"Unha pequena festa inocente pode xerar outra epidemia a nivel nacional"

Fernando Simón asegura que de momento non se detectou ningún rebrote, senón algúns "focos concretos" en Lleida ou Murcia
Fernando Simón. EP
photo_camera Fernando Simón. EP

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, advertiu este mércores de que unha "pequena festa inocente" na que non se respectan as medidas impostas para controlar os contaxios de Covid-19 pode xerar unha nova onda epidémica a nivel nacional. 

En rolda de prensa tras a reunión do Comité Técnico de Seguimento do Coronavirus, o epidemiólogo explicou que polo momento non se detectou ningún sinal dun posible rebrote", aínda que admitiu que hai "focos concretos" nalgunhas provincias (Lleido ou Murcia, por exemplo) con pequenos "agrupamentos de casos que en principio se están controlando correctamente". 

"Pero estes rebrotes que probablemente agora mesmo non temos poderían empezar a partir desas agrupacións locais das que si temos información", alertou, especificando que algunhas reunións sociais con máis xente da permitida na fase na que se atopa ese lugar "puideron ser a orixe deses brotes locais". 

"Hai que ser conscientes de que isto non se terminou. Ir mellorando as restricións non implica que o risco sexa cero. Aínda existe a posibilidade dun brote por unha pequena festa inocente, que podería ser o inicio doutra onda epidémica a nivel nacional. Se non estamos todos xa na terceira fase ou na nova normalidade é porque debemos ir amodo. Aínda hai risco. Pediría por favor que entendan que pasar de fase non é estar libres de risco", afirmou rotundamente. 

A pesar das súas palabras, sinalou que a transmisión poboacional "reduciuse moito" en España por as restritivas medidas de mobilidade. "Hai moi poquita transmisión comunitaria, pero aínda hai algúns focos onde poden transmitirse, alá onde están os positivos, como hospitais.

A pesar da baixa transmisión que temos agora, aínda existen esas cadeas de trasmisión, a pesar de que imos reducindo as medidas de confinamento temos que manter as medidas", concluíu. 

Comentarios