son un Jaureguizar y, cando un Jaureguizar da su palabra, la cumple.

Loitou contra o Exército Vermello. Volveu con honra e nocións de ruso, pero famento e sen ouro. A súa coherencia aínda me pesa cando me comprometo.

So che importa a unidade de España
Comentarios