Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Esencia poética

Agosto o novo poemario de Míriam Ferradáns, editado por Apiario, convértese nun sutil canto á ausencia, un sobrecolledor pétalo literario que pola súa brevidade convértese nun intenso percorrido fronte o que supón a perda.
Flor

CANTOS textos literarios de abondosas páxinas e exuberancias literarias non deixan pegada en nós? Outros, sen embargo, amosan na súa contención na escrita unha fondura que nos proe no máis fondo, alí onde sentimos que a escrita fala do que somos dun xeito decidido, sen contaminacións que esnaquizan as posibles intencións do seu creador. Míriam Ferradáns é quen, con só doce poemas a xeito de prosa e unha frase de Christian Bobin a modo de introducción: "Hablar de verdad, es amar, y amar de verdad, no es brillar, es arder".

E o certo é que Agosto, o poemario en forma de plaquette editado por Apiario, de Míriam Ferradáns, é poesía en combustión. Un lume de palabras que alumea alí onde non se quere ver, onde doe dirixir a mirada para achegarse á perda, ao baleiro que deixan as persoas que xa non están con nós. As palabras desta poeta de Bon, en Bueu, que mira cara o mar para atopar a explicación a nosa vida entre escumas bulideiras e ventos feridos, son palabras dunha densidade abraiante, palabras que, de tanto buscalas, se atopan cheas de significados e de posibilidades á hora de expresar o que desexa Míriam Ferradáns. Se cos seus anteriores poemarios (Deshabitar unha casa e Nomes de fume) deixounos pampos pola capacidade de sinalar, de amosar dende o seu interior o que acontece en moitas persoas así como nos nosos espazos de convivencia, con Agosto a poeta dalle unha volta a deixar balizado eses ámbitos de rutura que hai en todas as vidas e os que demasiadas veces é ben complicado termos a capacidade de nomear.

Tulipáns, morte, mariñeiros, amigas, ferida, tacto, baleiro, terra. Palabras que nos van pouco a pouco facendo tremer dende a complicidade con esta escrita que amosa na súa superficie un xeito de vencellarse a nós epidérmico dende a presenza física da palabra, pero que cando un accede ao seu fondo, a aquilo que non se revela, pero que un intúe que está aí, convértese nun arrepío, un sobrecolledor xeito de expresión no que tan importante é o que se nomea como o que queda neses ocos provocados pola presenza das palabras, pero tamén polas intencións da poeta. Neses espazos en branco é onde nos detemos uns segundos, onde a poesía provoca en nós a mirada ao abismo, a ese espazo insondable que só este xeito de expresión é quen de medir. Aínda hai pouco escoitei que a poesía e o mellor xénero literario para poñerlle nome ás cousas da vida, certo, pero eu a iso engádolle que tamén é o mellor xeito de que o que non está ante nós, aquilo que non vemos, quede sinalizado. E este poemario é precisamente un exemplo soberbio dese tecer coa palabra, dese tratar o liño para que só un fío nos suxeite co real, un fío case invisible pero tan afouto nas súas posibilidades que aférranos ao realmente importante da vida, os afectos e todo o que os rodea ao longo do devir do tempo.

Unha ducia de poemas que tamén manexan a sorpresa,o amosar camiños polos que a autora nos adentra para logo facernos retroceder. Unha maneira de que o lector forme parte do relato, dun territorio que Míriam Ferradáns constrúe a partir dun monllo de tulipáns, pero que ao pouco tempo se converte nunha elexía á ausencia, á amizade e á lembranza fincada na terra que queda en cada un de nós despois do adeus. E todo iso cunha sutileza que define o quefacer desta poeta en todos os seus traballos, pero que aquí se ve reforzado co labor da editorial Apiario á hora de propor cada unha das súas publicacións. O agarimo polo produto, o deseño e a maquetación de Mauro Trastoy, converten esta plaquette nunha especie de ofrenda literaria, un agasallo aos lectores, a aqueles que aman a poesía é que procuran nela a explicación a aquilo co que a vida nos fai pelexar nos desacougos do día a día.

Agosto é un mes cálido que adoita encherse de ledicias, pero ás veces o gume da existencia convérteo nun conxelador no que unhas flores poden murchar ao tempo que un perde a quen tanto quere.