Sanidade financiará a pílula fronte ao VIH a partir do próximo 1 de novembro

Este tratamento preventivo dispensarase en farmacias de hospitais ou centros asistenciais autorizados, polo que non terá ningún custo directo para o paciente
PrEP. CEDIDA
photo_camera PrEP. CEDIDA

A pílula pre-exposición fronte ao VIH estará incluída na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde a partir do próximo 1 de novembro e dispensarase en farmacias de hospitais ou centros asistenciais autorizados, polo que non terá ningún custo directo para o paciente. 

Aprobada en Europa desde 2016, a profilaxe pre-exposición (PrEP) consiste nun tratamento para previr o VIH en persoas con alto risco de contraer a infección. Trátase dunha combinación de dous fármacos nunha soa pastilla, inxerida unha vez ao día, e que algúns estudos demostraron que reduce en case un 90% as infeccións.

O financiamento da PrEP, un compromiso do Goberno e unha reivindicación dos colectivos LGTBI, enmárcase nunha estratexia global como unha medida adicional e complementaria ás xa existentes, segundo apuntan fontes do Ministerio de Sanidade.

O ministerio estima que a medida vai beneficiar unhas 17.000 persoas

A pílula finánciase para reducir o risco de infección por VIH adquirida sexualmente en persoas con alto risco e que cumpran uns requisitos. Así, poderán acceder a ela homes que manteñen relacións sexuais con homes, algunhas persoas transexuais VIH-negativas maiores de 18 anos e prostitutas. O ministerio estima que a medida vai beneficiar unhas 17.000 persoas

Sanidade considera "indispensable" utilizar todas as estratexias preventivas fronte ao VIH avaladas cientificamente e nese marco é no que se impulsou a estratexia global que contempla tanto a prevención das infeccións de transmisión sexual, como a promoción do uso do preservativo e o diagnóstico e tratamento precoz da infección polo VIH. 

Esta estratexia está a traballarse conxuntamente coas comunidades autónomas na Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do SNS e en estreita colaboración coa sociedade civil, segundo as mesmas fontes. 

Comentarios