El tiempo
martes. 05.07.2022
El tiempo

Pode ler a última entrada do blog facendo click aquí.

Desculpen as molestias.

O Sol marcha comprar tabaco

Hai un día en inverno en que o Sol desparece polo horizonte do Ártico como se fose comprar tabaco. Non chaman á policía sueca nin escriben unha novela de misterio porque saben que volverá cando pasen dous meses. Ten esa cousa. Eloy Domínguez contoume o luns que fletan un barco para ir despedilo.
Eloy Domínguez. EP
Eloy Domínguez. EP

ELOY DOMÍNGUEZ é de Simes (Meaño). Non son moitos veciños. Eloy entrou por vez primeira nun cinema con 16 anos. Agora, con 37 anos, vive do cinema. Fálame na sala de montaxe, en Palmeira (Ribeira), que tamén é a súa casa; aínda que el móntase a ficción de que son lugares entre os que habita unha certa distancia.

—Vivo no porto. Atopei a casa buscando localizacións para Rompente hai case un par de anos. Quería un porto no que se fixese descarga de mexilón. En Palmeira non se fai, pero quedei impresionado polo porto.

Rompente é a súa primeira película de ficción. Santi e Lucía son dous rapaces que teñen un fillo. Santi traballa durante o día nas bateas e polas noites anda ao percebe de xeito furtivo. Os actores son Sergio Baleirón e Soraya Luaces, dous rapaces que debutan tamén. Eloy Domínguez percorreu institutos do Barbanza e a Costa da Morte durante seis meses. Sergio leva anos empregado nunha batea, ten a naturalidade dos movementos, e Lucía, que é de Portosín, nun instituto, ten a frescura da novidade

.Os pais de Eloy tivérono con 19 e 20 anos. El coñeceu rapaces que deixaban o instituto para traballar na batea. 

—Aínda hai parellas novas que teñen fillos, máis que nas cidades. En moitas casos son familias desestruturadas. As parellas considéranse cun certo poder adquisitivo que lles permite dar ese paso. Non acaban a Eso, saben que non van ir á universidade; así que poden ter fillos. Moitas rapazas téñenos para poder marchar da casa. Cada un ten o seu papel na parella. Eles son fonte de ingresos e elas son fonte de coidados. Hai máis conservadurismo. En Romprente Santi ten a responsabilidade económica e Lucía segue estudando para que poidan mellorar a través dela.

O realizador analiza as novas masculinidades. Entrevistábase con mozos que traballan e tiveron cativos para preguntarlles: "Que significa ser bo pai?". Resulta frecuente que os rapaces teñan os pais embarcados durantes meses. Era unha figura que aparecía e desaparecía. 

—Santi quere ser un bo pai, pero non cumpre como lle gustaría. Ten o seu refuxio no mar. Volve á casa coa Garda Civil detrás del. Hai unha escena na que chega á casa, sente chorar e regresa ao mar. O mar é o seu refuxio. Ten claustrofobia na casa e liberdade no mar.

Hai un filme de Eloy Domínguez que se aparta da súa estirpe fílmica, Jet lag. Trata sobre a inmobilidade


Eloy Domínguez quería amosar "o esforzo, o risco e a destreza" do traballo na batea e no percebe. O seu cine está cheo de forza e de cansanzo.

—O meu pai é ferreiro. Coñezo o traballo de albanel e electricista. Quería reflectir o traballo do mar sen romantizalo. Gústame que o físico apareza na corporeidade e o esforzo físico, as coreografías que se crean ao encordar o mexilón, o esforzo cando se retiran das cordas. Vénme de familia.

Hai un filme de Eloy Domínguez que se aparta da súa estirpe fílmica, Jet lag. Trata sobre a inmobilidade. Diego atende polas noites unha gasolineira solitaria na fronteira en Vilarei (Tui), na fronteira entre Galicia e Portugal. Os clientes paran ocasionalmente. O director insiste no físico.

—Esa curta ten que ver co esgotamento de traballar nunha quenda de noite, sobre a espera. Cando traballei en Suecia preguntábanme como levaba o frío. O meu problema non era o frío, era a escuridade, os ritmos circadianos. Fun vivir nove meses ao Ártico. O sol desaparecía a fins de novembro e tardaba en volver subir ata fins de xaneiro.

O proxecto de Jet lag era retratar un europeo do sur desenvolvendo un emprego nocturno. Agardando. A idea era rodar o aburrimento, a desesperación, o sono; pero ese ton quedou arruinado cando a gasolineira padece un atraco e se volve un filme negro. Canceliña, un sospeitoso habitual na volta de Tui, cambiou unha película sen sabelo co xesto sinxelo, violento e antigo de atracar un negocio. O ladrón fuxiu a Portugal, onde secuestrou un médico e botou un tempo agochado no monte. Houbo novos actores sen experiencia: os policías que trataban de collelo, que se uniron á curtametraxe inesperadamente.

O xiro de guión no Ártico foi a chegada duns refuxiados somalíes cos que falaba sobre pesca, o esforzo físico en relación con mar


O director de Simes sufriu o seu jet lag cando chegou ás illas Lofoten, no Ártico de Noruega, días antes de San Xoán. Nese verán de 24 horas luminosas. A súa vila contaba un milleiro de habitantes.

—Nese tempo traballei como coidador dunha rapaza autista. Eu non sabía onde me metía. Non se podía comunicar, sentíase frustrada e era violenta. Non podía tocala, pero debía controlala para que non se lesionase. Non foi unha experiencia traumática para min porque estaba fascinado polo lugar.

O xiro de guión no Ártico foi a chegada duns refuxiados somalíes cos que falaba sobre pesca, o esforzo físico en relación con mar. Houbo uns anos en que o mar de Eloy foi o Mediterráneo. Estudou Comunicación Audiovisual en Barcelona. 

Nesa cidade logrou un noivado cunha moza sueca e un título universitario. O emprego non lle chegou a través do título, senón da rapaza, que lle fixo ver que sería máis fácil atopar ocupación nese lugar cheo de conxeladores escuros e salmóns laranxas.

—Fun a Suecia para vivir do cine. Traballei como peón de obra, como camareiro nun hotel e quitando neve. Non dei vivido do cine. Fun filmando Pettring.

Nesa curtametraxe fala da construción na que se esforza e da súa construción como inmigrante no país nórdico. Esa idea vaina desenvolver en No cow in the ice (Non hai vacas na neve), que remataría de volta en Galicia.

—De pequeno, no instituto de Poio, lin no libro de Historia que había unha guerra entre españois e árabes. A profe non nola explicou, estaba incómoda. Preguntábame sobre esa guerra. Había nenos saharuis que viñan pasar o verán. Estando en Suecia vin unha solicitude de profesores de cine e enviei unha carta de motivación, que debeu parecerlles bastante motivada.

Marchou aos campamentos de Tinduf, pero tampouco exerceu de cineasta. Levou o equipo e fixo de profesor.

—Os rapaces estaban pouco motivados. Comprometímonos a rodar todos un minimo de cinco minutos cada fin de semana. Do que fose, pero cinco minutos. Eu filmei coches. Era impactante ver coches dos anos 60 e 70, os coches da miña infancia. É un museo de coches de sexta vida, os coches da miña infancia. Hai talleres por todas partes. Todos os saharuis saben cambiar un motor, todos saben de mecánica; especialmente os homes. Veñen a España, compran coches e os venden alí. Volvín a Suecia. Revisei o material que gravara e naceu Hamada.

Os mozos botan o día armando e desarmando automóbiles que poden rodar libremente polo estenso Sahara ata que se achegan ao muro marroquino, o que convirte os desprazamentos na perfecta viaxe a ningures.

No novembro pasado Eloy Domínguez volveu triangular o mundo. Estivo dando clases para montar curtas na escola de San Antonio de Baños. Cadroulle coa clausura da pandemia.

—Vin Cuba sen estranxeiros, había restriccións, morreron varios traballadores. Puiden verificar o talento que hai.

Xa de volta á sala de montaxe fronte ao porto de Palmeira, Eloy comenta que logrou vivir dun traballo que non é físico. Pero non deixou de lado o esforzo. O seu pai ten máis traballo ultimamente, ás veces acompaña a uns mariñeiros de Senegal que viven en Malpica.

O último proxecto había de ser filmar danzas, tan acrobáticas, en Rusia; pero a guerra levantou un muro.

—Bailo fatal, pero gústame filmar o baile.

O Sol marcha comprar tabaco
Comentarios