Liberados os tres españois detidos en agosto en Santo Tomé e Príncipe

Estaban acusados de participar nun golpe de estado

Os tres españois detidos en agosto pasado en Santo Tomé e Príncipe, acusados de participar nun suposto intento golpista, foron postos este venres en liberdade sen cargos, informou esta noite a Efe o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación (MAEUEC).

Os tres españois, identificados pola prensa local como Orlando Pérez López, José Manuel López Jiménez e Marco Martínez Méndez, foran detidos o pasado 4 de agosto por unha presunta acción terrorista para subvertir a orde constitucional no país africano, situado no golfo de Guinea.

"Os tres cidadáns españois, detidos desde o pasado 4 de agosto, poderán reunirse cos seus familiares e achegados proximamente", refire o comunicado de Exteriores.

O Ministerio de Asuntos Exteriores, continúa a nota, "seguiu estreitamente este caso desde o momento da detención, prestando asistencia consular tanto aos propios detidos como aos seus familiares e achegados, desde a Embaixada de España en Libreville, a Dirección Xeral para África e a Dirección Xeral de Españois no Exterior e de Asuntos Consulares".

Engade que "o Goberno de España celebra o funcionamento do sistema de garantías legais en Santo Tomé e Príncipe, que conduciu a este resultado, e agradece ao novo Goberno do país o seu firme compromiso co estado de dereito e os dereitos e liberdades fundamentais".

"Igualmente agradece o apoio que prestaron a Unión Europea e as autoridades portuguesas no seguimento deste caso", conclúe a nota.

Comentarios