Os drons da DXT comezan a multar en plena Operación Saída

O organismo conta con 11 destes aparellos, pero polo momento só 3 comezarán a denunciar
Dron. EP
photo_camera Dron. EP

Os drons da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) comezarán a denunciar aos condutores que infrinxan a normativa de tráfico e seguridade viaria a partir deste xoves, con motivo do inicio da segunda fase da Operación Saída do verán, que arrincou este mércores 31 de xullo, para a que se prevén 2,9 millóns de desprazamentos por estrada.

Segundo informa a DXT, prioritariamente, os drons están destinados á vixilancia do tráfico naqueles tramos onde o risco de accidentabilidade é maior; nas estradas onde hai un maior tránsito de usuarios vulnerables, en particular de ciclistas, motociclistas e peóns; e á supervisión de distraccións durante a condución.

Tamén se utilizan para a monitorización e apoio á regulación en operacións e eventos especiais nos que se concentra un elevado número de movementos na estrada; as misións ordinarias de regulación complementarias ás desenvolvidas polos helicópteros; e a apoiar en situacións de urxencia que pola súa gravidade afecten de xeito notable á circulación e seguridade dos usuarios da vía.

Como xa anunciou o director xeral de tráfico, Pere Navarro, o organismo está a dotarse destas aeronaves pilotadas por control remoto para realizar misións de vixilancia e regulación aérea do tráfico. Actualmente o organismo conta con 11 drons, 3 deles certificados polo Centro Español de Metroloxía (CEM), que son os que van comezar a denunciar. Os oito restantes seguirán utilizándose para a regulación e xestión do tráfico.

Ademais, está en proceso de licitación a adquisición doutras 20 unidades que unha vez fornecidas e certificadas incorporaranse aos labores de vixilancia e control do tráfico. A infracción captada por drons poderá ser notificada no acto por un axente da Agrupación de Tráfico da Garda Civil (ATGC) ou ser tramitada posteriormente polas autoridades competentes. Todas elas, disporán do fotograma correspondente coa evidencia da infracción cometida polo condutor.

Comentarios