viernes. 23.04.2021 |
El tiempo
viernes. 23.04.2021
El tiempo

A vida en serio

A editorial Chan da Pólvora pon nas nosas mans o que podería chamarse o libro total sobre Xela Arias, a protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. Estamos ante unha mirada transversal de conversas, poemas, ensaios e achegas de Chus Nogueira no clarexo da súa figura
Xela Arias-s

COMEZAN a chegar aos andéis as publicacións que veñen a darlle senso e contido a designación de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) como protagonista do Día das Letras Galegas 2021. Ao fermoso Xela Arias. Palabra á intemperie, de Enma Pedreira que con ilustracións de Laura Romero vén de saír do prelo de Baía Edicións, e á reedición do seu primeiro poemario, Denuncia do equilibrio, por parte de Xerais, engádeselle a achega de Chan da Pólvora: De certo, a vida ía en serio, unha coidada edición, como adoita acontecer neste selo editorial, a cargo de María Xesús Nogueira, no que se propón a escolla, non só de poemas pertencentes aos seus catro libros publicados, senón tamén se inclúen fragmentos de entrevistas, opinións, conferencias e palabras volandeiras, sempre as palabras como fío, coas que a propia autora opinaba do feito de escribir e o que iso supoñía para ela, a escolla do galego como lingua na que ser e mesmo valoracións arredor da poesía do seu tempo. Tamén o libro se completa cun texto a cargo da propia María Xesús Nogueira que, de xeito preciso, percorre a vida e a obra de Xela Arias converténdose nunha síntese moi acaída desa vida que se esgotou de maneira traumática aos 41 anos, deixándonos sen a que xa se confirmara como unha figura relevante da nosa cultura.

Esa figura se algo amosou ao longo da súa vida foi o seu carácter independente, unhas arelas de liberdade na vida que se reflectiron, coma nun espello, na súa poesía. Porque a poesía para Xela Arias era unha táboa de salvación no naufraxio, unha sorte de miradoiro cara a subversión ou un pasquín dende o que berrar fronte á soidade. Preguntas e respostas que se sucedían para, dende a palabra, e cando houbera algo que dicir, facer dela un exercicio de aproximación ao lector.

Ata chegar a ese lector a infancia de Xela Arias desenvolveuse en Sarria, Lugo e dende os 7 anos nese Vigo do que xa non se movería. Alí deixou os estudos no bacharelato, amosando a súa renuncia ao establecido, a aquilo que non se adaptaba a súa persoa. O ambiente urbano do Vigo dos 80 comezou a modelar a súa personalidade e a súa creatividade. Traballa na editorial Xerais coma correctora de estilo e na edición de textos, en pleno proceso de normalización lingüística, na que se implicou de xeito firme, tamén dende a tradución de autores ao galego. Empeza tamén a dar a coñecer a súa poesía, primeiro en encontros e recitais e, en 1986, co seu primeiro libro de poemas, ‘Denuncia do equilibrio’ en Xerais, con deseño e debuxos de Xosé Guillermo, o que marca o seu gusto pola fusión de artes.

A súa poesía segue a medrar e o seguinte libro chega motivado polo descubrimento da maternidade. Darío a Diario (1996), un manifesto íntimo de exploración dese feito e a nova relación con ese ser saído do seu interior.


Pintura, fotografía, música... irán encontrándose coa súa poesía ao longo do tempo en diferentes proxectos e experimentacións. Paisaxes urbanas, ausencia de signos de puntuación e a potencia das súas imaxes definen este texto na procura da "Luz no delirio do sentidos!", no que se rexistra o inestable e as marxes da vida. O seu seguinte traballo, Tigres coma cabalos (1990), é froito da súa relación co fotógrafo Xulio Gil, no que 24 fotografías e 24 poemas propoñen un diálogo interartístico abofé que rompedor naquel momento. Instintos, paixóns e ese ser desorientado amósanse nesta conexión de imaxe e palabra arrebatadora.

É o tempo de retomar aqueles estudos detidos, chegando a licenciarse en Filoloxía Hispánica, o que lle permite dar clases en diferentes centros de ensino de Galicia. A súa poesía segue a medrar e o seguinte libro chega motivado polo descubrimento da maternidade. Darío a Diario (1996), un manifesto íntimo de exploración dese feito e a nova relación con ese ser saído do seu interior. 2003 é o ano da súa inesperada morte, uns poucos meses antes dese negro novembro sae do prelo o seu último poemario, Intempériome, na colección Poesía de Espiral Maior, unha proposta radical, como nomea María Xesús Nogueira, na que se recoñece algo de testemuña poética: "De certo, a vida ía en serio./ Por iso morrer non conta números". Os xogos co léxico, a súa compoñente feminina, e as arelas de liberdade estouran no interior destes poemas que conquistan un tempo propio e un camiño de seu cheo de compromisos individuais e colectivos na sociedade.

Ata chegar a ese vieiro propio foron moitos os camiños conquistados, entre eles o da lingua, irrenunciable: "Utilizar unha lingua minoritaria péchame portas; iso non me fará cambiar de idioma".

A vida en serio
Comentarios