O confinamento ampliarase ata o 11 de abril

Sánchez pide que todos os partidos apoien no Congreso a prórroga do estado de alarma
El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez. JAVIER LIZÓN (EFE)
photo_camera O presidente do Goberno, Pedro Sánchez. JAVIER LIZÓN (EFE)

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, confirmou a primeira hora da tarde deste domingo que o Executivo aprobará a ampliación do estado de alarma ata o 11 de abril ante a crise do coronavirus e pedirá para iso, como manda a Constitución, a autorización do Congreso.

Tras unha nova videoconferencia cos presidentes autonómicos, aos que avanzou a medida, Sánchez asegurou que é imprescindible para conter a propagación do coronavirus e mostrouse convencido de que todos os partidos entenderán que esta é unha situación de urxencia e apoiarán a autorización.

"Espero contar co apoio do conxunto de forzas políticas", dixo, tras recoñecer que é unha medida "moi dura e moi restritiva" que esixe un grande esforzo por parte da sociedade, pero defendeu que é o xeito adecuado de vencer o Covid-19.

A prórroga do estado de alarma votarase no Congreso o mércores

Sánchez subliñou que se aveciña unha "onda moi dura" e días "moi difíciles" que porán "ao límite" a capacidade sanitaria e moral da sociedade. Na mañá do domingo o Ministerio de Sanidade confirmou que se detectaron 28.572 casos de coronavirus no país, dos que 3.646 son novos (un 14,6% máis), e que xa hai 1.720 falecidos, 394 máis que o sábado, cun incremento dun 29,7%.

A prórroga do estado de alarma votarase no Congreso o día 25 e os distintos grupos parlamentarios poderán facer propostas para delimitar o seu alcance, segundo establece o artigo 6 da lei de 1981 que regula os estados de alarma, excepción e sitio.

Á reunión cos presidentes autonómicos asistiron tamén, segundo informou Moncloa, os ministros que compoñen o mando directo tras a declaración do estado de alarma hai oito días: o titular de Sanidade, Salvador Illa; a de Defensa, Margarita Robles; o de Interior, Fernando Grande-Marlaska; e o de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos.

O presidente do Goberno tamén adiantou na súa comparecencia posterior algunhas medidas que se porán en marcha nas próximas horas. Así, por exemplo, a Administración asumirá a xestión das residencias de persoas maiores privadas, como xa se fixo coa sanidade.

Rexeita parar toda a actividade como piden algunhas comunidades
O presidente do Goberno asegurou que na reunión cos presidentes autonómicos recibiu o apoio e a colaboración de todos eles para aplicar medidas para frear a pandemia do coronavirus, pero rexeitou as propostas formuladas sobre o cesamento total de toda actividade económica que demandaron algúns deles. 

"Se un mira as medidas tomadas noutros países, España está na vangarda. Tomou medidas durísimas", reiterou o xefe do Executivo central.

Torra insiste e súmanse outras comunidades
Algúns presidentes autonómicos, entre eles o da Generalitat, Quim Torra, insistiron na reunión na necesidade de confinamento "total e o paro de calquera actividade que non sexan servizos esenciais", de modo que só se permita o desprazamento de profesionais sanitarios, de alimentación e outros servizos esenciais. 

Tamén o titular da Xunta de Andalucía, Juan Manuel Moreno, propuxo paralizar toda a actividade salvo os servizos esenciais. E Murcia emitiu unhas horas despois unha orde para facelo, aínda que o Goberno central respondeu asegurando que non ten competencias para facelo.

Con todo, Sánchez asegurou que aplicar un confinamento dun mes de duración, como o que vai solicitar ao Congreso dos Deputados, non só ten efectos "sociais", senón tamén "psicolóxicos", sobre todo en persoas maiores ou en vítimas de violencia de xénero. "Estamos a nos impoñer unhas medidas de extraordinaria gravidade", dixo.

Comentarios