martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Sapoconchos

Desde que colocamos a Lucía Pérez en Eurovisión, non se vira unha troleada galega semellante á de Roi en 'Operación triunfo'

Protexede a Roi, por favor. RTVE
Protexede a Roi, por favor. RTVE

SE NON o saben, xa lles conto eu que Roi Méndez, o concursante de Teo de Operación triunfo, foi ao cásting do programa de enganchada, logo de tocar coa Olympus. Imaxinen: "¿Dónde vas, bala perdida? ¿Dónde vas, triste de de ti? ¿Dónde vas, triste de ti? ¡Un, dos, tres, cuatro!". Solo de guitarra. Chispún, a recoller o palco e a rezar para que o camión non arda e apareza nun fío de Twitter de tráilers de orquestras en lapas dos que escribe desde Monterroso Madenfas. E, despois, horas de ringleira no Pazo de Congresos de Santiago, unha proba diante de Noemí Galera e, sen pasar pola casa, outra vez a cumprir co deber: bachatitas, popurrí de cumbias, un pouco de "Islas Canarias, Islas Canarias", o Despacito de rigor, A cabritinha...

Boa parte dos concursantes desta Operación triunfo reloaded, que nos ten pegadas á tele e ao YouTube como na vida, pasaron por outros formatos televisivos, Roi non foi nin á Canteira de cantareiros de Luar, pero está bregado nesa forma do pop enteiramente do país e puramente diferencial que é a nova verbena galega.

A Roi debémoslle esta semana unha troleada de proporcións épicas en horario de máxima audiencia na televisión pública española. Desde que colocamos a Lucía Pérez en Eurovisión non se vira outra semellante. Que cal é a palabra en galego máis importante que non sexa unha bocalada que todas deberiamos saber? Pois sapoconcho. Case semellaba aquilo un sketch das Cantareiras de Ardebullo. A palabra máis fermosa do galego, señora? "Oralita". Nin bolboretas nin agarimos nin luscofuscos. "Oralita". Que se Amaia I de Navarra di agora que "almorrana" ten unha sonoridade preciosa, Mucha deulles onde máis lles doe a todos os que andan á procura de somieres nos peches das leiras.

Quizais foi de súpeto, sen pensalo moito, pero eu quero crer que o de Roi o luns á noite, na gala sexta da galegofobia na que os tres do país na academia de Tarrasa foron propostos polo xurado para abandonar Operación triunfo, foi unha vinganza. "Es que la canción te sale muy gallega". Así, toda a semana. Que será porque o rapaz é galego, ou a ver se o normal vai resultar o de Cepeda, un de Ourense que lle dá ao flamenquito como se fose irmán de Pablo Alborán. Que xa che vale, Cepeda, que escolleras unha canción de Linkin Park con iso de que estás outra vez nomeado, para mudar de rexistro, e ao ver que a túa contrincante ía facer unha de Malú decidiches trocar a Antonio Orozco. "Esto es España, a quién quiero engañar". Sen ser eu do chándal metal, vaia argumento, machiño.

Sexa como for, a cousa é que os galegos da Operación triunfo millennial acumulan máis de media ducia de nomeamentos para seren expulsados, pero aí seguen eles. Miriam, de Pontedeume, dicindo que non sei quen dous seus compañeiros se lle imita a Jorge da Panorama. Cepeda, a explicar a posición de Dolores se llamaba Lola no imaxinario do campo da festa. Roi e Mailos Sapoconchos.

Así, ao parvo, onte á mañá todo eran debates sobre o sapoconcho. Que si é un sinónimo perfecto de tartaruga ou non. Que se serve só para as tartarugas de auga doce, pero non para as demais. Houbo achegas reintegratas e isolacionistas. Só unhas horas despois, nas palabras máis procuradas do dicionario online da Real Academia Galega, sapoconcho era a terceira. A primeira e a segunda, pirola e cona, que moito nos reina o verde e o gonadiano, amigas.

Se non fose que teño comprometido perante o Galitwitter o mei apoio a pitopodre, o vocablo de novo cuño de Esteban Yáñez — ou Snob Megalove— para usar no canto do neoloxismo castelán pollavieja, quen me vería a votar o sapoconcho de Roi como a palabra do ano do Portal das Palabras.

Sapoconchos
Comentarios