viernes. 03.12.2021 |
El tiempo
viernes. 03.12.2021
El tiempo

Fantasía e tempo

Souben pola edición de Manuel Outeiriño de Las tinieblas de Occidente de Risco que na historia se suceden vagas clásicas e románticas

QUEDAN TRES luares para despedir o ano e aínda o subconsciente —ou o inconsciente, non sei— me pide poñer 2016 cando escribo a data cada mañá. Faste vella e corre o tempo. Quizais é porque cando tes dez anos unha semana supón moito máis de vivencia que no camiño de cumprir catro veces dez, nesa idade na que se queres darlle a volta ao colchón xa non che acorda se estaba en modo primavera/verán ou outono/inverno.

A filla do espantallo, de María Gripe, e Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín, son algúns dos produtos culturais que lembro con máis agarimo da miña infancia. Por unha banda, o meu libro favorito da miña autora preferida —aínda hoxe, podería dicir—. Regalaráramo a miña madriña. Era dos vermellos de El Barco de Vapor, pero eu lino cando aínda tiña idade para os laranxas. Foi a primeira vez na vida que teño consciencia de terme sentido adulta e fachendosa por algo.

O Lamote, asemade, foi o primeiro de narrativa que lin en galego, emprestado nun agosto  melidao pola miña amiga Paula: o relato marabilloso co que me prendeu o andazo do lucensismo e polo que souben de que había xentes ás que lles chamaban chairegas. Logo estaba The Storyteller, de Jim Henson. Si, o Jim Henson de Barrio Sésamo, Fraggle Rock’ e The Muppets. Exactamente; o que puxo a David Bowie a facer de malvado rei dos sumicios na película Dentro do labirinto. The Storyteller pasáronno como El cuentacuentos en Televisión Española no esmorecer dos oitenta. Había poucas cousas que me prestasen máis que ollar e escoitar aquelas historias aterrecedoras cos ollos a medio pechar, un laio afogado na gorxa e pegada ao sofá con Supergen.
Storyteller
Eran contos negrísimos da tradición oral europea. De mozas que se convertían en corvos, nenos híbridos de humano e ourizo, con pugas e fociño, rapazas maltratadas por trolls e mesmo unha Cinsenta que tería a Walt Disney tres meses sen durmir dos pesadelos. Mesturaban monicreques e intérpretes de carne e óso, nunha ambientación lúgubre, cos filtros da cor que pinta os ceos exactamente dúas décimas de segundo antes de que rompa a nevar. Como na literatura popular desde a noite dos tempos, comezaban cunha fórmula que se repetía. Neste caso, o contacontos —John Hurt— sentado a carón do lume; aos seus pés, un can ao que lle poñía voz Brian Henson, o irmán de Jim.

Só vin The Storyteller unha vez. Fixeran unha segunda entrega con mitos grecolatinos, pero xa non me reinaba igual. Anos despois, ao ler Las tinieblas de Occidente de Vicente Risco —edición de Manuel Outeiriño (ai!)—, souben que isto da historia é unha sucesión de refachos clásicos e vagas románticas. E eu caín do lado das románticas, que lle queren.

Aínda que está editada no Reino Unido en DVD e podería mercala online sen dó, non as teño todas comigo. E se tantos anos despois algo que unha vez me pareceu incrible se me estomballa? Este verán púxenme a reler o primeiro tomo de Torres de Malory, de Enid Blyton. Francamente, amigas, antollóuseme que durmía as ovellas. Non sei se podería termar dunha sensación así cos contos escolmados por Jim Henson. Como seguir vivindo tras a decepción?

Cóntolles todo isto porque neste merco-non merco acabo de decatarme de que a serie que tanto condicionou a miña infancia, a miña vida, non foron senón nove capítulos de 24 minutos de duración. A nada, vaia. Daquela parecérame un mundo.

Fantasía e tempo
Comentarios