Corbyn exporá unha moción de censura contra May pola súa xestión do Brexit

O líder do Partido Laborista británico considera que é "a única vía" para forzar unha votación no Parlamento esta semana 

Jeremy Corbyn. EFE
photo_camera Jeremy Corbyn. EFE

O líder do Partido Laborista británico, Jeremy Corbyn, anunciou este luns que exporá unha moción de censura contra a primeira ministra, Theresa May, polo rexeitamento a convocar de inmediato unha votación sobre o acordo do Brexit no Parlamento.

Nunha intervención na Cámara dos Comúns, Corbyn sostivo que "a única vía" para forzar unha votación esta semana, antes do receso do Nadal, é presentar "de inmediato" unha moción contra a líder conservadora.

Este tipo de moción dirixida a título persoal non provocaría, se fose aprobada, a caída do Goberno, senón que se percibe máis ben como unha táctica para erosionar a reputación e a autoridade de May.

O presidente dos Comúns, John Bercow, dixo que "tiña en conta" a declaración de Corbyn, pero non precisou cando podería ter lugar o debate e voto da moción.

Ao defender a medida, o líder socialdemócrata aduciu que "é inaceptable" que a primeira ministra suspendese a votación do acordo para a saída da Unión Europea prevista para o pasado 11 de decembro, e que agora se negue a celebrala esta semana.

Nunha comparecencia previa, May anunciou que a votación sobre o tratado que acordou con Bruxelas terá lugar a semana do 14 de xaneiro, máis dun mes logo da data inicialmente programada, a fin de conseguir máis concesións da UE.

Pola súa banda, Corbyn argumentou que a moción opositora é "o único xeito" que se lle ocorre para provocar unha votación esta semana, e adiantou o seu contido.

A moción, sobre a que deberán pronunciarse os deputados, di: "Que esta cámara non confía na primeira ministra debido a que non permitiu que a Cámara dos Comúns poida celebrar de inmediato unha votación sobre o acordo de retirada e o marco para a futura relación entre o Reino Unido e a Unión Europea".

Tal como están as cousas, parece improbable que o Parlamento aprobe esta moción, xa que é difícil que a maioría conservadora e os seus socios parlamentarios do DUP norirlandés apoien un texto que en principio, segundo os expertos en protocolo parlamentario, só tería o efecto de avergonzar a May. 

Comentarios