Rajoy e Macri non recoñecerán os resultados das eleccións de Venezuela

Defenden que a "a única solución" para o país é "devolver a palabra" aos cidadáns "sen ameazas"

Mariano Rajoy fala co presidente arxentino, Mauricio Macri, durante un brinde previo ao xantar na Casa Rosada en Buenos Aires. DAVID FERNÁNDEZ (EFE)
photo_camera Mariano Rajoy fala co presidente arxentino, Mauricio Macri, durante un brinde previo ao xantar na Casa Rosada en Buenos Aires. DAVID FERNÁNDEZ (EFE)

O xefe do Executivo español, Mariano Rajoy, e o presidente arxentino, Mauricio Macri, dixeron este martes que non recoñecerán o resultado das eleccións venezolanas, que se celebrarán o 20 de maio, e sinalaron que "a única solución" para Venezuela é "devolver a palabra" aos cidadáns "sen ameazas".

"Non imos validar o resultado electoral de maio. Non ten ningún valor esa elección. Por máis que o señor (Nicolás) Maduro me insulte, non o imos recoñecer como un presidente democrático, porque fai moito que non hai democracia en Venezuela", dixo Macri nunha rolda de prensa xunto a Rajoy tras unha reunión bilateral na Casa Rosada, sede do Goberno arxentino.

"Eu súmome a esas palabras", engadiu xusto despois Rajoy, que apostou por devolver "a palabra aos venezolanos, sen molestias, sen ameazas e sen aproveitar a fame e a miseria provocada pola incompetencia ou peor.. para establecer réximes clientelares".

"Simple e sinxelamente deixarlles elixir en liberdade, como prevé a súa propia Constitución", subliñou Rajoy, para agregar que quere para a venezolanos "democracia, liberdade, dereitos humanos, estabilidade, tranquilidade e progreso económico e social".

Macri: "En Venezuela fai moito que se deixaron de respectar os dereitos humanos... o nivel de atropelo con que actuou o Goberno de Maduro con respecto aos cidadáns é tremendo"

Ao seu xuízo, "o problema é de tal magnitude" que afecta "a toda a rexión e desbordou todas as fronteiras".

Pola súa banda, o presidente arxentino argumentou que comparte co seu par español, lamentablemente, "unha visión negativa" do que está a suceder en Venezuela.

"Claramente en Venezuela fai moito que se deixaron de respectar os dereitos humanos... o nivel de atropelo con que actuou o Goberno de Maduro con respecto aos cidadáns é tremendo", considerou Macri.

As eleccións presidenciais de Venezuela, pautadas polo Executivo do país caribeño para o 20 de maio, celebraranse sen a participación do groso da oposición, que se nega a asistir a unhas votacións que considera serán fraudulentas.

Rajoy pide "devolver a palabra aos venezolanos, sen molestias, sen ameazas e sen aproveitar a fame e a miseria provocada pola incompetencia ou peor.. para establecer réximes clientelares"

"Descoñecemos o resultado da elección, que a farán na data que se lle ocorra pero que non é unha elección democrática. Seguiremos reclamando unha saída democrática para o pobo venezolano", indicou Macri.

A oposición venezolana esixe, para participar nas eleccións, un cambio de reitores do Consello Nacional Electoral, xa que considera que os actuais son aliados do Goberno, e que se permita a participación dos líderes antichavistas que foron inhabilitados por organismos do Estado, entre outras condicións.

O xefe de Estado arxentino adiantou que no Cume das Américas que se celebrará esta semana en Lima debaterase a situación de Venezuela "insistindo en que a elección non ten validez".

"Que se liberen presos políticos e que se estableza un cronograma electoral serio", sinalou Macri respecto ao debate en Lima sobre este asunto. 

Comentarios