Imprimir

Os mariñeiros de Long Hope viaxan a Noruega para esixir o pago das súas pensións

Carlos Estévez (Efe) | 10 de febrero de 2019

Os exmariñeiros de Long Hope nunha das súas manifestacións. AEP
Os exmariñeiros de Long Hope nunha das súas manifestacións. AEP

O xuízo, que se celebrará martes e mércores, parte dun recurso de apelación presentado contra unha sentenza emitida o pasado mes de abril por un xulgado de primeira instancia de Oslo

Un grupo de mariñeiros da asociación Long Hope, que agrupa a 12.000 españois, na súa maioría galegos, viaxará este luns a Oslo para asistir a un novo xuízo para reivindicar o pago das súas pensións tras unha vida de traballo na flota do país escandinavo.

O xuízo, que se celebrará martes e mércores, parte dun recurso de apelación presentado contra unha sentenza emitida o pasado mes de abril por un xulgado de primeira instancia de Oslo, e é o cuarto contencioso contra Noruega destes mariñeiros, que teñen abertas causas pola vía civil e social.

"Non temos ningunha expectativa de gañar, en Noruega non o lograron nin os mariñeiros da Segunda Guerra Mundial nin os do Mar do Norte; de aquí pasaremos ao Tribunal Supremo e, de aí, ao Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo", asegurou nunha entrevista concedida a Efe o portavoz de Long Hope, Alberto Paz Viñas.

Os mariñeiros teñen clara a súa estratexia, cuxo obxectivo final é Estrasburgo: pretenden esgotar todas as instancias xudiciais en Noruega para poder elevar o seu caso a este tribunal. "O Goberno noruegués está moi tranquilo dentro das súas fronteiras, cos seus 'recursos trampas' e 'trapalladas', pero o tribunal de Estrasburgo é fariña doutro costal", avanzou o portavoz.

A asociación Long Hope, que conta ás súas costas con máis de cen mobilizacións, reclama as pensións que lle corresponderían aos mariñeiros embarcados na flota norueguesa entre 1958 e 1994.

"Nós en ningún momento buscamos traballo en Noruega, foi a propia Asociación de Armadores de Noruega a que veu a España en 1957 a buscar persoal altamente cualificado, do que eles carecían, para a súa flota", apuntou Paz Viñas, quen, como outros mariñeiros, pagou os seus impostos no país escandinavo mentres traballou alí.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/galicia/marineiros-long-hope-viaxan-noruega-esixir-pago-das-suas-pensions/20190210153402052538.html


© 2019 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)