sábado. 24.07.2021 |
El tiempo
sábado. 24.07.2021
El tiempo

Intempestiva intempériome

O Día das Letras Galegas converte a Xela Arias na protagonista dun ano cultural que fai da súa figura unha descuberta
Xela Arias. XULIO GIL
Xela Arias. XULIO GIL

O DÍA DAS Letras Galegas é para os que non sabían dela; da súa obra; da súa rebeldía, ou das súas arelas de liberdade dende a escrita e a propia vida. Adoita ter como fin a reflexión abondosa arredor do homenaxeado ou homenaxeada. A recuperación da súa obra, a difusión do seu quefacer e, en moitos casos, a descuberta dunha personalidade que adoita estar detrás do traballo literario allea a unha poboación que non sempre amosa o interese necesario por esta celebración. Institucións e editoriais teñen na súa man o ser o motor desa (re)descuberta, convertidos en obrigados altofalantes para poñer en valor cada un dos protagonistas de cada ano nas nosas letras. Baixo unha paisaxe xeral marcada polos efectos da pandemia, co que iso supón de limitación de actuacións, as redes sociais, as librarías ou os centros de ensino convertéronse nos elementos dinamizadores desta data e das súas maiores posibilidades de difusión.

Baixo esta faciana a figura de Xela Arias encaixa como poucas nesta situación actual de rachar co normalmente establecido. A súa obra que, dende o poético, foi un estralo que aínda hoxe mantén toda a súa forza, prolongouse no camiño da súa vida con ese ir a contracorrente, co desexo de non cinguirse ao establecido e procurar sempre un vieiro propio á hora de enfrontarse ao que a vida poñía por diante.

Montse Pena, Yolanda Castaño, Emma Pedreira ou María Xesús Nogueira ofrecéronnos nas últimas semanas diferentes biografías da autora de Intempériome, amosando todas elas unha lóxica fascinación pola súa figura é por como soubo entender o seu tempo, dinámico e complexo; como foi o Vigo das últimas décadas do século XX, para integrar toda esa experiencia social e vital, dunha intensa efervescencia, nunha poesía inconformista, baseada na denuncia daquilo que nos apresaba e limitaba. Unha orde establecida que rachou xa dende o seu primeiro poemario, Denuncia do equilibrio, no que unha voz nova medraba e se presentaba ante nós na cerna dun novo tempo que ía mudar a sociedade e moitas das súas compoñentes.

O seu labor como tradutora cada vez abraia máis por tanto en tan pouco tempo, máis tamén o emprego da palabra como ferramenta poética sabedora de que a poesía antes de escrita é voz

Ese tensionar a sociedade e máis o artístico converteu a Tigres coma cabalos, o seu segundo poemario, nunha obra única. Un feliz acontecemento creativo que puxo en paralelo a súa palabra coa fotografía da súa parella, Xulio Gil -convertido tamén neste tempo nun feliz protagonista da difusión de Xela Arias grazas a unhas fotografías impagábeis e a unha colaboración admirábel-, xerando esa obra que segue emocionando dende o plástico, como dende unha poesía de instinto e paixón.

Mulleres que escriben dunha muller, como vemos nesas biografías, imposible non facerse dese modo, como tamén vimos de comprobar no número da revista Luzes adicado a Xela Arias e asinado por un bo monllo de xornalistas, escritoras, poetas ou comunicadoras que establecen un fío vital coa homenaxeada dende os seus múltiples ámbitos de actuación, xa que a súa poesía non deixa de ser o compás de todo o que acontecía ao seu arredor, o seu compromiso coa lingua, a súa inspiración musical, a hibridación das linguaxes artísticas, a maternidade e as palabras como activo para a emoción.

O seu labor como tradutora cada vez abraia máis por tanto en tan pouco tempo, máis tamén o emprego da palabra como ferramenta poética sabedora de que a poesía antes de escrita é voz, un son telúrico que xorde das entrañas e precisa do eco do mundo, de aí a súa habitual presenza en recitais ou festivais poéticos.

"Lin Darío a Diario e pareceume tocar corazón e líquidos", afirma Emma Pedreira na súa fermosa, por singular, biografía de Xela Arias, ilustrada por Laura Romero. Corazón e líquidos xúntanse na admiración por quen fixo da súa maternidade un canto á vida, e esa experiencia -reflectida no seu tercerio poemario-, lonxe de ser unha atadura para nai e fillo, converteuse dende o principio na procura dunha naturalidade nesa relación afastada de mitos e tópicos, pegada ao sentimento e ao desexo de que unha nova vida saiba camiñar en solitario.

Remata a poesía de Xela Arias co seu Intempériome, publicado só uns meses antes do seu pasamento, aínda con todo por facer. A poeta madura xa estaba aí, coa palabra intempestiva como fouce, a que se deu conta de que a vida ía en serio, pero, sobre todo, a que confirmou unhas das súas frases como bandeiras: "Asinamos ser libres e o vieiro é a independencia total e gratuíta".

Intempestiva intempériome
Comentarios