Deteñen en Venezuela a un cura español por abusar dunha menor no seu coche

Iván Merino Pedial, de 35 anos, foi excomulgado

As autoridades policiais de Venezuela detiveron a un sacerdote de orixe española, Iván Merino Pedial, de 35 anos, cando abusaba no seu coche dunha menor de 12 anos que pertencía á súa freguesía, informou este mércores a Fiscalía nun comunicado de prensa.

O suceso ocorreu a noite do pasado sábado no Estado de Zulia, tras avistar unha patrulla policial o vehículo do sacerdote, e achar a Merino e á menor, que "manifestaría que o home abusaba dela desde facía tres anos", segundo a Fiscalía.

O secretario de gobernación de Zulia, Lisandro Cabello, sinalou este mércores nunha rolda de prensa que os primeiros resultados da investigación arroxan que a menor foi abusada sexualmente, e que se está determinando se hai máis vítimas.

"Este violador, delincuente, levaba á nena e devolvíaa na súa casa ás 11.00, 12.00 da noite, facía visitas constantes á casa de habitación da nena", sinalou Cabelo.

O arcebispo de Maracaibo, monseñor Ángel Caraballo, manifestou aos xornalistas que Merino foi excomulgado, á vez que expresou "dor" e "vergoña" pola situación.