Curan a diabetes tipo 2 e a obesidade en ratos con terapia xénica

A investigación da UAB tamén descubriu que este tratamento ten un efecto protector contra o risco de formación de tumores en fígados sometidos a unha dieta hipercalórica de forma continuada

Ratón
photo_camera Un rato de laboratorio. EP

Un equipo de investigadores da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) conseguiu curar en ratos a obesidade e a diabetes tipo 2 mediante terapia xénica. Así o presentou o equipo investigador nunha rolda de prensa celebrada este luns no campus da UAB en Bellaterra (Cerdanyola do Vallès), onde compareceu o conxunto de investigadores liderado pola profesora Fátima Bosch.

Coa introdución, nunha soa inxección, dun vector viral adenoasociado (AAV) que transporte o xene do FGF21 (Fibroblast Growth Factor 21), que permita a manipulación xenética do fígado, do tecido adiposo ou do músculo esquelético, o animal produce de xeito continuo a proteína FGF21.

Trátase dunha hormona secretada de forma natural por varios órganos que actúa en moitos tecidos para regular o funcionamento correcto a nivel enerxético, polo que ao inducir a súa produción mediante terapia xénica o animal reduce o seu peso e tamén a resistencia á insulina que provoca o desenvolvemento da diabetes tipo 2.

No caso concreto da obesidade, a terapia que se aplicou a través do proxecto de investigación probouse con éxito en dous modelos da enfermidade, inducida tanto xeneticamente como pola dieta.

Ademais, os científicos observaron que administrar a terapia xénica en individuos sans provoca un envellecemento máis saudable e protéxeos do sobrepeso e da resistencia á insulina asociados á idade

O tratamento conseguiu reducir o peso e a inflamación no tecido adiposo dos ratos

Tras o tratamento con AAV-FGF21, e durante o ano e medio en que se fixo seguimento dos animais, os ratos diminuíron de peso e reduciron a acumulación de graxa e a inflamación no tecido adiposo. Tamén se contrarrestou o depósito de graxa (esteatose), a inflamación e a fibrose no fígado (NASH), mentres incrementaron a sensibilidade á insulina e a saúde xeral ao envellecer, sen observarse ningún efecto secundario.

A partir de todo o proceso, os resultados reproducíronse manipulando xenéticamente diversos tecidos para que produzan a proteína FGF21, xa sexa o fígado, o tecido adiposo ou o músculo. "Isto dá unha flexibilidade moi grande á terapia, xa que permite seleccionar cada vez o tecido máis apropiado e no caso de que algunha complicación impida manipular algún dos tecidos, pódese aplicar a calquera dos outros", sinalou a profesora Bosch

"Cando algún destes tecidos produce a proteína FGF21 e a secreta á circulación sanguínea, esta distribúea por todo o corpo", engadiu Bosch, que remarcou a relevancia dos resultados polo incremento de casos de diabetes tipo 2 e obesidade en todo o mundo.

De feito, segundo destacan os investigadores, a obesidade incrementa o risco de mortalidade e representa un factor de risco para enfermidades cardiovasculares, inmunitarias, a hipertensión, a artrite, enfermidades neurodexenerativas e algúns tipos de cancro. "É a primeira vez que se logra contrarrestar a obesidade e a resistencia á insulina a longo prazo mediante a administración dunha soa sesión de terapia xénica no modelo animal que máis se parece á obesidade e á diabetes tipo 2 dos humanos", explicou a primeira asinante do artigo, a investigadora da UAB Verónica Jiménez.

Os resultados tamén mostran como a administración da terapia xénica ten, ademais, un efecto protector contra o risco de formación de tumores cando o fígado está sometido a unha dieta hipercalórica durante moito tempo. 

Comentarios