Os pontífices do Deza

Ponte Taboada, en Silleda /SOLE FELLOZA
Ponte Taboada, en Silleda /SOLE FELLOZA

Hai máis de mil cen anos, o interior de Galicia ficou conectado por pontes que constitúen un dos fitos máis notables e enigmáticos da nosa Alta Idade Media.

Unha rexión sinalada ao sur do curso do Ulla parece terse librado da irrupción [dos musulmáns] que arruinou cidades enteiras, despoboou campos e cenobios sen deixar pegada apreciable en ningún aspecto"
Ramón Otero Pedrayo. 'Guía de Galicia'. Editorial Galaxia.
259. Ando ensarillado esta tempada preparando para a editorial Galaxia unha edición crítica da Guía de Galicia de Ramón Otero Pedrayo, que neste 2026 cumpre cen anos. O texto do trasalbés é absorbente: está cheo de múltiples referencias agachadas, como unha árbore que se estende por todo o substrato cultural galego. Se cada frase é unha corda, ao tirares dela chegas a outro lugar: un artigo, un libro, un manuscrito, unha referencia nunha revista erudita perdida no fondo de Galiciana. A cita que encabeza esta nota é un exemplo perfecto. Sen mencionalos expresamente, Otero facíase eco con cautela da arriscada teoría que os grandes historiadores do XIX, Manuel Murguía e Antonio López Ferreiro, cóengo da catedral de Santiago, mantiñan sobre que sucedeu en Galicia trala invasión musulmana de Hispania no 711.

As terras da diócese de Iria, entre o Ulla e o Miño, defendidas por unha liña de montañas, desde Castro Valente ao Faro de Avión. Habería alí unha sorte de estado independente, no que se refuxiaron xentes de diversos puntos de España". Antonio López Ferreiro
260. López Ferreiro desenvolveu a súa tese na revista Galicia Histórica ao longo de 1903: algúns territorios desenvolveran formas de goberno autónomo fóra do control musulmán. A vasta rexión interior ao sur do río Ulla, comprendendo parte das comarcas actuais do Deza, Tabeirós e Melide, sería unha desas áreas: o Estado do Miño. Tería sobrevivido como ente autónomo ata ser integrada pola monarquía de Oviedo en tempos de Afonso II. Este rei puxo o foco de atención no control do occidente galego, coa invención da tumba do Apóstolo e a construción da primeira basílica de Santiago no ano 830 como eixo vertebrador. Para apoiar a súa tese, López Ferreiro citaba dous enigmáticos documentos. O primeiro, redactado no ano 788 (!), é un contrato de venda dunha granxa preto de Zobra (Lalín) que fixo un tal Quiza Gonteríquiz. O pergameo, gardado no arquivo da USC e procedente do mosteiro de Carboeiro (Silleda), vai confirmado ao final por un 'Ramiro, rey' e un 'Silón, rei'. Pero resulta que eses dous reis non coinciden na cronoloxía cos monarcas asturianos do mesmo nome. Dous documentos posteriores da mesma zona están protagonizados por un orgulloso descendente do rei Silón. Parece tratarse daquel antigo 'rei' do primeiro documento. López Ferreiro lamentábase dramático: "El nombre de Silón, de aquel ilustre Magnate que en medio de la general catástrofe supo mantener enhiesta la bandera de la patria independencia, no halló un mármol, un bronce, un cronicón amigo que lo perpetuase". A tese xerou unha profunda polémica. Como sinala o profesor Souto Cabo, o documento de Quiza Gonteríquiz "ten sido un dos textos máis analizados da nosa Alta Idade Media", o cal non impediu que "os preconceptos sobre o que representa a presenza deses dous confirmantes impediron chegar a conclusións razonables". En xeral, a historiografía nacionalista española botou man de todo tipo de argumentos para negar a autenticidade do documento e mesmo se chegou a propoñer que as terras desa granxa estaban en Portugal e non en Galicia, asunto rebatido por Souto Cabo. Pero López Ferreiro e Murguía tamén tiñan axenda de seu: o occidente galego, a Terra de Santiago, invicta e irreduta.

Certa tradición oral local asocia os topónimos Donramiro, Donfreán e Donsión a tres reis antigo".  Gonzalo Navaza. Discurso de ingreso na Real Academia Galega.
261. En Galicia non hai feito histórico relevante que non incorpore unha lenda. Xa López Ferreiro reparara en que ao redor do que hoxe é a vila de Lalín, onde se atopaba o castelo xurisdiccional do Deza existen tres aldeas de nomes enigmáticos: Donramiro, Donsión e Donfreán. No seu discurso de ingreso na RAG, o filólogo Gonzalo Navaza explicou a orixe en tres nomes de dominus, Ramiro, Silón e Froilán e informou da tradición lendaria que seren lugares de tres antigos reis, que eu tamén puiden recoller. Os topónimos coinciden sospeitosamente con aqueles reis Ramiro e Silón, ao que se engade un Froila. Que foran aqueles reis ou non xa é outra cousa. E logo está o asunto de que quere dicir ser rei no século VIII.

262. NO DEZA congréganse elementos arqueolóxicos excepcionais da Alta Idade Media. A fortificación de Sampaio (Merza, Silleda) recentemente estudada ofreceu momentos de uso desde o século VI, pero con importantes fases nos séculos VIII e IX: son datacións ata agora pouco frecuentes para castelos en Galicia. O máis espectacular son sete pontes construídas entre os séculos IX e X. Non se conserva nada similar no seu número e en tan reducido territorio, que eu coñeza, na Península Ibérica ou na contorna de Europa occidental. Tampouco descubro nada: os investigadores  locais  levan tempo chamando a atención sobre elas e publicándoas nos seus blogs e perfís sociais —xente como Manuel Busto, Antonio Presas, Daniel González Alén e outros—. Son as pontes de Mourazos e Toiriz (Santiso), Losón (Vila de Cruces), Taboada e Carboeiro (Silleda) e a Ponte dos Cabalos e a Ponte de Vilariño (Lalín). Aínda que a súa factura actual é máis recente, catro delas conservan aínda hoxe a inscrición fundacional, labrada en afloramentos rochosos. Todas están escritas co mesmos trazos e as mesmas fórmulas: só cambian as datas. Pendentes de lecturas modernas, tres pontes remátanse no ano 862 mentres que a máis nova, a Ponte Taboada, eríxese no 912. Non só as inscricións son todas idénticas coma os carteis de obras da Xunta, é que hai algo máis inusual: non deixan claro quen pagou.

263. CONSTRUÍR unha ponte no século IX é algo excepcional en Europa: a cultura das infraestruturas públicas da época romana desaparecera, e só a edificación de igrexas xustificaba eses esforzos. Esas pontes sobre os caudalosos ríos Deza ou Arnego son enormes logros tecnolóxicos. políticos e culturais para a Hispania do 800. E van máis alá de si mesmas: unha ponte implica unha infraestrutura de comunicación. Os pontífices do Deza (porque iso é o que quere dicir pontífice, o que fai pontes) escollían lugares moi concretos para facer voar as súas pontes e, ao escollelos, alteraban as vellas vías romanas. E hai máis: cando se rematan as pontes de Mourazos, Losón ou Carboeiro no 862, apenas había tres ou catro anos de que unha poderosa armada de cen naves viquingas fora expulsada de Galicia, sen que nada impedira que volveran (como fixeron). Construír pontes nun contexto de invasión de perigosos inimigos nórdicos? Moitas incógnitas. Os condes do Deza comezan a aparecer na documentación pouco despois de que se comecen a construír estas pontes, e casarán as súas fillas cos propios monarcas. Teño a sensación de que estas arquitecturas desaparecidas cóntannos máis sobre o noso pasado que non somos quen de desvelar completamente..