O Estado deberá pagar 600.000 euros á nai dunha nena asasinada polo seu pai maltratador

É a primeira vez que se condena ao Estado por non cumprir un ditame dun Comité contra a Discriminación da Muller da ONU 

Ángela González Carreño. EP
photo_camera Ángela González Carreño. EP

O Tribunal Supremo condena ao Estado español a pagar 600.000 euros a Ángela González, cuxa filla foi asasinada en 2003 polo seu pai, condenado por malos tratos, aproveitando unha visita sen supervisión. Tras a negativa do Ministerio de Xustiza e despois de que a muller acudise á ONU, o alto tribunal considera que debe ser indemnizada por danos morais. 

Trátase da primeira vez que se condena a España a pagar unha indemnización por non cumprir un ditame dun Comité contra a discriminación da muller de Nacións Unidas. Ángela González leva 15 anos "loitando" para que se recoñeza que no caso do asasinato da súa filla houbo unha "neglixencia" da Xustiza

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo ditou unha sentenza na que obriga á Administración a cumprir o Ditame do Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller da ONU (CEDAW) e, xa que logo, a outorgar unha reparación adecuada e unha indemnización integral e proporcional, xa que se vulneraron os seus dereitos fundamentais da muller á igualdade e a non ser discriminada por razón de sexo, á integridade física e moral e á tutela xudicial efectiva. 

Nun encontro sen vixilancia, o home matou á súa filla, de sete anos, e despois suicidouse

Tras o asasinato da súa filla o 24 de abril de 2003, González presentou ante o Ministerio de Xustiza unha reclamación de responsabilidade patrimonial do Estado por funcionamento anormal da Administración de Xustiza. Neste escrito alegou que a morte da súa filla poderíase ter evitado se se mantivera o réxime de visitas con vixilancia inicialmente establecido para regular a separación matrimonial. 

A pesar da reiterada oposición de González, un xulgado de Navalcarnero (Madrid) modificou o réxime de visitas aceptando que o pai —que fora denunciado pola súa exparella ata en 47 ocasións por malos tratos e outras causas— vise á menor sen vixilancia. Nun destes encontros, o home matou á súa filla, de sete anos, e despois suicidouse.

Despois de que o Ministerio de Xustiza rexeitase a reclamación, decisión que foi confirmada pola Audiencia Nacional, o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional, a nai acudiu á ONU, do que obtivo o amparo.

Comentarios