O rei Juan Carlos, que reapareceu este sábado en Sanxenxo na regata que leva o seu nome tras intervención de corazón a que se someteu a finais de agosto, confesou sentirse "bárbaro".
É o cualificativo que empregou para referirse ao seu estado de saúde ao ser preguntado pola prensa á entrada do club náutico, onde a expectación era máxima, como mostra o aluvión de flashes co que foi recibido.
A quinta edición da Regata Rei Juan Carlos I El Corte Inglés Máster arrincou este venres coa súa primeira xornada. As condicións non o puxeron nada fácil pero o comité puido arrincar co programa de regatas e dar a saída para unha única proba para as clases Quirónprevención ORC 0- 1, 2-3, V Centenario 6M Clásicos e Xacobeo 2021 6M Open.
Aida, Seljm, Pairo 8 e Bosch Service Solutions son os primeiros líderes da prestixiosa cita do Real Club Náutico de Sanxenxo (RCNS).