A DXT actualizará o carné por puntos e penalizará máis o uso do móbil ao volante

O ano 2017 rexistra o cuarto crecemento consecutivo de vítimas mortais de tráfico, cun total de 1.830 

Pere Navarro. BALLESTEROS (EFE)
photo_camera Pere Navarro. BALLESTEROS (EFE)

O director xeral de Tráfico, Pere Navarro, anunciou na súa primeira comparecencia pública tras tomar posesión que unha das súas primeiras medidas á fronte do departamento será a actualización do carné por puntos. "Hai que facer balance, actualizar e retocar para darlle un novo impulso", precisou. 

Dita reforma incluirá maiores sancións para o uso do móbil ao volante, segundo informa El País, que cita fontes da DXT.

Ao mesmo tempo, Tráfico tamén ten previsto modificar os cursos de recuperación de puntos, para que os condutores consigan oito, no canto dos seis que se dan agora.

SINISTRALIDADE. Navarro, que asumiu o cargo este mércores, presentou o balance definitivo de sinistralidade viaria de 2017 que recolle os datos a 30 días tanto de vías urbanas como en vías interurbanas. O ano pasado producíronse en España un total de 102.233 accidentes de tráfico con vítimas, nos que perderon a vida 1.830 persoas, 20 máis que no ano 2016, o que supón un incremento de 1,1 por cento. Trátase do catro ano consecutivo de incremento de vítimas mortais. 

O director xeral de Tráfico incidiu na importancia de prestarlle "especial atención" aos colectivos vulnerables (peóns, ciclistas e motoristas), que o ano pasado representan o 46% de todos os falecidos. En concreto, en 2017 faleceron 78 ciclistas, 359 motoristas e 351 peóns. 

Galicia sitúase entre entre as seis comunidades españolas que reduciron o número de falecidos na estrada con respecto a 2016

Ademais, Navarro destacou que en 2018, con datos actualizados a 11 de xullo, hai 587 falecidos por accidentes de tráfico en España, tres menos que o ano pasado.

2013, O ANO CON MENOS FALECIDOS. O ano 2013, segundo os datos ofrecidos polo director da DXT, foi no que menos falecidos por accidente de tráfico houbo en España con 1.680 mortos nas estradas, 150 menos que en 2017. 

O ano pasado, o 37% (37.493) dos accidentes de tráfico con vítimas tiveron lugar nas vías interurbanas, onde se produciron o 72% das vítimas mortais (1.321), das cales 1.013 (77%) foron en vías convencionais. 

Pola súa banda, nas vías urbanas producíronse 64.740 accidentes con vítimas, nos cales faleceron 509 persoas (o 28% do total) e 4.780 resultaron feridos hospitalizados. 

Respecto das idades, diminuíron os falecidos de 45 a 54 anos, así como os de 65 anos ou máis. En cambio, aumentaron os falecidos entre 25 e 34 anos: 293 fronte aos 223 do ano anterior. 

En canto ás causas do accidente, un de cada tres condutores falecidos presentaba alcoholemia positiva e/ou consumo de drogas ilegais; e o 29% dos accidentes con vítimas ocorridos en vías interurbanas tivo como factor concorrente a distracción.

Por comunidades autónomas, as que reduciron o número de falecidos en accidentes de tráfico respecto ao ano anterior foron Andalucía, Canarias, Castela e León, Galicia, Comunidade Valenciana e País Vasco. No resto de autonomías aumentou, excepto en Estremadura que mantivo o mesmo número de falecidos.

Durante a presentación das cifras de sinistralidade, Pere Navarro destacou que España continúa cunha taxa de falecidos por millón de habitantes de 39, situándose en oitava posición no ámbito da Unión Europea, por baixo da taxa media comunitaria, que se atopa en 50. 

Comentarios