O Goberno destina 30 millóns de euros para atender a chegada de inmigrantes

Nos próximos días comezará a funcionar o novo centro de acollida de Chiclana, Cádiz

El número de inmigrantes rescatados en el Estrecho entre el jueves y este viernes ya supera las 620 personas. CARRASCO RAGEL (EFE)
photo_camera O número de inmigrantes rescatados no Estreito entre o xoves e este venres xa supera as 620 persoas. CARRASCO RAGEL (EFE)

O Goberno cifrou este venres en 30 millóns de euros a partida que se destinará de aquí a final de ano para reforzar os dispositivos migratorios na fronteira sur, un "plan de urxencia" para atender a chegada de inmigrantes a pé de praia, a atención humanitaria e os centros de derivación.

"Temos convenios con ONG, con Cruz Vermella, con CEAR, con ACCEM, e queremos reforzar esa atención humanitaria coas persoas que están a vir", explicou a ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social, Magdalena Valerio, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

Valerio xa avanzou o pasado martes un "plan de choque" para os migrantes que chegan ás costas españolas, de forma que teñan unha acollida "correcta", pero aínda se descoñece o desglose da partida.

Na súa intervención deste venres, a ministra explicou que a intención do seu departamento, así como de Interior e Fomento, é "reforzar todos os dispositivos que están a operar na costa" e aseverou que desde o Goberno están "ocupados en buscar unha solución" á presión migratoria.

Valerio confesou que ao Goberno preocúpalle o que sucedeu onte –por este xoves– en Ceuta, despois de que 16 axentes da Garda Civil resultasen feridos tras a entrada de 602 inmigrantes

Neste punto, recordou que, nos próximos días, o Executivo porá en marcha un novo centro de acollida en Chiclana, Cádiz, que comezará a funcionar previsiblemente o 1 de agosto, para "ir despexando aos poucos os polideportivos que estamos a ocupar, como o de Xerez".

A responsable de migracións tamén subliñou que a cuestión migratoria é "un asunto que convoca a toda a Unión Euroepa" e solicitou a Bruxelas "máis recursos e máis axudas" para conter a presión na fronteira sur de España.

"Necesitamos máis recursos e máis axuda da Unión Europea porque isto é un problema colectivo, global, pero que para os países con esta presión migratoria convértese nunha situación problemática", afirmou.

Por outra banda, Valerio confesou que ao Goberno "preocúpalle o que sucedeu onte –por este xoves– en Ceuta", despois de que 16 axentes da Garda Civil resultasen feridos tras a entrada de 602 inmigrantes a través da fronteira.

Magdalena Valerio: Necesitamos máis recursos e máis axuda da Unión Europea porque isto é un problema colectivo, global

"Preocúpanos e ocúpanos o que está a suceder. Evidentemente, hai que reforzar os corpos e forzas de seguridade do Estado en número de funcionarios", indicou a ministra, quen expresou "todo o seu apoio" aos axentes feridos.

Co fin de tratar a crise migratoria que vive España, fontes do Goberno informaron de que nos próximos días convocarase a Comisión Delegada de Asuntos Migratorios e unha Conferencia Sectorial coas comunidades autónomas para tratar este asunto.

Comentarios