sábado. 17.04.2021 |
El tiempo
sábado. 17.04.2021
El tiempo

Paxaros nun mundo exasperado

Os poemas de Daniel Salgado son unha mirada cara un horizonte confuso no que o voo ou canto de poema tenta axustar as contas con esta realidade abafante co ser humano. Un intenso exercicio de exploración persoal e literario do que non sae indemne

QUE O mundo está exasperado nótase en que, fagamos o que fagamos, equivocámonos", esta cita de Adorno danos a benvida ao poemario de Daniel Salgado Os paxaros e outros poemas (Xerais), pero ao tempo avísanos da contorna na que nos imos mover nas vindeiras páxinas. Un universo cheo de estranezas, de tensións permanentes con nós mesmos. Atopámonos ante "Unha mañá de aceiro", como escribe Daniel Salgado nas súas primeiras palabras do poemario, fronte á que nós mesmos temos que situarnos, atopar o noso espazo, amosar a nosa resistencia. Para iso o poeta ofrécenos a palabra, sempre a palabra como ferramenta para a sutura, na procura do acougo da desesperanza. "As palabras reparan as horas» ao tempo que deixan as pistas que seguir nese itinerario das pequenas esperanzas ás que poder suxeitarnos. Pequenas, certo. Non aspiramos a máis. Así estamos.

É o tempo do merlo, dos pardais, do corvo ou da lavandeira. Presenzas miúdas, aparentemente afastadas da nosa realidade tan humana coma pretenciosa. Sen embargo a súa existencia é parte da nosa, unha necesidade deste ecosistema magoado polas nosas actitudes e os nosos desprezos cotiás. Eles seguen aí, na resistencia fronte ao territorio, ese territorio que é terra, paisaxe, máis tamén é cidade e urbanidade. Edificios e capitais da economía. Cara alí lévanos o poeta, unha travesía que nos move da pureza, da natureza como paraíso, ata o "trazado burgués da cidade", onde todo estoupa na celebración da confusión, o colapso da liberdade. Nesa hibridación do natural co urbano faise forte a proposta de Daniel Salgado, buscando entre prazas e rúas pegadas dunha natureza que reclama a súa presenza no desterro. É o axuste de contas que sempre trae a poesía con ela para enfrontarse á sociedade, o xeito de balizala, de sinalar as súas eivas, de poñernos en garda ante o que cada vez máis nos envolve, a mala herba, a contorna convulsa, os monstros: "Tempos destruídos".

Precisamos do tomate e da castaña. Naturezas perfectas que revelan a nosa imperfección. Verdades fronte á mentira e as imaxes corruptas, unha humildade que alimenta o noso fracaso de sometementos, de cabezas baixas, cada vez más baixas. Un transo cruel no que cada vez máis cústanos movernos, mimetizados nunha parálise coa contorna anuladora do eu, na procura dun exército que se mova cos ollos pechados. Un pesadelo no que só eses sons dos paxaros ceibes poden rescatarnos. O belisco da vida que nos concede outra oportunidade, a porfía dos sentidos, "o camiño á liberación".

Xornalista con ollos de poeta ou poeta con ollos de xornalista. Nese camiño de ida e volta móvese Daniel Salgado o que aprecia na capacidade de observación, no xeito de compoñer a faciana dunha realidade que se move polo verso coa contundencia dunha palabra condensada, e na relación coas acompañantes, unha chea de posibilidades. Esa é a concesión da poesía fronte ao artigo xornalístico. Coma o ourizo da castaña a poesía defendese con pugas, pero no seu interior agocha un froito saboroso cunha chea de posibilidades. Así é como a poesía en Daniel Salgado estoura dentro de si para compoñela dende unha intensa posibilidade de significados. A linguaxe como porfía da realidade, a linguaxe como valado para resistir fronte a crise, a linguaxe sempre ao fondo do camiño para termos nel o reduto da esperanza e da beleza.

Non a citamos ata o de agora e xa estaba tardando. En toda a poesía de Daniel Salgado hai unha firme presenza da beleza como lumieira, como fiestra para asomarnos a esa outra posibilidade que é quen de ofrecernos a vida: "As mimosas rosean fóra de tempo e acaso indiquen/ que as cereixas han demorar este ano./ Inmóbiles, matinamos no que non funcionou./ O escenario é de pedra".

Moral, liberdade e linguaxe agardan ao final como ese faro que foi ao longo de todo o poemario, asexando coa súa luz. Luz que rachaba co seu lampo a escuridade, a escuridade dun tempo no que evitar a derrota. Un tempo fráxil, un tempo aínda imprevisible. "Arredor arden graves os séculos".

Paxaros nun mundo exasperado
Comentarios