jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Éxtase millennial

Jia Tolentino ten trinta e dous anos e é a autora máis nova do cadro de persoal do The New Yorker. Os seus textos con estrutura de matrioska diagnostican con precisión as doenzas dunha xeración —a súa—, nun mundo —o primeiro mundo desenvolvido­— azoutado polo individualismo, a optimización, a autoexplotación e a produtividade. Una sociedade que libera as mulleres de ter unha aparencia determinada coa que agradar aos homes para convertelas en escravas de si propias baixo a trampa dos coidados. Jia Tolentino, a través as súas propias contradicións, é quen de tirar a foto fixa do ethos millennial

JIA TOLENTINO deixou de crer en Deus o ano no que probou a éxtase. "Sempre pensei que a relixión e as drogas son atractivas por razóns semellantes. Esixes absolución, completo abandono, escribín rezándolle a Deus no derradeiro ano de bacharelato", relata no ensaio Éxtasis de Falso espejo. Reflexiones sobre el autoengaño (Temas de Hoy, 2020). Aos 16 anos, Jia Tolentino (Toronto, 1988) ía dous cursos adiantada no instituto e fora admitida na universidade de Yale, unha das máis elitistas dos Estados Unidos e do mundo occidental. Acudía dúas veces por semana á igrexa.

Aos 16 anos, Jia Tolentino non entendía por que o uniforme de animadora prescrito no seu colexio ultraconservador facía evidentes as súas bragas. Á metade do curso pediu permiso para participar na gravación da cuarta tempada do reality show Girls vs. Boys para a cadea de televisión que emitía a exitosa serie Degrassi. A dirección do centro non estaba moito polo labor, pero finalmente convenceunos para que lle conservasen a praza e o dereito a exame baixo a promesa que ela sería unha luz divina, testemuña de Deus, na televisión.

Aos 16 anos, Jia Tolentino devecía por ser famosa por escribir un libro, non por saír na tele, e críase mellor que os demais rapaces e rapazas daquel concurso. A "superioridade moral conservadora" na que fora educada. Todo o cásting de Girls vs. Boys. Edición Puerto Rico, ao igual que a telerrealidade enteira e boa parte das narrativas contemporáneas, respondía aos arquetipos da secundaria. O deportista. A raíña do baile. A neurótica. O macarra. Tolentino cavilou se ela sería a chapona —foi duramente reprendida cando se puxo a facer deberes no medio do concurso, porque iso seica non dá ben en cámara—. Talvez fora seleccionada como a mexericas estreita, xa que estableceu como norma que non se enlearía con ninguén. O derradeiro día, xa fóra de cámara, cacharíana mentres mazaba con Demian, un dos seus compañeiros.

Estaban por lles embargar a casa. Nunca a situación fora tan crítica. A nena Jia e o seu irmán máis novo sempre estiveran "protexidos"

Aos 16 anos, Jia Tolentino sospeitaba que a cota que lle tocaba cubrir en Girls vs. Boys era a de persoa non branca. Quizais xa o levaba sabido de moito máis nova, cando en terceiro de primaria a súa amiga Allison, xogando aos Power Rangers, lle dixera que non podía escoller o rosa, que tiña que apandar coa cor marela. "Allison pretendía facerme entender que eu non era consciente das miñas propias limitacións". Esa tarde solleira de verán, Tolentino puxéralle fin ao seu período de "autoengano". Ela non era igual que as nenas de cabelos louros case brancos do Repentagon, a comunidade arredor da megaigrexa evanxélica de Houston (Texas) na que se asentaran os seus pais, filipinos de nacemento, cando chegaran a Estados Unidos desde Canadá en 1993.

Aos 16 anos, Jia Tolentino colleu un avión coa consciencia de que o seu mundo arredor estaba por se estomballar. "Fun a Puerto Rico nunha época na que meus pais estaban metidos nunha serie de problemas financeiros e persoais, cuxa auténtica dimensión viña de descubrir". Estaban por lles embargar a casa. Nunca a situación fora tan crítica. A nena Jia e o seu irmán máis novo sempre estiveran "protexidos". "Meus pais pagábanme colexios privados, mesmo internados, as clases de ximnasia e as librarías de vello".

En maio de 2020, Jia Tolentino é unha xornalista de éxito e Falso espejo, un supervendas nos países de fala inglesa. A nai da escritora descobre que no artigo da Wikipedia dedicado á súa filla alguén introduciu un parágrafo sobre aqueles problemas familiares de cando a moza tiña 16 anos. Os pais e mais a avoa de Jia Tolentino foran acusados en 2004 de tráfico de persoas, como responsables dunha axencia que recrutaba docentes e enfermeiros en Filipinas para seren empregados en vacantes en hospitais e escolas do Estado de Texas. Tolentino explica nunha longa entrada no seu blog que seu pai fora detido e incomunicado e que a súa familia resultou implicada polas políticas antiinmigración da Administración Bush, nun contexto no que viña de ser asinada a Patriot Act, e que os seus pais foron inmediatamente sinalados polo feito de seren eles tamén migrantes. Finalmente o proceso xudicial rematou en 2007. Os cargos contra a avoa e a nai foran sobresidos e o pai aceptou, por recomendación dos avogados, un acordo que o admitía culpable de conspiración para defraudar aos Estados Unidos. As acusacións de tráfico de persoas, polas que lle pedían máis dun cento de anos de cárcere, foron arquivadas, pero a familia resultou arruinada e endebedada.

Estaban por lles embargar a casa. Nunca a situación fora tan crítica. A nena Jia e o seu irmán máis novo sempre estiveran "protexidos"

Aos 16 anos, Jia Tolentino viuse na obriga de renunciar á praza en Yale. Contaba con gañar Girls vs. Boys para poder pagar cos cartos do telelixo o prestixio da Ivy League, o seguro médico e que lle avalasen o crédito de estudos, pero finalmente non resultou así e aceptou unha bolsa completa para estudar na universidade de Virginia. Na súa igrexa telepredicábase que a xente era pobre porque non se esforzaba abondo por non o ser. "Perdín o interese por reconciliar a seguridade do extenso evanxelismo sureño coas miñas nacentes crenzas políticas. Odiaba o evanxeo da prosperidade".

Aos 16 anos, a Jia Tolentino todo aquilo da meritocracia non lle cadraba, precisamente, porque lera a Biblia, un libro que define como "socialista". "O cristianismo moldeou os meus máis profundos instintos: achegoume unha visión esquerdista do mundo, unha obsesión coa moralidade cotiá, unha compresión precisa do que supón ter nacido nunha situación comprometida e unha necesidade de pór en tea de xuízo continuamente as miñas propias ideas sobre o que significa o Ben".

Cando rematou a carreira, Jia Tolentino botou un ano como voluntaria nos Corpos de Paz de Robert Kennedy en Kirguistán. "Estiven cagando un ano nun burato no chan para non volverme unha imbécil", sostén. Regresou dos confíns do que fora a Unión Soviética a Estados Unidos con tuberculose e matriculouse nun mestrado de escritura creativa na universidade de Michigan. Comezaron as colaboracións en portais web. The Hairpin, primeiro, e a revista feminista Jezebel, despois. "O 2014 foi o primeiro ano na miña vida no que non me tiven que preocupar polos cartos como rutina". De Jezebel deu o chimpo a The New Yorker, en 2016.

"O persoal está morto. O persoal xa non é político. Non máis ensaios sobre tampóns perdidos na era de Donald Trump", sentenza Tolentino. É 2017. Con todo, no parágrafo final admite que moito lle reina observar a xente "procurar discernir se teñen algo que contar".

Tolentino repasa as servidumes do eu en internet, a mística das drogas recreativas, a industria demencial da organización de vodas, a cultura da violación nos campus universitarios

Aos 30 anos, Jia Tolentino faise famosa por escribir un libro e cumpre a autoprofecía do reality show de Puerto Rico. Falso espejo convértese nun supervendas instantáneo. O volume de Tolentino repasa as servidumes do eu en internet, a mística das drogas recreativas, a industria demencial da organización de vodas, a cultura da violación nos campus universitarios e outras peaxes do sexismo do século XXI. En Heroínas puras, a autora viaxa polas idades das personaxes femininas das novelas: "Se foses unha moza e tiveses que imaxinar a túa vida a través da literatura, pasarías da inocencia da infancia á tristura da adolescencia e de aí á amargura da idade adulta; chegadas a ese punto, se non te tiveses quitado xa a vida, simplemente desaparecerías".
Falso espejo é político. E persoal.

Margaret Atwood, Rebecca Solnit ou Zadie Smith réndense perante "a moza do momento". O aplauso é case que unánime. Soamente unha autora, a estadounidense Lauren Oyler, na London Review of Books, amosa o descaro millennial para cuestionar a Jia Tolentino: "Presenta o contemporáneo como tan contemporáneo que require dunha experta para descubrilo e os seus éxitos precedentes como proba da súa idoneidade para o traballo". E conclúe Oyler: "A escrita pública sempre é, aínda que sexa un chisquiño, interesada, esixente, controladora e enganosa; a responsabilidade da autora é engadir algo máis para afastar a balanza de si mesma".

Jia Tolentino partilla na súa conta de Twitter unha ligazón ao destripe que lle ten feito Lauren Oyler a Falso espejo. "Agardaba desde que saíu o meu libro por unha crítica realmente mordaz sobre a miña merda, semellaba inevitable tendo en conta o resto da miña boa sorte e tamén como que podería ser útil. Por fin chegou: unha experiencia de purificación e iluminación o ser lida con cacho noxo", engade no seu chío.

A web da London Review of Books vense abaixo co tráfico de lecturas. Se cadra, Jia Tolentino si que é a muller do momento.

Éxtase millennial
Comentarios