A autopsia confirma que o edil de EU de Llanes foi asasinado a golpes

O cadáver do concelleiro, de 52 anos, foi localizado a uns 300 metros da súa casa

Javier Ardines. AEP
photo_camera Javier Ardines. AEP

A autopsia practicada este venres ao concelleiro de EU en Llanes, Javier Ardines, de 52 anos, cuxo cadáver foi achado este xoves con varios golpes na cabeza a uns 300 metros da súa casa, confirma que foi asasinado.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Asturias, o informe preliminar da autopsia "confirma a morte violenta" do concelleiro polo que continúan as investigacións e dilixencias abertas que poidan "levar á localización do autor ou autores da morte" do edil.

Ardines foi atopado morto a poucos metros da súa casa e da súa furgoneta este xoves pola mañá, con varios golpes na cabeza, un deles, na caluga.

Aínda que nun primeiro momento barallouse que podería morrer dun infarto e golpearse na cabeza, as feridas non parecían compatibles coas dunha caída.

O Xulgado de Primeira Instancia de Instrución de Llanes fíxose cargo das dilixencias e recibiu xa o informe preliminar da autopsia, do que só transcendeu que confirma que o edil morreu polos golpes recibidos na cabeza cando se baixou da súa furgoneta para retirar un obstáculo que impedía continuar polo camiño veciñal que dá acceso á súa vivenda.

Polo momento descoñécense os motivos que puideron provocar a agresión da que foi obxecto Javier Ardines. A Garda Civil está a tomar declaración aos veciños do concelleiro e á súa contorna próxima despois de que este xoves solicitase durante horas os testemuños da súa muller e os seus dous fillos. 

TRAXECTORIA. Javier Ardines levaba a área de Medio Rural, Praias e Persoal no Concello de Llanes e pertencía ao grupo municipal de EU, baixo cuxas siglas concorreu á Alcaldía desta localidade nos dous últimos comicios municipais.

Militante de EU desde 1999, actualmente formaba parte do cuadripartito de Llanes, onde o equipo de goberno municipal está integrado por Foro, PP, EU e Veciños de Llanes.

Aínda que cursou estudos de técnico agrícola e técnico de invernadoiros na escola de capataces de Villaviciosa, no ano 2000 decidiu emprender o seu camiño profesional no sector pesqueiro e na actualidade compaxinaba o seu cargo como concelleiro en Llanes coa súa actividade como patrón e armador da embarcación Bramadoria.

Ardines apostaba pola diversificación do tecido produtivo do concello coa desestacionalización turística, grazas ao rico patrimonio gastronómico, cultural e paisaxístico de Llanes, segundo asegurou EU nun comunicado no que lamentou a morte do seu edil e destacou a súa calidade humana como "persoa boa, pai, esposo e avó".