Rihanna é a artista musical feminina máis rica do mundo, segundo Forbes

Boa parte da súa fortuna procede da súa colaboración co conglomerado de luxo francés LVMH

Rihanna. INSTAGRAM
photo_camera Rihanna. INSTAGRAM

A cantante barbadiense Rihanna converteuse na artista musical feminina máis rica do mundo, segundo a revista Forbes, que lle calcula unha fortuna de ao redor de 500 millóns de euros, alimentada polas súas marcas de moda e maquillaxe. Sitúaa por diante de Madonna, Céline Dion ou Beyoncé.

De acordo coa revista responsable dos rankings anuais das persoas máis ricas do mundo, boa parte da fortuna de Robyn Rihanna Fenty —o seu nome real—, de 31 anos, procede da súa colaboración co conglomerado de luxo francés LVMH, que leva a súa firma Fenty Beauty.

Dedicada á maquillaxe, Fenty Beauty xerou máis de 500 millóns en ingresos o ano pasado, logo de só 15 meses de negocio, e está valorada nuns 2.700 millóns de euros, dos cales a cantante recibe unha porcentaxe menor ao de LVMH, que obtén o 50%.

Rihanna ampliará proximamente a súa colaboración co imperio dirixido polo millonario francés Bernard Arnault abrindo Fenty, unha liña de roupa, zapatos, accesorios e xoiería de luxo que supón a primeira aventura emprendedora para LVMH (Dior, Louis Vuitton, Givenchy) en máis de 30 anos.

"Crear unha marca con LVMH é un momento incriblemente especial para nós. (Bernard) Arnault deume carta branca para desenvolver unha casa de moda no universo do luxo. Non podía imaxinar un socio mellor tanto en termos creativos como de negocio e estou impaciente por mostrar as nosas creacións", dixo nun comunicado a principios de maio.

Así mesmo, a cantante de éxitos como Umbrella e Only girl é copropietaria da liña de lencería Savage X Fenty xunto á compañía dixital de moda TechStyle Fashion, e previamente creara coleccións para as marcas River Island ou Puma.

A fortuna de máis de 500 millóns de euros que gañou Rihanna pona por diante doutras divas da música, como Madonna (500 millóns), Céline Dion (400 millóns) ou Beyoncé (350 millóns).

Comentarios