martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

A culpa é do fabricante

En setembro do 1956, os espectadores do late night de Ed Sullivan só viron a Elvis Presley por riba da cintura. O director do programa impediu gravar os movementos de pube do mozo. En outubro do 1993, no mesmo auditorio, David Letterman censurou un monólogo sobre o aborto de Bill Hicks: o que preocupaba do cómico era a súa cabeza. Heredeiros dunha tradición centenaria de predicadores, sós co seu discurso fronte á multitude, os monologuistas espiron desde os anos 60 os tabús da sociedade estadounidense

Lenny Bruce. AEP (Portada Táboa Redonda)
Lenny Bruce. AEP (Portada Táboa Redonda)

A ACTUACIÓN consistía nun monólogo de 55 minutos que trataba temas socialmente controvertidos, intercalados con asuntos tan pouco relacionados entre si como o encontro dun violador psicótico cunha ninfómana, as relacións íntimas do acusado con tres mulleres casadas e unha suposta conversa co traballador dunha gasolineira nun baño da mesma, que acabou coa suxestión de que o obreiro e máis el colocaran anticonceptivos e sacaran fotos. O acusado fixo movementos que suxerían a masturbación e as persoas que saían da sala foron abordadas con consellos repulsivos. O espectáculo estaba pensado para referirse continuamente ao acto sexual coa utilización de termos que adultos normais encontrarían manifestamente "ofensivos”. A sentenza, do Tribunal Supremo de Illinois, refírese a un show de Lenny Bruce no Gate Of Horn de Chicago, en decembro do 1962. A policía tomou o night club polas malas e o cómico acabou nunha furgoneta policial xunto con algúns clientes do local. Entre eles, unha rapaza de quince anos, o editor dunha revista pornográfica e un admirador, George Carlin.

Edu Galán, fundador da revista Mongolia, documenta o suceso en Morir de pie (Rema y Vive, 2014). O ensaio é un repaso á historia do monólogo, un xénero cento por cento estadounidense. O autor persegue as raíces do stand-up ata situalas na tradición do "home público norteamericano", que naceu ao abeiro da Primeira Enmenda á Constitución (1791), garante da liberdade de expresión. Amparados polo individualismo da experiencia relixiosa dos estadounidenses e pola súa alerxia á intervención do Estado no paraíso do libre mercado, os predicadores enfrontáronse á multitude sós co seu discurso. A escena repetiuse durante dous séculos: o profeta compartiu unha revelación privada, íntima; o "medicine man" vendeu pócemas milagreiras para todo tipo de doenzas; o colono engaiolou á audiencia coa idea da terra prometida; o político convenceu á cidadanía da necesidade de cederlle a súa soberanía; o monologuista ofreceu o humor como catarse.

Dúas décadas antes de alumear a Tom Sawyer e tres antes de parir a Huckelberry Finn, Mark Twain puxo a primeira pedra na construción do "stand-up". No 1856, nun acto sobre Benjamin Franklin, o novelista ofreceu unha disertación cómica na que reflexionaba sobre a sociedade a partir de anécdotas da súa vida. O éxito foi rotundo e seguiu a dar monólogos ata o final. "Todos temos moralidade", explicou na Universidade de Columbia, no 1906. "Eu tamén, pero prefiro ensinala que practicala. Dálla aos outros, é o meu lema", asegurou.

O final da Lei Seca, no 1933, propiciou o caldo de cultivo para o estourido do xénero

Durante unha centuria, o stand-up ficou eclipsado. Na primeira metade do século XX, os monologuistas eran presentadores de espectáculos de variedades que só gozaban duns minutos, entre actuación e actuación, para animar a espera. O final da Lei Seca, no 1933, propiciou o caldo de cultivo para o estourido do xénero, trinta anos despois. Desde o levantamento da prohibición do alcol afloraron os night clubs, os after hours da época. Ofrecían comodidade –mesas, sofás– e unha intimidade que favoreceu a sátira social e política. "A escuridade é fundamental. Sen ela non riría ninguén", confesou Steve Martin. Daquela apareceu Bruce, xudeo, drogadicto, e puxo todo patas arriba.

Nos Estados Unidos da Guerra Fría, Bruce revelou as miserias dun país que facía fronte común contra o comunismo e que non podía permitir que as súas contradicións –exclusión social no Soño Americano, o falso puritanismo– ficasen espidas. Cunha actitude deliberadamente groseira, o cómico desenmascarou a mentira da moral, de que un non debía comportarse do mesmo xeito en público e en privado. Bruce mostrou a unha xeración de monologuistas que a moral é a maneira que ten o poder de disfrazar a realidade, de protexer o sistema de valores dominante contra as críticas. Bruce identificaba o tabú –"se o corpo é suxo, a culpa é do fabricante – para que o público fose quen de rir do prohibido, para que as persoas poidesen ser máis libres, para que poidesen ser elas mesmas. "A verdade é o que é e o que debera ser é unha fantasía, unha terrible mentira que alguén nos contou hai tempo", dicía. Iso si, debeullo explicar ao xuíz.

Os sick comedians, ácedos cronistas sociais, afianzáronse nos 60 e o monólogo consolidouse entre a arte contracultural da década. Daquela, os hippies e os universitarios procuraban referentes que contasen a verdade sobre unha sociedade que adiviñaban podre baixo a alfombra do consumismo. A existencia dun público permitiu os cómicos expresar unha visión do mundo, expor sobre o escenario unha parte –sempre filtrada– do seu ego. Dick Gregory e Richard Pryor reivindicaron a negritude nos seus shows, que se opuñan ao humor adozado de Bill Cosby. George Carlin, impresionado por Bruce, viviu unha singular metamorfose: tornouse máis radical canto máis vello. "Son o home do milenio", anunciaba ao borde da setentena, e dobraba a espiña para recitar coma un rapeiro. "Coñezo as vantaxes das rebaixas, sei das desvantaxes das melloras. Son interactivo, hiperactivo e, de vez en cando, radiactivo", proseguía. E daquela denudaba a alienación do ser humano contemporáneo cunha ristra de adxectivos: "fun prelavado, precociñado, prequentado, preseleccionado, preaprobado, preempacado e teño unha capacidade ilimitada de banda ancha".

Froito dun maior recoñecemento social, os grandes cómicos (Billy Cristal, Robin Williams) multiplicáronse nos 80. Mesmo apareceron monologuistas a contracorrente, como Andy Kaufman, que xogaba a defraudar as expectativas do público. Jerry Seinfeld e Larry David crearon a partir do stand-up unha das series máis exitosas da historia da televisión. As mulleres, como Woophi Goldberg, Ellen DeGeneres ou Paula Pondstone, saltaron a barreira do xénero.

Fun educado por persoas que cren nun Deus castigador. Que divinidade é esa? Velaí a esencia do que fago

Nos 90 a Historia chegou á súa fin, segundo Francis Fukuyama. Derrotada a Unión Soviética, os Estados Unidos ficaron como a única superpotencia e o capitalismo tornouse a doutrina verdadeira. Bill Hicks, o grunge no monólogo, deu a resposta. Criado en Texas nunha familia baptista, o cómico escapaba aos 15 anos por unha fiestra da casa para actuar en night clubs. Cando o descubriron, seus pais levárono ao psiquiatra. "Fun educado por persoas que cren nun Deus castigador. Que divinidade é esa? Velaí a esencia do que fago", explicaba. Cada unha das súas actuacións era un combate contra un xigante, a euforia dos gañadores. Nas 250 pelexas que libraba cada ano, Hicks ofrecía hostias ás deidades da autoproclamada América: a relixión, o patriotismo, o consumismo. "Saben o que máis me fode? O dóciles que nos volvimos. Montaron o debate das eleccións arredor do diñeiro e tragamos", bramaba. "Bush é un asasino de masas! Verán, hai outras razóns para votar á parte das súas putas carteiras", continuaba. E daquela, aquel xamán de 185 centímetros de altura, roupa de funeral, facía ao público un aceno de calma. "Tranquilos, veñen agora chistes de pirolas. Son un profesional, coñezo o país no que vivo", ría.

No século XXI, a sociedade hiperconectada cambia de tabús, pon límites ao humor, fai rentable sentirse ofendido. Os nosos provocadores piden perdón ou quéixanse de incomprensión. Non son teimas novas. No 1992, unha xornalista da BBC espetoulle a Hicks que "a xente quere ser entretida, non vén aos monólogos a pensar". "Podo suxerirche uns malabaristas que che van gustar?", respondeu o artista. Agora que –de tan entretidos que nos ten– o capitalismo de ficción eliminou as diferenzas entre a verdade e a mentira, entre a realidade e o espectáculo, entre o escravo e o cliente, agora que non semella haber alternativa ao noso modo de vida, de tan natural que parece, precisamos cómicos capaces de desfacer o envoltorio.

Na parede do club Velveeta Room, en Austin, Texas, hai colgado un dodecálogo do humor. "Aposta todo ao tope da intelixencia da sala", recomenda o texto, "e lembra que se es capaz de facer isto, podes facer calquera cousa". Transcribiuno un amigo de Bill Hicks para os rapaces que, ás agachadas, entran nos bares da comedia.

FICHA
Cómo ser grosero e influir en los demás
Lenny Bruce
Editorial: Malpaso
Páxinas: 320
Prezo: 19, 90€

No limiar da autobiografía de Lenny Bruce, o dramaturgo británico Kenneth Tynan define ao cómico como "o home que lle baixou os pantalóns á conciencia de América (...) Un poeta improvisador con tanta confianza na audiencia que falaba diante do público coa mesma vehemencia que se expresaba en privado". O que lle custou un rosario de problemas xudiciais. "Un amigo preguntoume que me inspirou no meu traballo", escribe Bruce. "Meu pai cando me dicía que, se me masturbaba, íaseme torcer o pescozo (...) Ulir a pólvora queimada en Anzio e Salerno (...) Escoitar: A xente de cor cheira diferente".

A culpa é do fabricante
Comentarios