Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Balbino cumpre 60 anos

Texto mítico da nosa escrita, Memorias dun neno labrego cumpre sesenta anos dende a súa primeira edición en Bos Aires, na editorial Follas Novas que fundara o seu mesmo autor, Xosé Neira Vilas. Dende entón e ata hoxe Balbino xa é parte da nosa familia.
imgData

POUCOS NOMES están máis fixados na nosa memoria literaria que o de Balbino, aquel rapaz da aldea, cuxa visión da vida e da contorna rural todos tivemos que ler de cativos en Memorias dun neno labrego como lectura escolar e que agora len os nosos fillos. Xusto cando se cumpren sesenta anos da súa saída do prelo tocoulle a miña filla adentrarse nas aventuras de Balbino, un descubrimento que me serviu para enfrontarme de novo a ese texto 37 anos despois daquela lectura.

Se de aquela un lía as cousas dun xeito un tanto despreocupado, por aquilo de cumprir o expediente, achegarse xa de adulto ao texto de Xosé Neira Vilas convértese nunha descuberta. A sensación que un interiorizara arredor dese libro, como unha sinxela historia dun neno na súa aldea, toma unha nova dimensión co paso do tempo, coa suma doutras lecturas e coa valorización da proposta do seu autor co coñecemento do tempo da súa escrita. Deste xeito é como enfrontarse agora a aquela mirada de Balbino é abrir un abano que permanecía pechado cando eras pouco máis que un neno e pasabas ás paxinas coas arelas de chegar ao seu remate.

Mirar como adulto, polos ollos daquel neno, lévanos a comprender de xeito máis nidio as intencións de Neira Vilas por facer un rastrexo desa memoria dun ámbito rural cheo de eivas que impedían o desenvolvemento da persoa. Un atraso colectivo que se mantivo durante moito tempo e que tiña, no momento da súa escrita, moito de orixinal. Esos ollos eran unha fiestra aberta á denuncia, a poñer ante nós o papel dun pai acostumado a zoscar, as feridas que deixaba a emigración, as actitudes dos caciques, o desprezo do universo infantil, o papel da igrexa, os loitos, a amizade, a morte dos animais, a escola, a sensación do primeiro namoramento. Todo iso é quen de engraxalo Neira Vilas nas andanzas deste Principiño da nosa literatura que substitúe o deserto pola aldea, facendo dos seus pensamentos e reflexións esa mesma necesidade de sentirse no mundo, de ocupar un papel e de darlle sentido, a través da súa escrita, nesa especie de diario que constrúe Balbino no caderno que fía todo o libro.

Como poucos textos explica o que era esa vida no rural e o que segue sendo

Interésame moito saber que pensa a miña filla desa lectura e cómo entende ese libro e o certo é que non é moi diferente do que sentiu aquel rapaz que nos anos oitenta leu o libro. Moitas incomprensións, ángulos escuros nunha historia disfrazada dun relato infantil pero que ergue moitas sombras arredor de nós mesmos. O certo é que, pese a iso, estamos ante un libro obrigado -o máis lido na historia da literatura galega- na nosa condición de comunidade, xa que como poucos textos explica o que era esa vida no rural e o que segue sendo, xa que moitas desas realidades aínda se manteñen en pé hoxe en día, por moito que nos poida semellar o contrario. De aí a relevancia de que ese texto siga sendo hoxe unha lectura obrigada no noso sistema educativo e que se lea, coa intención coa que se lea sempre, deixa esa semente que pode agromar anos despois.

Tras sesenta anos, Balbino segue mantendo acesa a luz dos seus ollos. Aquela que Neira Vilas escribiu en Bos Aires, rodeado de galegos que mantiñan as súas historias e lembranzas como o acubillo perenne da súa patria tan lonxe dela. Esa diáspora era o aloumiño preciso para guiar esa escrita, e tamén para facer do libro unha sorte de resistencia, como o foi sempre a vida do autor de Gres que tivo neste relato un dos seus alicerces para facer da cultura o lugar onde suxeitarse esta terra e tentar superar dende ela o seu atraso.

Nesa mesma liña é na que hai que entender a creación da editora Follas Novas en 1957, xunto coa súa inseparable Anisia Miranda, naquel Bos Aires que falaba galego como unha lingua máis e de cuxo prelo saiu Memorias dun neno labrego. Sete anos máis tarde foi Edicións do Castro o que o imprimiu na nosa terra da man doutro grande, Isaac Díaz Pardo, que fixo varias ilustracións para acompañar o texto.

Un exemplar de 1977, sete edicións despois, compartírono en 2021 un pai e a súa filla para renovar así a relación cun texto e cun neno que xa é como da familia, abofé que o que mellor pode falar das intencións de Xosé Neira Vilas cando lle puxo palabra ao que vían os ollos de Balbino, un rapaz da aldea.

Comentarios