Carcedo: "Cuestionar o aborto non é volver ao 85, senón á Idade Media"

A ministra de Sanidade insistiu, despois das declaracións de Casado, en que as mulleres son libres para decidir se son nais ou non, e non sentirse culpables

María Luisa Carcedo. EFE
photo_camera María Luisa Carcedo. EFE

A ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo, asegurou que cuestionar o aborto non é volver a 1985, senón á Idade Media, e insistiu en que as mulleres son libres para decidir se son nais ou non, e non sentirse culpables

É o que di a ministra nunha entrevista que publica este domingo o diario El Mundo en referencia ás declaracións do presidente do PP, Pablo Casado, que se mostrou partidario de derrogar a actual lei do aborto de prazos, aprobada en 2010, e volver á de supostos de 1985.

"Se queremos financiar as pensións e a saúde –dixo Casado nunha entrevista a Efe– debemos pensar en como ter mais nenos e non en como os abortamos". 

Somos libres en decidir se somos nais ou non, e non sentirnos culpables

"Cuestionar o aborto non é volver ao 85, é volver á Idade Media", manifestou Carcedo, que engadiu: "Somos libres en decidir se somos nais ou non, e non sentirnos culpables. E bos estariamos os que temos certa idade se esperamos a que eses nenos poidan pagar as pensións".

Carcedo pediu que desapareza o bloqueo da lei de regulación da eutanasia, que cualificou como "necesaria", por dignidade "e respecto ás persoas que están a sufrir e aos seus familiares".

Segundo a responsable de Sanidade, "en termos democráticos" a lei que presentou o PSOE non debería ter "ningún problema" e cualificou de "durísimo" o bloqueo da norma no Congreso.

Estas declaracións producíanse horas antes de que dúas familias entreguen este luns na Cámara Baixa 280.000 firmas para pedir que se desbloquee a lei, que foi tomada en consideración polo pleno do Congreso o pasado 2 de xullo e que segue en proceso de tramitación, xa que tanto PP como Ciudadanos seguen solicitando a ampliación do prazo de emendas, segundo os socialistas.

A ministra tamén se referiu ás concentracións de médicos de atención primaria do pasado xoves en defensa dos seus dereitos, da dignidade das súas profesións e para pedir melloras no servizo, convocadas pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM).

En Navarra, ademais, os facultativos foron convocados a unha xornada de folga, que a ministra non apoia porque di ser "unha militante do sistema e a sanidade pública", aínda que di que é consciente da "realidade que viven moitos compañeiros" e aposta por readaptar "o modelo". 

Comentarios