Blog | Nube tóxica

Maiakovski, entre o narcisismo e a agitprop

O Espagne publicitábase coma o máis veloz dos vapores que cruzaban o Atlántico. O 12 de xuño de 1925 chegara á Coruña cos corpos sen vida dos lugueses Eulogio Lage e Aurora Díaz; regresaban de Cuba para curar a tuberculose. Deixaron orfas tres crianzas de corta idade. Entre a pasaxe organízase unha colecta para os meniños. Na viaxe de volta a América, o Espagne leva como pasaxeiro un tipo de trinta e poucos con lixeiro prognatismo maxilofacial e nariz impoñente, que supera o metro noventa de estatura. É o poeta soviético Vladimir Maiakovski.
Táboa

DÚAS PALABRAS. A miña última viaxe: Moscova, Könisberg (por aire), Berlín, París, Saint Nazaire, Santander, Xixón, o cabo da Coruña, A Habana, Veracruz a cidade de México, Nova York, Chicago, Filadelfia, Detroit, Pittsburg, Cleveland. Le Havre, París, Berlín, Riga, Moscova”. As notas desta viaxe transatlántica de Maiakovski están recollidas en América (Gallo Nero).

Vladimir Maiakovski (Baghdati, Xeorxia, 1893; Moscova, 1930) era en 1925 un embaixador da Unión Soviética. En México -que tiña recentes os asasinatos de Emiliano Zapata e Pancho Villa- Frida Khalo e Diego Rivera recibiron a Maiakovski, que falaría semanas máis adiante nos grandes centros fabrís de Estados Unidos. Despréndese das notas de América que lle reinou Chicago, “que non ten vergoña das súas factorías nin se agocha nos seus suburbios”. Aborreceu Nova York “os domingos”. Con todo, sairía fascinado polo brillo de Broadway.

Á altura de 1925, Maiakovski dá a idea dun creador en plenitude. Atrás quedaran unha infancia xeorxiana —como a de Stalin—, o traslado a Moscova tralo pasamento do pai e a expulsión do liceo. Semellaba que fora outro tempo cando o camarada Kostantin, alcume na clandestinidade, fora en tres ocasións ao cárcere. Entre reixas, aos 16 anos, xorde á primeira aproximación á poesía.

O futurismo chega da man de David Burliuk na Escola de Pintura de Moscova. Discorre 1911 e Maiakovski entende que cómpre “guindar pola borda do barco da modernidade” a Pushkin, Tolstoi e Dostoievski, emblemas da literatura rusa. O lingüista Roman Jakobson diría que para Maiakovski “a patria da creación é o futuro onde sopra o vento dos deuses da palabra”.

Os abaixo asinantes avogan por rachar as palabras e situalas fóra de contexto, e por darlles prioridade aos sons

Unha labazada ao gusto social funcionará en 1912 a modo de manifiesto futurista presoviético. Os abaixo asinantes avogan por rachar as palabras e situalas fóra de contexto, e por darlles prioridade aos sons. As perfomances da tropa de Maiakovski resultan provocadoras: os seus recitados violentos contra a burguesía, con esa voz súa grosa, esas feituras de xigante punkarra con ego de estrela do rap.

Un serán, a estudante de arquitectura Ella Iurevna Kagan fica pampa co mozo Vladimir. En 1915 ten lugar nunha dacha do extrarradio de Moscova un acontecemento transcendental na biografía de Maiakovski, xa que coñece a Lilia e Osip Brik, a irmá e mais o cuñado de Ella. Axiña, Lilia tómao como amante. Viven os tres, Lilia, Osip e Vladimir, en cas Brik durante anos.

Maiakovski trasladaría deste xeito a irrupción de Lilia na súa vida: “Ti/ chegaches dilixente/ tralo bruazo,/ trala estatura,/ miraches e descubriches un rapazolo./ Colliches,/ quitáchesme o corazón/ e despreocupada xogaches con el/ como unha nena coa pelota”. Lilia confesaría anos despois que Vladimir se lle facía intenso de máis. “O seu por min non foi un namoramento, senón un asalto”.

Ela nunca cuestionou que Vladimir tivese outras mulleres. Da breve relación do poeta e outra Lilia, Lavinskaia, artista da Axencia Telegráfica Soviética (Rosta), nacería un neno en 1920. Os encontros que mantivo coa tradutora Elli Jones durante as súas semanas por Estados Unidos en 1925 darían como froito outra filla. Máis adiante, en 1928, coñecería en París a Tatiana Iakovleva, burguesa e refinada, que chegara a Francia en época prerrevolucionaria para ser tratada de tuberculose baixo o patrocinio do magnate André Citroën. Seica unha visa denegada quitonous de casar. Tería cando menos dúas amantes máis antes da morte en 1930: a xornalista Natalia Briukhanenko e a actriz Vera Polonskaia. Pese ao longo historial propio de aventuras, Maiakovski nunca rematou de procesar o albedrio sexual de Lilia, que amou a moitos e moitas.

Co triunfo da Revolución Bolxevique de 1917, o mozo de Xeorxia con 16 dentes podres convértese na primeira celebridade da URSS

Vladimir Maiakovski asistira aos primeros compases da Primeira Guerra Mundial subxugado por unha inxenua concepción estética do belicismo. Con todo, resultaría rexeitado como voluntario e reclutaríao Maxim Gorki de deliñante para a Escola Militar do Automóbil de Petrogrado. Co triunfo da Revolución Bolxevique de 1917, o mozo de Xeorxia con 16 dentes podres que botara case que un ano en prisión convértese na primeira celebridade da URSS.

Ten 24 anos e no piso de Petrogrado dos Brik —axiña regresarían a Moscova— cocíñase a vangarda. ‘O poeta é un obreiro’, escribe. Diversifícase como cartelista, defende o traballo de axitación, o panfleto, o xornalismo cualificado e a crónica. Participa nas xiras da Proletkult; viaxa a Berlín e a París, e coñece a Picasso. Comeza a compoñer ‘A quinta internacional’ que, di, será unha peza de arte lembrada “de aquí a cincocentos anos”.

Escribe, dirixe e actúa no cine mudo. O primeiro título como protagonista é Non nacido para os cartos, baseado no Martin Eden de Jack London. O terceiro filme como actor será, asemade, o primeiro que dirixa: A dama e o pillabán narra o amor non correspondido entre un alumno dunha escola noctura e a súa mestra. Converteuse nun éxito instantáneo de billeteira na URSS en 1918.

Con Alexander Ronchenko funda en 1923 unha axencia de propaganda que tirará máis de 150 campañas. Unha das creacións para a posteridade será a montaxe sobre a fotografía de Lilia Brik con pano de obreira, a acenar un berro de entusiasmo revolucionario. Baixo a premisa de “desestetizar as artes aplicadas” agroma a Fronte de Esquerda das Artes (LEF), na que participan os futuristas e outros como Vladimir Tatlin e Osip Brik.

O ascenso de Iosif Stalin en 1924 e a esclerotización das estruturas da URSS contextualizan os derradeiros anos de Maiakovski. Á volta de América, en decembro de 1925, recibe a noticia de que se aforcou Serguei Esenin. Por moito que na era da furibundia futurista lle chamase “tocador de balalaika”, Vladimir sente a perda do camarada poeta labrego. Comeza o desencanto: “Outubro ruxiu, vingador e xusticieiro, e trala súa á de plumaxe de fogo dispuxestes os vosos útiles de cociña”.

As máis das veces adúcese a axitada vida sentimental do escritor para lle procurar unha explicación ao suicidio de Vladimir Maiakovski en 1930

Entrégase á escrita de comedias satíricas. Publica en 1929 A percebella e A casa de baños. É acusado de burgués e de traidor polo Colectivo de Escritores Proletarios. O día da estrea de A casa de baños, coloca o seguinte cartaz no teatro: “Non se pode lavar dunha vez o enxamio de burócratas; non habería baños abondos nin abondo xabón”.

As máis das veces adúcese a axitada vida sentimental do escritor para lle procurar unha explicación ao suicidio de Vladimir Maiakovski en 1930. Tiña 37 anos. Sinala Roman Jakobson en El caso Maiakovski (Icaria) que, ao morrer Lenin, o espírito “profundamente colectivista da nova escola ameaza ao Maiakovski individualista”. Pola súa banda, a poeta Marina Tsvetaiva afirma: “Durante doce anos, Maiakovski, o home, estivo a matar a Maiakovski, o poeta que estaba dentro de si. Ao cabo, o poeta ergueuse e matou o home”. Lilia Brik, talvez quen mellor o coñeceu, apunta: “Non sabía resignarse á idea de que a mocidade dura un intre e que o futuro resulta a cotío mediocre”.

Seis anos despois do pasamento, a mesmísima Lilia Brik escribe a Iosif Stalin. Maiakovski é distinguido coma o mellor poeta da era soviética. Aos poucos, Boris Pasternak considera unha aberración que a obra dalguén como Maiakovski se faga ler “á forza”. E engade: “É a súa segunda morte”.

A primeira non puido ser máis premeditada. Relata Jabokson que, antes de se pegar un tiro no peito co revólver que usara de atrezzo nunha das súas películas, deixou escrito: «Por favor, non marmuren; o finado aborrecíao terriblemente”. Eis a máxima futurista de que “o poeta debe acelerar o tempo”.

Maiakovski e Vera Polonskaia vivían en Lubianka, a carón da KGB. Discutiran e ela saíra pola porta. A muller escoitou o percutir da arma. Desandou os pasos ata o cuarto que compartían: “Aínda flotaba no aire o fume do disparo”. Dous días antes dese 14 de abril de 1930, Maiakovski versificara un seu epitafio: “A todos!/ Non se culpe a ninguén da miña morte e, por favor,/ nada de chismes. Lilia, ámame./ Camarada goberno, a miña familia é: Lilia Brik, miña nai, miñas irmás e Vera Vitaldovna Polonskaia./ Se se ocupan de lles procurar unha asistencia decente, grazas./ Por favor, déanlles os poemas inconclusos aos Brik,/ eles entenderanos./ Como quen di,/ a historia rematou./ O barco do amor/ colidiu/ contra a vida cotiá./ E estamos a man/ ti e mais eu./ Entón, para que/ regañarnos mutuamente/ por dores e danos e golpes recibidos?”.

Comentarios