sábado. 17.04.2021 |
El tiempo
sábado. 17.04.2021
El tiempo

Tempo de apandar

Na literatura, a imitación, cando non é copia, súfrese en silencio. Sempre é un negocio no que quen perde é o imitado
Reverte

OÍDO


TEÑO UNHA novidade literaria nas mans. Pregúntolle a un amigo que tal está, porque sei que ten certo trato co autor. "Prefiro non dicircho", contéstame, un pouco perturbado. E cala como quen agacha algo un tanto vergoñento. Con eses indicios, está claro que teño que ler o libro. Fico impresionado. É unha imitación de estilo e temas do meu amigo. Iso si, con bastantes menos lecturas. Volvo falar con el o día seguinte. "Xa sei por que non querías opinar". Confírmamo ben desgustado. "O problema", explícame, "é que se por riba dis algo parece que estás celoso". Finalmente, remata con ese consolo que non conforta a ninguén: "Iso será que marquei un estilo digno de ser imitado"

OLFACTO


Quédome moendo esta matraca varios días. A cultura está chea de situacións incómodas porque son ambiguas, borrosas, e deitan sempre máis a sospeita sobre o acusador que o acusado. Ademais, que denunciar, que acusar? A deseñadora Raquel Boo comentaba a outro día no Twitter esas situacións nas que alguén, ao che pedir un favor, ponte a ti na situación violenta de dicir que non. Esta situación agrávase, na literatura, ao tomares conciencia de que neses turbios asuntos estás só. Só conseguirás certa adhesión se o outro autor cae mal a algunha comunidade extensa de haters, tipo Camilo José Cela ou Arturo Pérez Reverte, e te empreguen como un croio adicional para a lapidación. Perigoso consolo ese, e malos amigos.

TACTO


O máis probable é que ninguén se decate dos paralelos tan evidentes desa obra nova tan gabada pola crítica coa túa (que fora tan gabada pola crítica tamén) hai dez anos. Ou mesmo decatándose, tanto lles terá: hai lameiras abondas nas que enzoufar, viscosas e esvaradizas. "Os críticos de prensa non teñen tempo, pero un investigador literario atopará esa conexións". O meu amigo aférrase con inxenuidade á quimérica xustiza do tempo. "Ou non", contéstolle. A Galiciana, a hemeroteca histórica dixital da Biblioteca de Galicia, está chea de lamentos de escritores descoñecidos asegurando que no futuro a xustiza cumprirá con eles, entrarán no Olimpo literario ou cando menos levarán un Día das Letras. A maioría tamén fracasaron na arte da profecía, pero é innegable que o tempo padece inxustas amnesias selectivas.

O máis rico da cultura literaria está sempre nos xogos entre liñas, os parágrafos que só recoñecen os que comparten un coñecemento, camufladas da simple vista

VISTA


A única fronteira clara entre a influencia literaria e a imitación é o talento do imitador. A imitación é inevitable e lóxica: na literatura, como na programación, o código fonte sempre se nutre do software anterior. O complicado, por algún motivo na literatura —se cadra a diferencia da música—, é facer explícitas nas influencias. Deixar notas a rodapé nos textos literarios, inzar de codas os volumes? Por suposto que non. O máis rico da cultura literaria está sempre nos xogos entre liñas, os parágrafos que só recoñecen os que comparten un coñecemento, camufladas da simple vista. Pero un galano referencial nas entrevistas, entre referencias a autores norteamericanos ou franceses que buscan prestixiar a quen os le, non estaría mal.

GUSTO


Este asunto das influencias e imitacións é como un test do cambio xeneracional. Ás veces deposítase nos autores noveis a esperanza da renovación. Soñamos, con complexo de culpa, con que veña o Capitán Mocidade a rescatarnos da decadencia das letras. Como profesor, afirmo que iso só vale para crear frustracións e falsas expectativas. Nos inicios da vida creativa está a copia e a imitación do admirado: ese é o inicio do proceso case sempre. Só despois dalgúns anos, cando os rapaces carguen no lombo con fracasos laborais e sentimentais, experimenten a perda, a ausencia e a viaxe, agromará algo novo. Precísase cocer o aprendido nos fervores e inmundicias do tempo que te tocou vivir, e o teu xenio persoal —que nunca é tan especial— deberá enchouparse da época para facer de ti unha voz única. Se un escritor menor ca ti expresa —en privado— canto te admira, vai agardando unha versión 2.0 da túa literatura e lectores que feliciten ao imitador celebrando a súa orixinalidade.

Vas vello, meu amigo. Gago escribe isto porque algo lle pasou a el

APANDAR


Non hai moita marxe de manobra alí onde non hai plaxio. Na batalla diaria da literatura, todo se explica con delirantes argumentos ad hominem e contigo, nesta lea, non vai ser distinto. Xa sabes a que me refiro: aquel crítico falou mal da túa novela porque non es da súa corda política. Ese premio déronllo a esa rapaza por ser muller e, ademais, amiga desa integrante do xurado. A mengano sacárono no Babelia porque se liou coa filla do crítico de El Cultural. Exhiben o teu libro na portada desa libraría de moda —o único en galego!— porque vas de copas coa propietaria. Promociónante nos clubes de lectura porque lle fas prezo aos institutos. A mengano non o sacan no xornal hexemónico porque colabora no outro. Pode que ti mesmo participaras destes lercheos, sen ser consciente do que se criaba neles. Así que de certo que non é para tanto esa imitación. Non es o único que escribe sobre ese tema. Se cadra esteas esaxerando un pouco. Estás celoso porque xa  recibiu dous premios que a ti nunca che deron. É unha nova promesa, como ti fostes tamén, e debes darlle aire. Vas vello, meu amigo. Gago escribe isto porque algo lle pasou a el, seguro que o do amigo ese é un recurso para non dar tanto o cante. E logo de quen está celoso? Hai que apandar, son os tempos.
 
Só coñezo unha solución a este problema incómodo. E deulla Pérez-Reverte nunha entrevista a Sergio Vila Sanjuán. Cito de memoria. Pregunta Vila Sanjuán: "Como levas que despois do éxito das túas primeiras novelas xurdiran tantos imitadores?". Responde Pérez-Reverte: "Tanto me ten. Cando eles chegan aí eu xa estou noutro lugar, facendo outra cousa". Non semella mal apaño. Deixar de ser un mesmo para que doa menos.

Tempo de apandar
Comentarios