Paul Manafort acepta cooperar coa fiscalía na trama rusa

O ex xefe de campaña de Donald Trump aceptou un acordo de culpabilidade

Paul Manafort. EFE
photo_camera Paul Manafort. EFE

Paul Manafort, o ex xefe de campaña do agora presidente de Estados Unidos, Donald Trump, aceptou colaborar coa fiscalía especial na investigación da trama rusa como parte dun acordo de culpabilidade.

Manafort, que xa foi declarado culpable de oito delitos de fraude hai tres semanas, pactou cooperar coas autoridades e recoñeceu ante unha corte federal a súa responsabilidade en dous cargos que se lle imputaban con obxecto de evitar o xuízo previsto para o próximo 24 de setembro, ademais dun potencial terceiro proceso xudicial.

O exasesor de Trump, acusado de delitos que poderían carrexarlle pasar o resto da súa vida en prisión, alcanzou así un acordo coa Fiscalía especial da trama rusa en busca dunha redución da condena final.

Á primeira hora da mañá deste venres, o fiscal especial da trama rusa, Robert Mueller, rexistrou un novo escrito de acusación contra Manafort dun delito de conspiración contra EE UU por fraude e outro de conspiración para obstruir a Xustiza, de acordo a documentos xudiciais, dos que se declarou culpable.

Manafort supostamente traballou entre 2006 e 2017 para Gobernos estranxeiros, incluído o Executivo prorruso do expresidente ucraíno Víktor Yanukóvich

Pouco despois, a fiscalía anunciou que o xuíz cambiara o motivo dunha audiencia sobre o caso prevista esta mañá, pasando de ser preparatoria do xuízo do 24 de setembro a versar sobre un acordo entre ambas as partes.

A reacción da Casa Branca non se fixo esperar e desvinculou a Trump da causa de Manafort.

"Isto non ten absolutamente nada que ver co presidente ou coa súa exitosa campaña presidencial de 2016. Non está relacionado en absoluto", dixo a Efe a portavoz da Casa Branca, Sarah Huckabee Sanders.

Mueller investiga desde maio de 2017, de xeito independente ao Goberno, os posibles lazos entre membros da campaña de Trumpy o Kremlin, ao que as axencias de Intelixencia acusan de interferir nos comicios de 2016.

Manafort supostamente traballou entre 2006 e 2017 para Gobernos estranxeiros, incluído o Executivo prorruso do expresidente ucraíno Víktor Yanukóvich (2010-2014), e para oligarcas rusos, aos que axudou a mellorar a súa imaxe en Washington sen comunicarllo ás autoridades, o que constitúe un crime.

O proceso contra el é produto da investigación de Mueller, pero non está relacionada directamente coas actividades que desempeñou entre marzo e agosto de 2016 na campaña de Trump, onde chegou a ser o xefe ata que se viu obrigado a dimitir por ocultar o cobro de 12,7 millóns procedentes de Yanukóvich.

Comentarios