Demolen de forma controlada os restos da ponte Morandi en Xénova

O derrube da infraestrutura provocou a morte de 43 persoas

Os dous alicerces que quedaban aínda en pé da ponte Morandi de Xénova (noroeste de Italia), que en agosto de 2018 derrubouse en parte causando a morte de 43 persoas, foron demolidos este venres de xeito controlado cunha espectacular explosión na que se utilizou preto dunha tonelada de dinamita, informaron as autoridades.

Ás 09.37 hora italiana (07.37 GMT) ouviuse unha sirena e accionáronse os chorros de auga para crear un muro que evitase a difusión das partículas de po, e despois, coa explosión das 15 cargas colocadas, os dous alicerces da ponte esborralláronse en seis segundos.

Para esta demolición púxose en marcha un plan de seguridade no que participaron preto de 400 axentes das forzas da orde, cortáronse todas as estradas adxacentes e foron evacuadas 3.500 persoas que poderán regresar ás súas casas cando se comproben os niveis de po no aire e a presenza do amianto que contiña o cemento da ponte.

Con obxecto de evitar a difusión destas partículas durante horas lanzáronse litros de auga en dirección á ponte e continuarán durante varias horas máis. Á demolición asistiron, ademais do alcalde de Xénova, Marco Bucci, e o presidente da rexión de Ligura, Fabio Tosi, membros do Executivo, como os vicepresidentes Matteo Salvini e Luigi di Maio, e a ministra de Defensa, Elisabetta Trenta.

Bucci asegurou que a demolición, considerada "sen igual" debido a que se realizou en pleno centro urbano, foi un "éxito" e engadiu que agora empezará a verdadeira reconstrución, que está previsto termine na primavera de 2020.

Un consorcio formado polas empresas italianas Salini Impregilo, Fincantieri e Italferr construirá a nova ponte co deseño do arquitecto Renzo Piano. A nova ponte custará 202 millóns de euros e contempla unha cuberta de aceiro de 1.100 metros de lonxitude, con 19 alicerces elípticos separados a unha distancia de 50 metros.

O 14 de agosto derrubouse un tramo da ponte Morandi, causando a morte de 43 persoas, un suceso do que o Goberno italiano culpou de inmediato á concesionaria italiana Autostrade per l'Italia, porque era a responsable da xestión e mantemento do viaduto. 

A Fiscalía de Xénova abriu entón unha investigación para tratar de esclarecer as razóns do sinistro e actualmente están a ser investigadas vinte persoas, entre elas varios directivos de Autostrade, filial de Atlantia. Ademais, preto de 300 familias perderon as súas casas xa que se atopaban baixo a ponte e terán que ser derrubadas.

Comentarios