Ryanair cobra desde este xoves ata oito euros pola equipaxe de man

A aeroliña irlandesa asegura que a medida, non exenta de polémica, está "a funcionar ben"

Avións da compañía Ryanair. EFE
photo_camera Avións dá compañía Ryanair. EFE

A aeroliña irlandesa Ryanair informou este xoves de que o primeiro día da nova política de cobrar por unha maleta de man nos avións está "a funcionar ben" e que "acelera" o proceso de embarque. Desde este xoves, a compañía líder en Europa do sector de baixo custo cobra un mínimo de entre seis ou oito euros por permitir levar unha maleta de man, que ata agora era gratis, unha medida que causou polémica.

Os pasaxeiros que non desexen pagar estes novos suplementos só poderán levar consigo na cabina do avión un bolso de man, un maletín ou unha mochila pequena. Para poder levar a bordo do aparello unha maleta de man de dez quilos e medidas estándar (55x40x20cm), ademais da bolsa de man, os clientes deberán seleccionar cando fan a reserva a opción de embarque prioritario, que custa seis euros.

A outra alternativa para viaxar cunha maleta de man é pagar oito euros cando se fai a reserva, sen prioridade, do billete, aínda que o pasaxeiro deberá facturala nos mostradores do aeroporto e recollela despois nas cintas de equipaxe no seu lugar de destino.

Se non elixe ningunha desas opcións cando compra o billete online, o cliente poderá facelo despois -ata 40 minutos antes da hora de saída do voo-, pero custaralle dez euros, mentres que se se presenta no aeroporto sen facturar en ningún deses casos esa cantidade sobe aos 25 euros.

Ata este mércores todos os pasaxeiros sen prioridade podían levar un bolso de man e unha maleta sen cargo adicional, aínda que as maletas debían ser etiquetadas na porta do avión para posteriormente ser transportadas na adega de forma gratuíta.

Ryanair recoñeceu que o servizo de embarque prioritario ten un límite de 95 clientes por voo, polo que o resto da pasaxe, máis da metade, deberá pagar oito euros se quere levar unha maleta de man. A autoridade garante da competencia do mercado en Italia informou este mércores de que non permitirá ás aeroliñas de baixo custo Ryanair e Wizz Air cobrar aos seus clientes un suplemento pola equipaxe de man en cabina.

Comentarios