Identifican como espías militares rusos aos dous sospeitosos de envelenar a Skripal

Ruslán Boshírov e Alexander Petrov negan ser axentes do servizo de intelixencia e din ser empresarios dedicados á industria do fitness

Fotografía de archivo del exespía ruso Serguéi Skripal. EFE
photo_camera Fotografía de arquivo do exespía ruso Serguéi Skripal. EFE

Unha páxina web de xornalismo de investigación revelou a identidade "real" dun dos dous sospeitosos de ter envelenado ao exespía ruso Sergéi Skripal e a súa filla no Reino Unido o pasado marzo, segundo informou este mércores a cadea BBC.

Unha páxina chamada Bellingcat asegura que o home que ata agora fora identificado nos medios como Ruslán Boshírov é en realidade o coronel da espionaxe militar ruso, GRU, Anatoli Chepiga.

O Goberno británico asegurou este mes que tanto Boshírov como Alexander Petrov, o outro sospeitoso, eran axentes do servizo de intelixencia militar de Rusia, algo que ambos negaron nunha entrevista coa canle rusa RT.

As autoridades do Reino Unido advertiron entón de que puideron entrar no país con pseudónimos, con pasaportes falsos.

A cadea pública británica afirma que fontes oficiais do Goberno rexeitaron facer comentarios sobre a publicación do suposto nomee real do coronel ruso, aínda que resalta que non negaron a información.

A páxina web Bellingcat, que se declara especializada en investigacións baseadas en fontes "abertas e redes sociais", asegura que o coronel Chepiga serviu na Segunda Guerra de Chechenia e foi "visto preto da fronteira de Ucraína a finais de 2014".

Asegura así mesmo que foi condecorado en decembro de 2014 coa máis alta distinción do Estado ruso, ao ser nomeado Heroe da Federación Rusa.

Londres acusou ao Kremlin de estar detrás do ataque contra os Skripal, que foron envelenados en Salisbury (Inglaterra) cun axente químico de uso militar, algo que Moscova negou.

Os dous sospeitosos identificados aseguraron á canle rusa RT que son empresarios dedicados á industria do fitness e que viaxaran a Salisbury para facer turismo, e negaron calquera relación coa espionaxe.

Comentarios