miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

Mayday, mayday, mayday

Zona a defender (Xerais) é un libro-berro. Unha chamada de auxilio fronte a un mundo nunha situación de caos e cunha sociedade a piques do abismo. Un horizonte enfermo no que Manuel Rivas tenta balizar aquilo que nos corroe, a podremia dunha humanidade chamada á destrución.
Manuel Rivas. SOL MARIÑO
Manuel Rivas. SOL MARIÑO

MÁXIMA alerta. Atopámonos na era Mayday. Un espazo de incerteza no que Manuel Rivas estabelece un reduto a defender, esa zona sinalada como hábitat protexido que sirva de resistencia de nós mesmos fronte ao acoso das teimas perversas dun ecosistema asoballador. Negacionismos, fake news, contaminacións, urbanismos do delirio, machismos... eivas dunha sociedade chamada a aprender do sufrido ao longo destes meses, pero que, lonxe diso, semella entrar nun bucle onde un surrealismo ruín enche todo.

As proposicións de Manuel Rivas son coma bengalas que se botan ao aire, remedo das palabras daquel Manuel Antonio, poeta De catro a catro que escribiu: "Fomos ficando sós/o mar o barco e máis nós". Sós, quedamos sós, máis tamén ese sinal de auxilio e tamén o berro do poeta e, neste caso, do propio Manuel Rivas ante o que acontece, nun libro que vai máis alá de ser un mero ensaio, converténdose en novela ou mesmo en poemario, un ton poético xeral que, como unha voz baixa, percorre cada un destes textos que os ventos moven dende as palabras como un axóuxere, como aqueles obxectos que se penduraban nas árbores polos indios para sinalar un territorio de culto. Sons que mece o vento para dar conta dos espíritos e así sinalar un espazo máxico. Zonas a defender.

Manuel Rivas en vez de obxectos pendura palabras, outra das grandes afectadas por este estado xeral de degradación. Cada vez máis a palabra faise lixeira, convértese nun ente líquido, espido da súa realidade fundacional. Palabras que mudan en misións publicitarias, palabras baleiras do seu significado real, palabras que os políticos empregan como mercadoría do seu desatino para enganar. É o tempo dos que negan o real (os rabudos) e se refuxian en pervertir a palabra, dos que fan da mentira unha noticia. Burlas que deberían activar en nós unha rebeldía que o propio autor califica como, ademais de efectiva, afectiva. Cada vez máis cos afectos desterrados a nosa sociedade tende a individualización das conductas, ao salvar cada un o seu cú mentres asistimos ao desprezo aos maiores, aos enfermos, aos máis desfavorecidos, pero sobre todo, caemos no pozo de non entendérmonos como colectivo.

Hai unha irresponsabilidade masiva á hora de descifrarnos, así é como non sabemos que a néboa está onde ten que estar e nos empeñemos en facer unha estrada por unha xeografía como a do Fiouco na que a razón e a natureza di que non se pode. Somos cada vez máis alleos a nosa contorna e, confiando na nosa sapiencia que non deixa de ser moitas veces unha arroutada avalada pola burocracia, desprezamos as palabras de Tonino Guerra: "Lembrade que despois de nós xa non estaremos nós".

Entre o humor violeta e a ironía la nave va e chega, como aquel heroe grego a súa illa, a Illa inventada

A sociedade do espectáculo pide ocupar o centro da pista, alí onde a todos se nos obriga a mirar, pero, que acontece nas marxes? Por aí navega Manuel Rivas sobre o seu pailebote branco escoitando ao vento rirse de nós. Tras as súas liñas de defensa propostas como alicerce do libro, o autor de Os libros arden mal déixase abanear por eses ventos que agrupan cada un dos textos do libro. Vento salvaxe, vento perigoso, vento nas pólas, vento indócil.

Entre o humor violeta e a ironía la nave va e chega, como aquel heroe grego a súa illa, a Illa inventada. Os pés póusanse na area e senten o físico, o latexo da natureza nun mundo cada vez máis sometido á especulación ecolóxica. Feridas a unha terra que se defende de xeito natural con pandemias e respostas que terían que facernos deter o noso acoso. O consumismo atroz, a produción de plásticos que esnaquizan oceanos, a deforestación e a mutilación das nosas contornas máis próximas e nas que o aire saudábel se converte en fumes saíndo por chemineas convertidas nos mastros da tristura ecolóxica.

Mentres, na costa, agardan as noticias sobre a chegada do heroe. Pero o futuro está a quedar sen quioscos e sen lectores, a xuventude non le, cautiva da fenomenoloxía da pantalla e dunha prensa allea a ela nos seus contidos, unha prensa que comenza a semellar aquel cemiterio mariño que enunciara Paul Valery, "inmenso mar dotado de delirios". Os desvaríos dun tempo inimaxinábel fai ben pouco tempo, a loucura convertida nunha desesperanza que Manuel Rivas converte a través do lévedo da palabra nunha esperanza indócil, nunha zona a defender.

Mayday, mayday, mayday
Comentarios