Sánchez comprométese a levar o salario mínimo a 1.000 euros mensuais para 2020

Para conseguir este aumento habería que articular un incremento porcentual do 35,9% nos dous próximos anos

Pedro Sánchez. CHRISTIAN BRUNA (EFE)
photo_camera Pedro Sánchez. CHRISTIAN BRUNA (EFE)

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comprometeuse a levar o salario mínimo interprofesional (SMI) ata os 1.000 euros mensuais para o exercicio 2020, segundo asegura o xefe do Executivo nunha entrevista con 'El diario.es' recollida por Europa Press. 

Actualmente o SMI está situado en 735,9 euros mensuais, polo que elevalo a 1.000 euros suporía que, en dous anos (2019 e 2020), habería que articular un incremento porcentual do 35,9%, o equivalente a 264,1 euros máis. 

Durante a súa etapa na oposición, Sánchez pediu ao entón presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que subise o SMI ata os 1.000 euros ao mes por catorce pagas. Era, xa que logo, unha reivindicación dos socialistas que Sánchez comprométese agora a levar a cabo. 

O Goberno de Mariano Rajoy pactou cos sindicatos unha subida progresiva do SMI para levalo ata os 850 euros mensuais en 2020. En concreto, Rajoy acordou un aumento do 4% en 2018, do 5% en 2019 e do 10% en 2020. Ao final do período, o SMI chegaría aos 850 euros mensuais. 

No entanto, a idea de Sánchez é ir máis aló para subir o SMI ata os 1.000 euros, en liña co que pactaron patronal e sindicatos nas súas recomendacións para os negociadores de convenios colectivos: levar o salario mínimo de convenio ata os 1.000 euros ao mes por catorce pagas en 2020. 

"España crece, pero non redistribúe ese crecemento. Agora mesmo a repartición da renda entre os traballadores e os beneficios empresariais está absolutamente desequilibrado. Creo que hai que recuperar ese equilibrio", subliñou o presidente na súa entrevista con 'El diario.es'. 

Sánchez ve necesario recuperar o poder da negociación colectiva e, por iso, vai impulsar cambios na reforma laboral de 2012 para que os convenios sectoriais prevalezan sobre os de empresa. "Isto é moi importante porque hai unha deterioración e unha precariedade en moitísimos convenios que temos que corrixir", argumenta. 

Comentarios