Medir a ambición

Álvaro Cunqueiro da unha conferencia /AEP
Álvaro Cunqueiro da unha conferencia /AEP
Un dos principais desafíos dun creador cultural é calibrar ata onde pode der chegado como autor e decidir en consecuencia.

269. Teño pegada na parede na parede do meu posto de traballo unha impresión dese coñecido meme de Internet no que un mozo ergue na rúa un cartón recortado cunha proclama escrita con rotulador: "This meeting could have been an e-mail" ("Esta reunión podería ter sido un correo electrónico"). Digamos que é a miña taza de Mister Wonderful para o día a día: un recordatorio de que o tempo é valioso e de que antes de decidir facer algo por inercia, como reunirse e provocar que varias persoas perdan hora e media da súa vida, convén pensar se iso é o máis apropiado para o obxectivo. Ás veces, solucións máis sinxelas e humildes que unha xuntanza son máis eficaces, porque os grupos humanos son moi bos para algunhas cousas pero moi lentos e ineficaces para outras. 
Pensaba nisto cando transitaba, xa un tanto fatigado, pola páxina 414 das case seiscentas páxinas da enciclopédica biografía Álvaro Cunqueiro. 'Sueño y leyenda' (Renacimiento, 2025), do escritor andaluz Alberto Rivero Taravillo. Alí Rivero infórmanos de que o domingo 31 de marzo Álvaro Cunqueiro foi o mantedor da festa do exaltación do mexilón de Vilagarcía de Arousa, e será a enésima vez neste tocho no que leo información reiterada de Cunqueiro como conferenciante, mantedor de galas poéticas e de festas da primavera, en colexios maiores, delegacións do ministerio de Turismo ou a Asociación Católica de Informadores

Foi aí como pensei: esta biografía podería ter sido unha folla de Excel. Ben clasificadiña, coas súas datas, as súas referencias á prensa, cos títulos das conferencias, que Cunqueiro repite en diferentes cidades para rendibilizar o traballo coma as películas que ían circulando polos cinemas. Un excel no que puidera saber cantas veces Cunqueiro repetiu a charla sobre Valle Inclán, sobre o imaxinario galego, sobre as illas máxicas do Atlántico ou mesmo esa que debeu ser extraordinaria: 'A vida desde a Prehistoria ata os nosos días', impartida en Vigo un 28 de xuño. Unha ferramenta que podería mesmo trazarme ránkings de entidades que contrataban a ese Cunqueiro orador, de revistas nas que publicaba artigos. O esforzo de hemeroteca do malogrado Alberto Rivero, que morreu pouco despois de que este libro saíra do prelo, é encomiable. Pero non podo deixar de preguntarme: esta biografía non podería ter quedado nunhas excelentes duascentas cincuenta páxinas e o resto para un apéndice con QR?
Álvaro Cunqueiro es considerado por muchos como el más grande escritor en lengua gallega (...) sin embargo, aunque su nombre suele pasar desapercibido para la mayoría de lectores en español, es aquí donde su obra destaca aún más sobresalientemente si cabe". 'Álvaro Cunqueiro. Sueño y leyenda' . Antonio Rivero Taravillo. Renacimiento.

270. Certo é que un cunqueiriano goza sempre das carreiras arriba e abaixo de Cunqueiro predicando en festas gastronómicas ou en actos; non digamos dos achados de pérolas literarias perdidos en publicacións esquecidas. O traballo de Rivero é meritorio por recoñecelas e publicalas, proporcionándonos metadona literaria. Porén, a biografía fracasa en dous ámbitos centrais, un máis teórico e outro máis molesto. No primeiro, a incapacidade de explicar a Cunqueiro no seu contexto social, cultural, nacional e literario. O biógrafo limítase en gran medida a falarnos de quen o presenta, quen o premia, con quen queda a comer. Só encaixas ao autor no seu mundo por inferencia. Nun ensaio —se cadra nunha tese sería distinto— é moito máis relevante comprender a relación con Fole, con Otero Pedrayo ou con Joan Perucho que deglutir acontecementos profesionais reiterativos.
En descargo de Rivero, cómpre aclarar que este é un mal de moitas biografías, nas que os seus autores fican devorados polo dato minúsculo e a ambición da totalidade, e esquecen o contexto. E velaquí hai un asunto non menor: a cita que encabeza esta nota a rodapé son os parágrafos do inicio do libro. Quizais reflicta, consciente ou inconscientemente, o gran motor do autor, e que de cando en vez deixa caer no texto: que si, que Cunqueiro é galego pero sobre todo é español. Canto inflúe na biografía esta obsesión é asunto longo de tratar: a miña percepción é que Rivero pasa por alto moitas cousas que só se explican desde dentro. 

Logo está outro asunto máis incómodo: por veces, esta biografía cunqueirá se parece a cando tomas unha caña co típico paisano que pasa a conversa deixando caer cousas que nunca acaba de revelar. Quere deixarche claro tanto que sabe como que lle contan, pero nunca che dá as ferramentas para avaliar se son farois. Alberto Rivero fai algo parecido: comeza alertando das trabas que algunhas figuras da cultura galega lle puxeron para a súa biografía —asunto interesante—, e a partir de aí, ao longo do libro, vai insinuando asuntos privados do autor. A sospeita afecta a asuntos relevantes: as supostas estafas de Cunqueiro, as infidelidades matrimonais, as estadías na cadea —mesmo en Mondoñedo! e as sentencias xudiciais que as provocaron, os desencontros con José María Castroviejo, as sobremesas con Franco en El Pardo. Nunca se achega documentación ao respecto nin nunca se conclúe nada. Ten sentido nunha biografía rigorosa a insinuación se non se presentan as probas que as corroboren? Podes construír unha biografía unicamente con hemeroteca e algo de correspondencia publicada, sen botar man extensa doutras fontes documentais?

272. Un dos traballos máis difíciles dos creadores culturales é calibrar os propios límites. Ti imaxinas algo, es un creador ambicioso, veste con forzas e queres plasmalo coa túa arte. O desafío interior é saber se estás realmente preparado para facelo: se terás a destreza técnica, a sabiduría, as forzas e os recursos. Ser honesto contigo mesmo, ponderando de xeito realista e humilde tanto a envergadura do desafío como a capacidade propia non é doado nun mundo de ilusións e egos. Se o proxecto é tan só un produto da imaxinación, o éxito e o fracaso é moito máis despreocupado: só te queimas a ti mesmo. E nada que dicir a iso. É parte da aprendizaxe persoal do creador.
Porén, nos casos nos que se tocan imaxinarios e relatos compartidos, a responsabilidade a min paréceme maior. Ser honesto tamén é ser responsable co teu contexto cultural, e vou ser claro. Os mecanismos para mover, financiar e decidir a cultura nun ámbito limitado como Galicia, ou mesmo España, son limitados. Non é o mercado anglosaxón, capaz de producir un libro gordo sobre Churchill por ano. Se ti escribes unha biografía de seiscentas páxinas de Cunqueiro, é posible que outras persoas desistan de facelo, por cuestións obvias: o tema, aínda que non teña o teu enfoque, xa foi collido. A moitos editores custaralles asumir o investimento dun libro que aborda un tema que xa está queimado. Aínda así, é máis factible. Pero se os produtos aínda requiren máis investimento, a responsabilidade do creador debe ser maior. Imaxina que proxectas unha película sobre unha figura emblemática do país ou sobre unha catástrofe histórica ata o momento nunca levadas á pantalla. O público non mira o cine desde cero, senón desde unha tradición de excelencia nos biopics ou nas traxedias. Con astucia e coa limitación de recursos, hai que estar a esa altura.

As películas requiren un elevado investimento económico no que botas man das axudas públicas. Se traballas cunha poderosa figura do acervo común é máis doado que as administración se sumen, porque o relato véndese só. E unha vez que as institucións meten os cartos na túa produción, xa é difícil que, nun tempo, recunquen con outra proposta sobre a mesma personaxe ou acontecemento, por moito que os novos promotores insistan en que é diferente. Terán que pasar anos. Eu chámolle a eses proxectos fallidos, que ruborizan ao verse na pantalla, os PQTMTS (Para Que Te Metes). Non sempre podemos facer todo. Os seus promotores poderían ter explorado un mundo máis privado, indagar na súa complexidade, aprender, concentrar a ambición. Ir preparándose. tamén. Pero que difícil é medir a ambición. Que baleiro fica todo ao saberes que tras un filme ou un proxecto regular seméntase silencio durante un tempo.