PP, Ciudadanos e Vox convocan este domingo unha manifestación para "botar a Pedro Sánchez"

A protesta, en Colón, xorde contra o que consideran unha "traizón" do Goberno por nomear un relator na mesa de diálogo por Cataluña ► Non descartan unha moción de censura

Pablo Casado, Albert Rivera y Santiago Abascal. ARCHIVO
photo_camera Pablo Casado, Albert Rivera y Santiago Abascal. ARCHIVO

Os máximos líderes de PP, Ciudadanos e Vox chamaron por separado aos españois para manifestarse este domingo contra a política do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en Cataluña, tras a proposta de nomear un relator na mesa diálogo entre partidos.

Casado, que xa adiantou este mércores nunha entrevista con Efe que o PP ía chamar aos españois a mobilizacións na rúa, anunciou en Cuenca un acto ás 11.00 horas o domingo na praza de Colón.

O líder do PP contactou co presidente de Ciudadanos, Albert Rivera, e o de Vox, Santiago Abascal, para acudir xuntos á manifestación. Os populares dirixiron un escrito á Delegación do Goberno para que permita esa concentración –á que prevé que asista unha "cifra superior ás 20.000 persoas"–.

Casado, sobre as declaracións de Calvo en relación á figura do relator na mesa de diálogo de partidos cataláns: Foron lamentables; un insulto á intelixencia e sobre todo un desprezo ao Congreso

Nun acto en Cuenca, Casado asegurou que o PP quere "liderar aos  constitucionalistas" ante a " felonía" de Pedro  Sáchez de aceptar a figura dun  relator. Alí mesmo avanzou que contaría con Rivera e Abascal porque deben ir "todos conxuntamente". "Benvidos sexan todos", proclamou. 

CIUDADANOS. Pola súa banda, Rivera anunciou no Congreso dos Deputados a súa intención de organizar un gran acto que sexa "unha fronte cívica" contra Pedro Sánchez para transmitirlle que "xa basta" coa súa política respecto de Cataluña.

Os populares chaman a manifestarse "sen máis bandeira que a española" en Madrid, fronte un presidente do Goberno que "pretende vender o país para seguir na Moncloa", segundo o PP.

No escrito de solicitude para esta concentración, o PP calcula que asistirán unha cifra superior ás 20.000 persoas, e xustifica a urxencia da convocatoria no "feito inédito e sen precedentes" de que o Goberno aceptou a presenza de "negociadores" na relación coa Generalitat.

Nunha intervención ante os medios de comunicación, tras visitar as instalacións dunha cooperativa farmacéutica, Casado dixo que as explicacións da vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, sobre a figura do relator na mesa de diálogo de partidos cataláns "foron lamentables; un insulto á intelixencia e sobre todo un desprezo ao Congreso".

Rivera, sobre unha moción de censura contra Sánchez, insistiu en que están 'abertos a escoitar todas as iniciativas'

Pola súa banda, Albert Rivera compareceu por segunda vez este mércores ante os medios de comunicación no Congreso tras escoitar as explicacións de Carmen Calvo, quen dixo que o relator sería "bastante útil", e non é un "mediador internacional".

Co obxectivo de conseguir que Sánchez "dea marcha atrás" e non negocie  "cos separatistas", Rivera convidou a todos os españois a sumarse a esa "fronte cívica" para dicirlle ao presidente que "se non escoita ao Parlamento, terá que escoitalos nas rúas, nas redes e nas urnas".

Por tanto, chama a secundar esa protesta o domingo a todos os españois, con independencia de siglas, a todos "os constitucionalistas" e non aos militantes dos partidos.

Mostrouse convencido de que acudirán simpatizantes doutras formacións, como o PP ou mesmo o PSOE, onde –lembrou– hai dirixentes que non comparten a estratexia de Sánchez.

Convidou a sumarse aos demais partidos, con quen non falou polo momento, aínda que insistiu en que non irán "co carné na boca" nin con siglas, xa que se trata de "sumar" e dar "a batalla" co "dereito cívico de manifestación".

Preguntado pola súa postura ante unha eventual moción de censura contra Sánchez, Rivera insistiu en que están "abertos a escoitar todas as iniciativas".

VOX. Pola súa banda, o presidente de Vox, Santiago Abascal, convocou tamén a todos os españois a concentrarse este domingo na madrileña Praza de Colón para mostrar o rexeitamento ao "traidor" Goberno de Pedro Sánchez.

Nunha mensaxe na súa rede social, Abascal pide que "por encima de diferenzas partidistas" todos os españois vaian á mobilización anunciada por PP e Ciudadanos.

Comentarios