Casado reunirase con Santamaría o mércores e convocará o comité o xoves

O presidente do PP negociará coa exvicepresidenta do Goberno a posible integración no seu equipo

Pablo Casado. ZIPI (EFE)-
photo_camera Pablo Casado. ZIPI (EFE)-

O presidente do PP, Pablo Casado, reunirase coa súa rival nas primarias deste partido, Soraya Sáenz de Santamaría, o mércores para negociar a posible integración do seu equipo, e convocará o xoves en Barcelona o comité executivo nacional do partido.

Nunha entrevista na Cope, Casado anunciou que antes de todo iso quere reunirse co seu antecesor no cargo, Mariano Rajoy, e tamén subliñou a súa intención de manter un encontro proximamente co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Casado elixiu Barcelona para celebrar o primeiro comité executivo porque, segundo explicou, o partido que agora lidera quere deixar moi claro cal é a "prioridade" do seu proxecto e "cal é a prioridade de España" e mandar unha mensaxe "inequívoca" de que dará a batalla en favor do constitucionalismo e as liberdades públicas en Cataluña.

E respecto de Cataluña, noutra entrevista en Es Radio, advertiu de que se a axenda secesionista segue adiante, será el quen reclame a aplicación de novo do 155 e recordou que o PP é quen ten a maioría absoluta no Senado.

O líder dos populares asegurou que aínda non elixiu ao seu secretario xeral -que ten que estar entre os integrantes da súa lista para o comité executivo- porque quere falar con Sáenz de Santamaría para ver a dispoñibilidade do seu equipo para integrarse neste proxecto no que cre que "caben todos".

Ademais tamén quere antes falar co resto de candidatos que concorreron no proceso, porque quere unha integración "real e ao máximo nivel". E aínda que o equipo de Santamaría non poida ocupar por unha cuestión estatutaria a secretaría xeral, insistiu en que si hai outros postos importantes.

En calquera caso, os organigramas e as nomenclaturas típicas do partido "xa non son tan importantes". E o importante é que haxa "un discurso claro e nítido para que a xente te siga", declarou nestas entrevistas.

Casado tamén asegurou que con el como líder a relación con Ciudadanos pode seguir "sendo boa" porque comparten principios esenciais como o respecto ao marco constitucional, pero advertiu de que o PP ten un "proxecto máis definido". E por iso aspira, dixo, a que os votantes de Cs que antes apoiaban antes ao PP regresen ao "seu partido orixinal".

Casado garantiu que o PP fará unha oposición "firme e eficaz, pero responsable" e que estará para as cuestións fundamentais e evitar que o Goberno se bote "en brazos dos independentistas e batasunos". Pero recalcou que non vai ser "muleta de ningún goberno que estea a desmontar as reformas que fixemos".

Comentarios