Pujol fillo foi beneficiario de dúas contas en Suíza con 26 millóns de euros

Un total de 4,4 millóns procedían dunha conta previa aberta en Andorra
Jordi Pujol Ferrusola. JUANJO MARTÍN (EFE)
photo_camera Jordi Pujol Ferrusola. JUANJO MARTÍN (EFE)

As autoridades suízas comunicaron á Audiencia Nacional que Jordi Pujol Ferrusola, fillo maior do expresidente catalán, foi beneficiario de dúas contas no país helvético que chegaron a sumar 25,9 millóns de euros, dos cales 4,4 millóns procedían dunha conta previa aberta en Andorra.

É o resultado da comisión rogatoria librada a Suíza polo maxistrado da Audiencia Nacional José de la Mata, que investiga a Pujol Ferrusola pola presunta comisión de delitos de branqueo de capitais, contra a facenda pública, falsidade en documento mercantil e organización criminal. Nun auto datado este luns, ao que tivo acceso Efe, De la Mata, tras analizar o informe da Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) cos datos remitidos por Suíza, acorda librar unha nova comisión rogatoria a Luxemburgo para seguir o rastro do diñeiro.

As dúas contas suízas, segundo a información recibida, foron clausuradas en 2004 e 2005 e os fondos traspasados a unha entidade luxemburguesa. No auto, o maxistrado sostén que a familia Pujol Ferrusola "aproveitou a súa posición privilexiada de ascendencia na vida política/social/económica catalá, para acumular ao longo dos anos un patrimonio desmedido polos seus membros, directamente relacionado con percepcións económicas froito de condutas corruptas".

As facturacións millonarias realizadas a través das sociedades instrumentais asociadas a Pujol fillo, segundo o xuíz, "non teñen xustificación material ningunha, sustentándose en ningún caso a prestación real de servizo ningún asociado ao concepto que se trasladou ás facturas".

De la Mata ve acreditado que Pujol Ferrusola recorreu a Suíza e outros países para intentar ocultar e blanquear os capitais obtidos ilicitamente, "ocultos en Andorra e outras xurisdicións". Neste contexto, segundo o auto, a operación máis avultada é unha transferencia de 4,4 millóns realizada o 27 de agosto de 2002 desde unha conta andorrana a unha conta do banco JP Morgan en Xenebra (Suíza).

Segundo a investigación, esta operación revela o principio de unidade "de caixa co que funciona a familia", xa que, para xuntar os 4,4 millóns, o mesmo día da transferencia a Suíza ingrésanse na conta andorrana fondos doutras contas ás que estaban ou estiveran vinculados Oleguer Pujol Ferrusola, irmán de Jordi, e a muller deste último, Mercé Gironés.

Jordi Pujol fillo foi interrogado xa en febreiro de 2016 e abril de 2017 por esa transferencia e explicou, segundo a súa contorna, que foron investimentos financeiros e que o diñeiro era seu, xa que se repartiu a herdanza do avó. Segundo estas fontes, estes movementos demostran que o primoxénito era moi activo nos investimentos financeiros coa súa parte do legado do avó Florenci, pero non acreditan que a orixe do diñeiro fose corrupta.

Ademais, subliñaron que as cifras reflectidas refírense ao valor teórico das súas participacións en produtos financeiros da sociedade Selecta Fund, xa que non se trata de diñeiro en efectivo nas contas.

Na súa resposta aos investigadores españois, Suíza confirmou que Jordi fillo tiña dúas conta en JP Morgan: unha aberta en 2002 e que pechou en 2004 cun saldo de 8 millóns de euros e outra aberta tamén en 2002 e clausurada en 2005, aberta a nome de Selecta Fund e á que se transferiron os 4,4 millóns de euros desde Andorra.

Selecta Fund fora constituída en 2001 con sede nas Illas Virxes Británicas e como beneficiarios da conta bancaria aparecían Jordi Pujol Ferrusola e Carlos Javier Tusquets Trías de Bes. En setembro de 2002 esa conta tiña un saldo de 10,4 millóns (incluídos os 4,4 transferidos desde Andorra) e chega aos 17,9 millóns en marzo de 2004. Segundo a investigación, os fondos de JP Morgan foron transferidos á entidade Banque Pictet, en Luxemburgo, onde se abriron dúas contas asociadas a Selecta Fund.

De acordo co auto, "non cabe dúbida ningunha respecto ao dominio total da operativa bancaria por parte de Jordi Pujol Ferrusola en colaboración con Carlos Javier Tusquets Trías de Bes", en ultima instancia beneficiarios dos activos inxectados nas contas analizadas.

Comentarios