O alcalde de Cádiz, Kichi, ofrece a Sánchez a cidade para acoller ao Open Arms

O rexedor de Podemos envía unha carta ao presidente do Goberno en funcións
José María González, 'Kichi', alcalde de Cádiz. EFE
photo_camera José María González, 'Kichi', alcalde de Cádiz. EFE

O alcalde de Cádiz, José María González Kichi (Podemos), enviou unha carta ao presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, na que ofrece a cidade gaditana para que o barco Open Arms poida atracar e desembarcar así os inmigrantes rescatados que leva a bordo.

No escrito, o alcalde afirma que “permanecer de brazos cruzados” ante esta situación “acusando a quen loitan por un mundo mellor de non enfrontarse a decisións importantes, coma se enrolarse a salvar vidas en metade das ondas fose unha decisión nimia, é situarse xunto aos Salvinis, Le Pens e Abascales e ás voces que queren encher as nosas fronteiras de insolidariedade e arames que feren a pel ata deixalas farrapos”.

“O noso labor no municipalismo non acaba cando termina a localidade, senón que temos un papel internacional e global na procura dunha sociedade máis xusta”, afirma González na carta.

A misiva foi enviada tamén ao ministro de Fomento en funcións, José Luis Ábalos, e á Dirección Xeral da Mariña Mercante, co obxectivo de que tanto a tripulación como os náufragos poidan desembarcar en Cádiz, xa que son "persoas que atravesan unha situación vital límite e que non poden esperar máis”.

Kichi acaba o escrito advertindo ás “voces racistas da extrema dereita” que non se pode normalizar, “por culpa de quen non tomaron partido, que un barco cargado de vidas permaneza esquecido á deriva na metade do mar”.

Comentarios