O Goberno aprobou este martes a subida do salario mínimo interprofesional (SMI) do 5,5 % ata 950 euros brutos mensuais en 2020, segundo informou a ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, tras a reunión do Consello de Ministros.
Montero destacou que a subida é "froito do acordo" no marco do diálogo social polo que Goberno seguirá apostando.
A subida para 2020, con efectos desde o 1 de xaneiro, implica un aumento de 50 euros ao mes, desde os 900 euros de 2019, e leva o salario mínimo a 13.300 euros brutos ao ano e 31,66 euros brutos ao día con carácter xeral.
Así mesmo, fíxase en 44,99 euros, fronte aos 42,62 euros de 2019, a retribución mínima por xornada legal no caso de traballadores eventuais e temporeros cuxos servizos a unha mesma empresa non excedan de 120 días anuais.
O salario mínimo creouse en 1963 e mantívose conxelado durante os tres anos seguintes
Trátase dun incremento máis moderado que o do ano pasado aínda que eleva ao 50 % a alza desta retribución, que afecta a uns 2 millóns de traballadores, na última década, é dicir desde os 633,3 euros de 2010 ata os 950 de 2020.
O salario mínimo creouse en 1963 e mantívose conxelado durante os tres anos seguintes, en tanto que a partir de 1967 foise actualizando anualmente, salvo entre 1976 e 1979, anos nos que se subiu dúas veces cada exercicio polo elevado aumento da inflación.
Tamén houbo dúas subidas anuais en 2004 mentres que se mantivo conxelado en dúas ocasións máis: 2012 e 2014.